Archive for the ‘Editoriais’ Category

Preescolar na Casa volve ó Parlamento de Galicia, TRINTA ANOS TRINTA MIL FIRMAS.

PnC volve ao Parlamento (El Progreso)

PnC volve ao Parlamento (El Progreso)

Na primeira sesión da IX lexislatura Unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) chega hoxe ó Parlamento de Galicia en virtude da  Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular .”O Parlamento de Galicia, ao aprobar esta Lei, dota ó seu pobo dun instrumento de participación activa para mirar de contribuír á vertebración social e política da Comunidade Autónoma que precisa a conciencia do devir colectivo da nosa cidadanía”.

A letra deste texto “contribuir á vertebración social” xustifica, precisamente,   esta experiencia socio-educativa de atención á infancia. Dicimos que é vertebradora porque se inxire (integra) na comunidade na que nenos e pais viven tratando de equilibrar un territorio ferido gravemente polo despoboamento das áreas rurais e o envellecemento dos seus habitantes. Pero ocorre que as leis teñen unha letra e un espíritu; o espíritu nos tempos que corren, parece andar de vagar, un pouco desnortado pola crise económica e sen tempo para ocuparse de asuntos marxinais.

Pero a cuestión esencial a considerar é que non é realista falar de debate porque segundo o dicionario, debater é discutir  sostendo opinións diferentes e iso non se vai dar. Non se vai dar porque non se van contrastar dous modelos de atención á infancia diferentes.

Como ben sabemos, o modelo Preescolar na Casa foi rexeitado de feito coa falta de apoio por parte da administración pública galega e do outro modelo pouco ou nada sabemos. Sabemos, iso si, que coa familia non se conta. Desde a  máis tenra infancia e sen que se dean situacións nas que sexa estritamente necesario, nenos e nenas van ir a unha Galiña Azul porque, ó parecer, donde se aprende é na escola.

Pero, aínda por riba, esa escola infantil que se oferta non tén carácter educativo, tén carácter asistencial. A lei de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE,1990) recoñecía a etapa cero-tres como educativa e Preescolar na Casa tiña xa no ano 1986 un programa de emisión semanal  en Radio Nacional de España en Galicia para familias con nenos de cero a tres anos.

Un día si e outro tamén, escoitamos nos medios de comunicación cifras conmovedoras da cantidade de pais que chegan ó extremo de teren que denunciar ós seus fillos ou fillas por maltrato familiar.  ¿Qué sente un pai unha nai cando tén que evidenciar ante a sociedade a súa incapacidade para que o seu fillo ou filla axuste os seus comportamentos a un mínimo esixible? ¿Qué sente un neno, unha nena, cando as reaccións cara ós seus pais son de agresión, de insolencia, de desprezo? ¿Qué está a pasar no máis íntimo do seu ser?

Pero o espíritu anda de vagar e non se fai preguntas porque as preguntas requiren respostas e o que non se quere e dar respostas sensatas,  anticipadoras. Respostas que acompañen ós pais e nais, ás familias, no seu difícil papel de educar; respostas que eviten a marxinación, a discriminación e a falta dun desenvolvemento axeitado das capacidades dos nenos e das nenas e da súa intelixencia emocional.

Coa  Proposición de Lei, por iniciativa lexislativa popular, para a confluencia do programa Preescolar na Casa e o ensino público Galego, o que se pretende é que, esa confluencia, teña como resultado final un modelo educativo que implique e apoie ás familias, como mellor garantía do interese superior dos nenos e nenas.

Trinta anos despois…

Están a piques de cumplirse trinta anos de que no pleno do Parlamento de Galicia na súa sesión do 22 de decembro de 1982 se aprobara a seguinte Resolución número 12 de E.G.: “O Parlamento de Galicia insta ao gobern da Xunta de Galicia a estudiar a posibilidade de ampliar o apoio ao servicio de ensino “Preescolar na Casa”, con obxeto de dispor dos necesarios medios financieiros inscritos no Presuposto da Comunidade Autónoma”

O resultado da votación foron 49 votos a favor e 4 en contra, segundo a Mesa. (Desde a tribuna de Prensa deuse por votación unánime) Resolución aprobada. (Revista Preescolar na Casa nº 23 de xaneiro 1982)

Trinta mil firmas…

Trinta mil firmas se recolleron nun breve espazo de tempo. Foi emocionante ver a cantidade de persoas de todas as idades que se achegaban ás mesas de firmas ao longo do país. Para que? Para que vostedes, señorías, que o son por decisión popular,  teñan, cando menos, a sensibilidade de escoitar, de contrastar, de argumentar…, de caer na conta de que se durante trinta anos Preescolar na Casa foi apoiado polos diferentes gobernos de Galicia, merece cando menos que as evidencias amplamente demostradas polas ciencias e asumidas polos gobernos, da importancia da familia e dos primeiros anos da vida de todo ser humano, sexan tidas en conta. Porque é o capital humano o que lle dá riqueza a un país. E vostedes sábeno, claro que o saben. E iso é precisamente o máis doloroso, que sabendo o que saben, fagan o que fan. Conste que quixera equivocarme na decisión que, por maioría, como corresponde, van tomar. Se tiveran o máis mínimo interés neste asunto, esta debate faríase en xuño como correspondía por máis que legalmente podían pospoñelo como, de feito fixeron.

Marisol Fernández Rocha (Preescolar na Casa, Lugo 17-12-12)

A infancia como un suxeito de dereito

No ano 1959 proclámase polas Nacións Unidas a Declaración dos dereitos do neno unha declaración de principios que tiña forza moral pero non xurídica.  Trinta anos despois, no 1989 -20 de novembro- as Nacións Unidas aproban a Convención sobre os Dereitos do Neno, un texto xurídico vinculante, un texto que obriga ós Estados a adecuar as súas leis, os seus regulamentos.

Dicir que a infancia é un suxeito de dereito quere dicir que cada neno, cada nena, vale polo que é aquí e agora, independientemente da súa idade, que vale polo é e non polo que será.

Dicir que cada neno, cada nena, “vale polo que é e non polo que será” significa atendelo e entendelo no seu  “aquí e agora”.

Ese atender e entender no seu “aquí e agora” significa observar as súas tendencias e intereses para coñecer as súas necesidades e poder atendelas.

A necesidade de tocar, de coller “algo” nas mans obríganos a poñer ó seu alcance obxectos que poida agarrar, soltar, …; obxectos diferentes como  unhas castañas, unhas noces que colle e solta ó seu antollo e que poden servir para ir metendo nun tarro de boca ancha ou nun caixiña calquera, … Obxectos que están pola casa, que despertan o seu interese e que non representan nengún perigo, poden ser e son facilitadores de que o neno, a nena, sexan axentes do seu propio desenvolvemento. Cómpre ter moi en conta que “as estruturas do pensamento confórmanse pola acción”. é unha necesidade vital moverse, tocar, explorar, experimentar, tomar a iniciativa, … e temos que entender que “nada hai no entendemento que non teña pasado antes polos sentidos”.

As necesidades e os intereses van mudando coa idade e por iso cómpre estar atentos, observar, para mellor atender e entender.

Non temos que procurar que o neno ou a nena aprenda tal ou cal cousa porque tén que ir á escola. Temos que procurar que a aprenda porque está no momento de aprendela, porque pode aprendela, e nós facilitamos que así sexa. Apréndese aquilo que desperta o noso interese, por iso, “mentras dura o interese por unha cousa é o mellor momento de aprendela”. E isto serve para tódalas idades.

Dicir que a infancia é un suxeito de dereito quere tamén dicir que cada neno, cada nena, tén dereito a ter responsabilidades e a ter deberes, e non se lle dan. E isto tamén  é unha obriga nosa con respecto ós nenos e ás nenas.

Pensemos que canto máis valia un neno/a por sí mesmo/a, máis valerá no futuro. Para que iso sexa así, hai que tratalos con naturalidade, saber escoitar, deixarlles falar, estar ó seu lado e tratalos con respecto porque o neno que vive respectado, aprende a respectar.

E acompañémolos no seu proceso de aprender, valorando os seus éxitos  e sen dar importancia ós seus fracasos. Valorar os éxitos é o mellor camiño para que medre o interese por aprender. A fin de contas, a quen non quere aprender non hai mestre que lle ensine.

Marisol Fernández Rocha

Preescolar na Casa

Sentindo a ausencia

¿Qué importa, irmán, que morra a pomba se deixa os seus pombiños a voar? (Darío Xohán Cabana)

Nestes días nos que en Preescolar na Casa deberíamos estar preparando o comezo de curso…, estamos noutras. Estamos noutras

Sentindo a ausencia Marisol Fdez Rocha

Sentindo a ausencia Marisol Fdez Rocha

circunstancias ben diferentes ó que tantos e tantas quixeramos. Serán moitas as familias, pais, nais, nenos, nenas, avós, avoas… que nos boten en falta. Tamén nós botamos en falta estar entregados á preparación do curso e, aínda que haberá outros momentos para facer un amplo reconto, non podo deixar pasar estas datas sen dirixirme a todos e todas os que dunha maneira ou doutra sintades a ausencia da presenza deses espazos das familias nos que tanto vós –pais, nais, avós, nenos e nenas- tivestes a oportunidade de compartir xogos, reflexións, inquedanzas… e tantas e tantas experiencias difíciles de describir.

Non interesa que o programa Preescolar na Casa teña demostrado que “os primeiros anos son decisivos na formación da persoa adulta”; si, son decisivos porque sodes moitos e moitas os que como pais e nais o tedes comprobado, “que os nenos non agardan”; si, sabemos que a estimulación axeitada e no momento axeitado vai marcando o desenvolvemento de cada neno e de cada nena; “os pais son imprescindibles no proceso educativo” si, e nos primeiros anos non só sodes indispensables, senón que sodes imprescindibles.

Imprescindibles, porque non hai absolutamente ningunha institución que poida suplir a vosa presenza e relación co neno/a na súa propia individualidade. Outra cousa é que as condicións de traballo e as posibilidades de cadaquén aboquen a ter que facer unha escolarización temperá. Pero iso non é o que o neno/a precisan. Todo ten o seu tempo e a construción do apego-desapego ten un tempo para facerse, un tempo no que se constrúe o cerne do ser.

O programa Preescolar na Casa demostrou que se pode confiar nos pais como axentes educativos, e que esa confianza depositada neles, aumenta a súa estima persoal e séntense implicados no exercicio dunha maternidade e paternidade positiva, sabendo que nos primeiros anos se está a conformar o ser dese ser que trouxeron á vida.

O programa Preescolar na Casa explicou con feitos o significado das palabras compensar desigualdades. Igualmente respectou e valorou a nosa cultura, a cultura autóctona, a propia, a nosa; abertos ó mundo desde o que somos e non negando o que somos. E isto fíxose así con tan só partir do contorno social e natural como primeira fonte das aprendizaxes infantís, ideando actividades formativas utilizando os recursos propios e próximos.

O programa Preescolar na Casa foi, como sabedes os que nel participastes, un exemplo cotián de práctica democrática. Non é fácil, amigos e amigas, ver esmorecer, un a un, tantos logros conseguidos con tantos e tantos esforzos. Pero… como ben dixo Darío Xohán Cabana: “¿Qué importa que nos maten se deixamos semente de mencer?”.

Con tanto agarimo como sempre soubestes acoller a quen chegou onda vós como “de Preescolar na Casa”.

Marisol Fernández Rocha (Presidenta da Fundación Preescolar na Casa)

(Publicado no diario El Progreso o 9 de setembro de 2012)

Diante do fin da etapa en Preescolar na Casa

A Fundación Preescolar na Casa puxo fin á súa actividade coa reunión de fin de curso. En dita reunión, a Presidenta da Fundación Marisol Fernández Rocha, en nome de todos os patróns, agradeceu aos traballadores e traballadoras o seu traballo e dedicación ao longo de todos estes anos, manifestando o seu pesar polo peche dunha Fundación que traballou honestamente a prol de mellorar esta sociedade dende o ano 1977. Despois das súas palabras, deuse lectura a unha carta de Alejandro Fernández Pumariño, patrón, ex Presidente da Fundación e persoa que estivo dende os seus inicios en Preescolar na Casa. Deixamos aquí o contido desta carta:

Diante do fin de etapa en Preescolar na Casa

Estamos poñendo remate a un curso escolar e a unha etapa do programa Preescolar na Casa, que pode terminar sendo o remate da súa propia historia.

Estiven acompañando a PnC dende a súa xestación, tanto mentres formaba parte das actividades de Cáritas como dende que acadou autonomía de seu; teño estado presente fisicamente na clausura de algúns dos moitos cursos académicos desenrolados, e hoxe síntome na obriga de dicir algo. Lamentablemente ao final non podo facelo de xeito directo, e por iso remito estas notas que tiña  escritas como guión pra a miña intervención,  por se considerades oportuno que alguén faga lectura dela.

é posible que cumprise esta obriga de dicir algo hoxe  facendo o que contan  fixo Dalí nunha xornada académica nun Centro de Estudios Superiores á que fora convidado: Despois de saudar díxolles ao claustro e alumnos “seré breve; terminé”. Actuando así estaría presente neste acto e, ao tempo, deixaría claro que “non hai palabras”.

De tódolos xeitos hai dúas palabras que non aguanto omitilas: Grazas e ánimo.

1ª GRAZAS!

“é de ben nacidos ser agradecidos”.  A pesares da tristura por ter que compartir a vivencia do remate,  que desexo sexa tan só dunha etapa de PnC, o sentimento de gratitude debe  sobrepoñerse:

- Grazas a tódolos traballadores que fixestes de PnC o que chegou a ser; todos aportástedes saber e entusiasmo ate tal punto que foi posible sacar  aos pais da rutina de cada día para tentar xuntos fornecer as súas habilidades educativas; foi iso o que acadou que unha idea educativa acertada de don Antonio Gandoy fose perfilándose ate acadar o recoñecemento de propios e alleos. Foi o voso traballo polas aldeas, vilas e cidades de Galicia o que mereceu o recoñecemento da sociedade en xeral, e particularmente dos pais que participaron no programa e das autoridades educativas que o validaron, ao punto de que as Administracións o financiaron. Por iso quero deixar constancia neste relevante acto do meu agradecemento a todos, ós que estades aquí hoxe e ós que non puideron estar, e tamén ós que estiveron e deixaron de estalo, particularmente ós que  tiveron que abandonar polo despedimento de hai  seis meses;  que eles recibisen tal despedimento non impediu que, finalmente, teña que acontecer o mesmo para  os demais.

- Grazas aos que foron integrantes do Consello de Caritas de Lugo ate que naceu a Fundación e integrantes do Padroado da Fundacion, dende os finados don Antonio Gandoy, don Aurelio, e dona Adela Vila ate os que o seguen a ser, pasando polos que deixaron de selo por esgotar o prazo para o que foran elixidos ou por vontade propia, porque a súa presenza e intervención non só foi legalmente necesaria senón vivencialmente imprescindible;  non só para o acerto nas decisións senón sobre todo na decisión máis relevante que foi a de tirar para diante a pesares da angustia e medo que sempre nos acompañaron pola inseguridade de futuro, que foi a característica esencial deste programa dende que naceu e ate hoxe

- Grazas aos técnicos das Administracións, tanto da Consellería de Educación como dos demais departamentos da Administración Central, autonómica e local que nos financiaron, por ternos sometido a avaliación permanente tanto dos métodos pedagóxicos empregados como dos resultados acadados, e mesmo por ter revisado tódolos anos as nosas contas; se os Sres. Inspectores de Educación e os Sres. Interventores non tivesen cumprido tales cometidos seguro que non sempre teríamos acertado a estar en estado de permanente revisión.

- Grazas aos que desempeñaron os cargos de decisión nas administracións central, autonómica e local durante o tempo en que estas administracións nos estiveron financiando, porque demostraron saber buscar a maneira de dedicar unha importante cantidade económica para este programa de educación infantil familiar a pesar de dispoñer sempre de orzamentos insuficientes.

Sendo os ingresos da comunidade autónoma de Galicia moi inferiores aos que actualmente tén,  houbo  responsables políticos que foron capaces de dar prioridade ó financiamento  dun programa que estivo a ser durante todos estes anos un acicate eficaz a prol do mantemento do rural.

Os que dirixen agora os departamentos da Xunta de Galicia mudaron de criterio, pero non foi porque o labor dos traballadores de PnC perdese calidade ou eficiencia, pois ningún informe de Inspector de Educación algún se nos fixo chegar en tal sentido. A través dos medios de comunicación chegaron algunhas razóns para ter mudado de criterio, e mesmo en vía parlamentaria se expresaron aparentes “razóns”  para xustificar o remate das subvencións a PnC, pero, con todo respecto, non as estimo convincentes; fronte a elas alzou a súa voz un elevado número de cidadáns e dende logo sindicatos e, mesmo, os partidos políticos. é unha decisión política e hai que acatala, porque non cabe outra, pero quédanos o dereito a discrepar.  Estimo que era máis coherente dicir que é un dos recortes provocados pola crise económica, pero tal alegación non podería evitar que se constatase  que a capacidade económica da Xunta de Galicia é hoxe superior á que tiña cando non só subvencionaba a PnC senón que a impulsou incorporándolle o que fora o programa “En familia”. Xa daquela existían en Galicia as circunstancias escolares ás que agora se alude como razón para afastar a PnC do financiamento.

Grazas a sociedade en xeral por ter acollido o labor desenrolado, por telo valorado, por telo apoiado, por telo defendido… Cantos esforzos dos integrantes dos Sindicatos, dos partidos políticos (de todos eles sen excepción) cantos persoeiros manifestándose a prol de PnC, dende pais e nais que estaban participando ou tiñan participado, ate políticos que estiveron ao noso carón, ate catedráticos das Universidades de Galicia, ate escritores e mesmo tertulianos. A sociedade galega foi un clamor fronte á desaparición de PnC, polo que, a pesares de estar agora na Unidade de Coidados Paliativos,  ainda non está dita a última palabra

2ª.- ANIMO!

Os traballadores de PnC pasades a vivir unha moi triste experiencia, ao igual que moitos miles de traballadores de España; tedes que afrontala coa mesma convicción que tedes afrontado o traballo en PnC; se fostes capaces de conseguir que os pais saísen da súa casa para dedicar un tempo a reflexionar xuntos a prol dos nenos,  tedes demostrado capacidade e forza suficiente para enfrontar a nova situación e saír adiante…

Compartimos a tristura por ver desaparecer algo no que tíñamos ilusión, pero cómpre seguir;  e, por iso,  deséxovos  sorte para que o antes posible contedes con actividade remunerada.

Quero que saibades que estou agradecido pola consideración que sempre me tedes dispensado. Graciñas.

Alejandro Fernández Pumariño

S.O.S. Preescolar na Casa

PREESCOLAR NA CASA nace da idea, iniciativa e vital compromiso de “Don Antonio”, “O cura da bicicleta”, persoa querida que ocupou a súa vida nos

Preescolar na Casa A aventura de crecer, o desafío de educar

Preescolar na Casa A aventura de crecer, o desafío de educar

necesitados e na formación de “nenos e nenas da aldea”.

PREESCOLAR NA CASA nace da sensibilidade en valores enfiados cara comportamentos tolerantes. O seu obxectivo principal é a nenez e a xuventude. Comeza a súa andaina no rural (de Lugo), en raíces que comen desta terra bondadosa e da cultura onde ten presenza o valor da palabra, a honradez, o traballo e o nome dunha familia como referente de moitas cousas. Trátase de traballar polos pobres e os nenos, na idea de que cultura e educación traen liberdade ás persoas e progreso para os pobos, aplicando a metodoloxía de que o futuro pasa por “ensinar a pescar”, máis que “dar peixe”, e no convencemento de que os nenos constitúen a gran esperanza de futuro, mediante a utilización da formación e o ensino en valores.

Entre eses valores están a familia e o necesario respecto ao entorno e á cultura propia, o que resultaba máis acaído e coherente naquel rural en tempos distintos dos actuais (medios de transporte escasos e comunicacións pouco fluídas).

En PREESCOLAR NA CASA a nai e o pai son os mellores cómplices para a educación integral en valores do neno; o interese está  garantido porque os pais queren o mellor futuro para os fillos e non haberá regateo nin merma na dedicación que resulte precisa. Todo pai sabe do seu compromiso cos fillos e quere facelo ben,   pero hai  ocasións nas que calquera pai e nai dubidan sobre o qué facer ou o  qué dicir, de maneira que senten  desacougo e inseguridade, que se transmite na relación cos fillos. Por iso se constatou e constata  que o ámbito familiar necesita espazos onde compartir a crianza, dúbidas, temores e novidades relacionadas co desenvolvemento dos fillos que Read the rest of this entry »

Estamos aquí por unha boa causa: pola educación


Reproducimos as palabras da Presidenta da Fundación Preescolar na Casa, Marisol Fdez. Rocha no Acto de Inauguración das II XORNADAS EDUCANDO NA INFANCIA E NA ADOLESCENCIA celebradas na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo o día 3 de marzo.

Bo día e graciñas por estar:

Convócasenos aquí para repensarmos a educación entre os 6 e os 12 anos.

Recibimos como un agasallo, como un recoñecemento, e polo tanto con gratitude, que a Fundación SM teña contado con Preescolar na Casa para organizar en Lugo estas Xornadas que, como sabedes, comezaron aquí o ano pasado, arredor destas datas, cunha “mirada á primeira infancia”; continúan este ano con “repensando a educación entre os 6 e os 12 anos” e continuarán no 2013, centrándose na educación na adolescencia.

Gratitude tamén ós relatores, ós conferenciantes, que van compartir con nós o seu saber, as súas reflexións.

Gratitude ós que nos van mostrar as súas experiencias que imos ter despois de cada conferencia e que van contribuír a visualizar “a práctica da teoría” e polo tanto aportar, igualmente, elementos para a reflexión.

Gratitude a este Centro que nos acolle, na persoa do seu Director -D. Francisco Rodríguez Lestegás-, que nos acompaña nesta mesa, e a todos e todas os que levades días traballando para que todo se desenvolva da mellor maneira posible.

E graciñas a todos e a todas por vir. Estamos aquí por unha boa causa, pola educación.

Estamos aquí porque Read the rest of this entry »

Unha manifestación política?

Estatua de Antonio Gandoy (Lugo)

Estatua de Antonio Gandoy (Lugo)

Esta carta foi publicada no diario El Progreso o sábado 26 de novembro, día no que se celebrou en Lugo unha manifestación de apoio ao noso programa. Reproducímola:

A través dos medios de comunicación chegounos información da manifestación que para o día de hoxe está convocada, na cidade de Lugo, pola  supervivencia do Programa Preescolar na Casa. Sairá ás doce da Praza do Ferrol ata a Praza do Rei, xunto á estatua do fundador, D. Antonio Gandoy.

No número 3 da Praza de Ferrol, no terceiro andar, tiña as súas instalacións Cáritas Diocesana de Lugo.  Aí foi o lugar de encontro, traballo e reflexión para os que puxeron en marcha un programa ó que houbo que poñerlle un nome que, barallando varias alternativas, quedou co de  Preescolar na Casa.

é importante o contexto socio-económico no que este programa nacía pero,- en aras da brevidade- pretendía evitar a marxinación educativa dos nenos e nenas do rural que non tiñan oportunidade de asistir a un centro de educación preescolar, entrando na escola con seis anos cunhas desvantaxes inicias que, nunha porcentaxe escandalosamente elevada levaban inexcusablemente ó retraso escolar.

Afírmase, non sen razón, que o rural de hoxe non é o rural que xustificou, no seu momento, o nacemento deste programa. A esta afirmación que compartimos, hai que responder que tampouco o Preescolar na Casa de hoxe é aquel que se poñía a andar en xaneiro do ano 1977 con toda a forza e convición que D. Antonio Gandoy poñía no que facía e co imprescindible apoio e axuda daqueles voluntarios que apostaron tamén por esa causa.

Cando a etapa 0-3 non estaba recoñecida oficialmente como etapa educativa, Preescolar na Casa xa viña traballando niso coas familias e no  ano 86 emitía semanalmente, desde Radio Nacional de España en Galicia, un programa educativo para pais de nenos de cero a tres anos cunha duración de trinta minutos. adiantándose ó recoñecemento da etapa 0-3 como etapa educativa.

No ano 1990, cunha subvención do Ministerio de Asuntos Sociais  -con cargo ó IRPF-, poñía en marcha o programa  específico de atención ás familias con nenos/as comprendidos entre os 0 e os 3 anos.

E seguiu evolucionando. Os que participan no programa saben moi ben o que se lles ofrece, saben moi ben o que significa que Preescolar na Casa lles ofreza a oportunidade de compartir con outros pais e nais as súas certezas e as súas dúbidas, de observar o comportamento dos seus nenos e nenas con outros nenos e nenas…, de implicarse gozosamente cos seus fillos e fillas na aventura de crecer e o desafío de educar.

Non é de recibo dicir no Parlamento Galego que non se aposta por este programa porque non responde ás necesidades actuais e que se ofreza no rural a alternativa escolar.

Responder ás necesidades actuais é acompañar canto antes ós pais, ás familias, na súa difícil tarefa de educar. Precisamente para non dicirnos despois desde as instancias educativas, desde a mesma sociedade e desde artigos de prensa que diante dos riscos de internet, do acoso escolar, das drogas e o alcohol, da violencia sexista, das bandas xuvenís  e do fracaso escolar, “unha vez máis, a solución ten que pasar pola familia: implicación, autoridade e formación”. E iso, pregunto eu, quen, como e onde se fai? A que lugar poden acudir as familias que pretenden implicarse, educar con autoridade e formarse?

De momento, salvo a Preescolar na Casa, a ningures. Non ma comparen con outra cousa.

Manifestación política? Claro, pero non partidista, que non é o mesmo.

é a esixencia dun dereito e dunha cuestión social porque como ben se ten dito: “unha sociedade avanza na medida en que se preocupa polos nenos”.

Marisol Fernández Rocha (Membro da Fundación Preescolar na Casa)

Con motivo da Manifestación en Lugo

En Lugo, a carón da estatua de don Antonio Gandoy, rematou unha das manifestacións máis multitudinarias que se recordan na cidade. Varios centos de persoas que sobrepasaban o millar, démonos cita para reivindicar unha vez máis a vixencia, a necesidade dun programa que leva 35 anos facendo historia, tecendo redes sociais, vertebrando o territorio, apostando pola lingua e a cultura da nosa terra, a carón das familias e dos seus fillos máis pequenos.

Esta manifestación quería e conseguíu salientar e facer visible algo polo que agora aposta o Consello Europeo e recomenda a todos os membros: traballar a prol da parentalidade positiva.

Dixémolo nas rúas de Lugo con centos de familias con nenos pequenos. Reivindicámolo os profesionais da Fundación Preescolar na Casa. E berrámolo cos sindicatos, organizacións cidadás e amigos. O sábado, 26 de novembro, desde a Praza do Rei e aos pés do fundador de Preescolar na Casa mostramos publicamente a nosa gratitude. Damos as grazas a todas e a todos e unha aperta emocionada polo voso apoio, polo voso ánimo para seguir loitando.

Queremos que a nosa presenza, os nosos berros e a nosas reivindicacións cheguen, e fagades chegar, a todos e cada un dos responsables políticos que nos gobernan, que están ao servizo do pobo, e que teñen a obriga de apoiar a Preescolar na Casa. O que é válido e valioso para tantos non pode morrer pola falta de apoio duns poucos.

Outra vez a todos, a todas desde Lugo, moitísimas grazas!!!

Preescolar na Casa non é iso, señora Beatriz Mato

Señora Conselleira:

Vimos de escoitala no programa de entrevistas de V Televisión. Según vostede, a súa Consellería agradece a Preescolar na Casa os servizos prestados, pero agora aposta por outro modelo educativo: o das Galiñas Azuis e a creación de miles de postos en escolas infantís no rural, xusto onde case non quedan nenos, porque para certos modelos políticos, señora Mato, o rural xa non existe.

Similar argumentación escoitamos á diputada Marisol Piñeiro en resposta a unha moción no Parlamento a prol do mantemento das axudas a Preescolar na Casa.

A idea que vostedes teñen na cabeza non se corresponde coa realidade. E sábeno ben.

Preescolar na Casa non é unha escola infantil.

Preescolar na Casa non foi unha galescola.

Preescolar na Casa tampouco será unha Galiña Azul.

Preescolar na Casa é un modelo educativo con diferentes propostas, e un referente en educación infantil familiar para o resto do Estado e para Europa, onde fomos explicar o noso modelo enviados, por certo, pola súa Consellería. é un referente, sobre todo despois de que a Comunidade Europea apostara pola parentalidade positiva como unha das mellores vías de futuro para unha sociedade educada. E sobre todo despois de que gobernos europeos dos países máis avanzados, como o de Inglaterra, veñan de crear un servizo educativo para pais e nais con fillos de 0 a 5 anos. Acaban de descubrir o que Preescolar na Casa fai desde hai 34 anos: que a formación de pais para educar mellor desde os primeiros anos é o máis definitorio na vida de cada persoa. E que é xusto aí onde hai que facer os maiores e mellores esforzos.

Personalidades educativas relevantes felicitan en cada foro a presenza dun programa como Preescolar na Casa, os últimos en Madrid e Praga. E din que cada euro investido en educación infantil é máis relevante socialmente que investido na etapa universitaria

Temos, á súa disposición, infinitas testemuñas de personalidades relevantes. Defenderon e defenden o imprescindible labor educativo de Preescolar na Casa. En apoio á familia, tema tan querido por vostedes. En defensa da lingua e da cultura galega. Na vertebración do territorio, asignatura dramática e pendente. Na presenza en apoio dos máis desfavorecidos, como o rural e a montaña, nais e pais no cárcere, inmigrantes, Proxecto Home, barrios das vilas. Na cidade da Coruña por exemplo atendíamos a máis de duascentas familias.

Señora Beatriz Mato, Preescolar na Casa non é o que vostede contou na entrevista. Non somos un programa caduco nin queremos manter unha Galicia que non existe. Ao longo de trinta e catro anos centos de profesionais, que costou tanto formar, e moitos miles de familias fixeron xuntos un traballo impresionante. Como programa vivo fomos adaptándonos ás circuntancias sociais e educativas cambiantes. Somos un programa querido e demandado: temos moitísimas testemuñas á sua disposición.

Por encargo de vostedes estamos agora mesmo en foros nacionais e internacionais que están na vangarda educativa europea, alí onde a atención á infancia e ás familais define a unha sociedade avanzada. Por encargo de vostedes creamos e desenvolvimos o Espazo das Familias en 32 escolas infantís dependentes a da súa Consellería, porque a realidade di que ante necesidades diversas precísase diversidade de servizos. Mesmo temos impartido cursos aos profesionais que traballan nas escolas infantís dependentes da Xunta. Pode preguntar aos profesionais pola formación e información recibidas para levar adiante un traballo educativo de calidade cos nenos e coas familias.

Temos unha revista educativa cunha tirada de 4500 exemplares. Coñece vostede unha revista educativa galega con esa difusión?

Temos cinco programas de radio, un deles na Galega, loado polos seus responsables como vostede pode comprobar. O programa na TVG de Preescolar na Casa leva emitidos 680 programas. Non é difícil atopalo na grella: é o único programa educativo.

Por todo iso invitámola, señora Conselleira, a compartir o noso traballo. Temos moitísimo que dicirlle e moito que falar con vostede, se como responsable política quere escoitar aos que representa. Decatarase de que Preescolar na Casa non se dedica a facer palotes cos meniños. Apostou pola formación de pais e nais como a mellor opción para a mellora da sociedade. E fíxese se estabamos no certo que o noso modelo educativo é válido para unha Europa que aposta por esta vía.

A nosa é unha proposta válida, ambiciosa e moi barata. E de futuro. Porque queremos crer con vostede, no futuro dun país con nenas e nenos, con xente nova, con familias conscientes da súa importancia na educación dos fillos, e non nun país de vellos e de rapaces condenados outra vez a emigrar.

Agradecemos os minutos roubados á súa apretada axenda para ler con atención e cariño estas liñas. E invitámola de corazón a unha reunión para explicar polo miúdo o que fixo, o que fai, o que quere facer Preescolar na Casa.

Un saúdo e unha aperta. Con infinito respecto.

A crise obríganos a ser fortes

Como cada mes de setembro, dende hai 34 anos, dende a Fundación Preescolar na Casa retomamos o labor de orientación ás familias, coa misión de contribuír a crear unha cultura da infancia e reforzar a competencia educativa familiar.

Iniciamos este curso nunha difícil situación, cos profesionais afectados por un ERE, froito dos recortes económicos que vimos sufrindo por parte da Administración. Isto trouxo como consecuencia que 20 destes profesionais non comecen a traballar o día 1 de setembro, e que 19 o fagan a media xornada. Seguirán a xornada completa 13 mestres funcionarios e 3 traballadores da Fundación.

Esta situación obríganos a reducir a nosa presenza no territorio, co cal o número de familias beneficiarias deste servizo verase seriamente reducido, como se ven anunciando dende o pasado mes de maio.

Diante deste panorama, fieis aos valores que nos identifican, comezaremos ofrecendo o servizo ás familias que viven no rural e a aqueles colectivos ou poboacións máis desfavorecidos socialmente.

A través deste medio, queremos agradecerlles profundamente a todas aquelas persoas e institucións que dunha maneira ou doutra nos fixeron e fan chegar o seu apoio ao mesmo que lamentamos profundamente non poder ofrecer este servizo de orientación, a todas as familias que no lo solicitan e que o estaban recibindo ata este momento.

Invitamos a todas e todos os interesados en seguirnos, a que o fagan a través dos diversos medios dos que dispoñemos: programas de radio, programa de televisión, revista, publicacións diversas relacionadas co ámbito da educación familiar e a través da web, do blog e de facebook.

Recordámoslles que a Fundación Preescolar na Casa é unha entidade sen ánimo de lucro, que opera en toda Galicia dende o ano 1977 con profesionais do ámbito educativo, ofrecendo espazos para que as familias compartan un tempo de calidade cos fillos e con outras familias, espazos nos que están acompañados dun profesional da Fundación que orienta e facilita información e formación sobre os diferentes aspectos relacionados coa educación dos fillos e fillas.

Pese a ser tempos difíciles, trataremos de insistir na nosa misión, pioneira e referente a nivel social e educativo. Traballaremos coma o viñemos facendo ata de agora, con honestidade e transparencia, co fin de axudar ás familias a exercer unha parentalidade positiva.

Esperamos que esta sexa unha situación transitoria, durante a cal loitaremos para que o noso traballo poida continuar desenvolvéndose, polo menos como o viñemos facendo nos últimos anos en beneficio da sociedade galega.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag