Unha manifestación política?

Estatua de Antonio Gandoy (Lugo)

Estatua de Antonio Gandoy (Lugo)

Esta carta foi publicada no diario El Progreso o sábado 26 de novembro, día no que se celebrou en Lugo unha manifestación de apoio ao noso programa. Reproducímola:

A través dos medios de comunicación chegounos información da manifestación que para o día de hoxe está convocada, na cidade de Lugo, pola  supervivencia do Programa Preescolar na Casa. Sairá ás doce da Praza do Ferrol ata a Praza do Rei, xunto á estatua do fundador, D. Antonio Gandoy.

No número 3 da Praza de Ferrol, no terceiro andar, tiña as súas instalacións Cáritas Diocesana de Lugo.  Aí foi o lugar de encontro, traballo e reflexión para os que puxeron en marcha un programa ó que houbo que poñerlle un nome que, barallando varias alternativas, quedou co de  Preescolar na Casa.

é importante o contexto socio-económico no que este programa nacía pero,- en aras da brevidade- pretendía evitar a marxinación educativa dos nenos e nenas do rural que non tiñan oportunidade de asistir a un centro de educación preescolar, entrando na escola con seis anos cunhas desvantaxes inicias que, nunha porcentaxe escandalosamente elevada levaban inexcusablemente ó retraso escolar.

Afírmase, non sen razón, que o rural de hoxe non é o rural que xustificou, no seu momento, o nacemento deste programa. A esta afirmación que compartimos, hai que responder que tampouco o Preescolar na Casa de hoxe é aquel que se poñía a andar en xaneiro do ano 1977 con toda a forza e convición que D. Antonio Gandoy poñía no que facía e co imprescindible apoio e axuda daqueles voluntarios que apostaron tamén por esa causa.

Cando a etapa 0-3 non estaba recoñecida oficialmente como etapa educativa, Preescolar na Casa xa viña traballando niso coas familias e no  ano 86 emitía semanalmente, desde Radio Nacional de España en Galicia, un programa educativo para pais de nenos de cero a tres anos cunha duración de trinta minutos. adiantándose ó recoñecemento da etapa 0-3 como etapa educativa.

No ano 1990, cunha subvención do Ministerio de Asuntos Sociais  -con cargo ó IRPF-, poñía en marcha o programa  específico de atención ás familias con nenos/as comprendidos entre os 0 e os 3 anos.

E seguiu evolucionando. Os que participan no programa saben moi ben o que se lles ofrece, saben moi ben o que significa que Preescolar na Casa lles ofreza a oportunidade de compartir con outros pais e nais as súas certezas e as súas dúbidas, de observar o comportamento dos seus nenos e nenas con outros nenos e nenas…, de implicarse gozosamente cos seus fillos e fillas na aventura de crecer e o desafío de educar.

Non é de recibo dicir no Parlamento Galego que non se aposta por este programa porque non responde ás necesidades actuais e que se ofreza no rural a alternativa escolar.

Responder ás necesidades actuais é acompañar canto antes ós pais, ás familias, na súa difícil tarefa de educar. Precisamente para non dicirnos despois desde as instancias educativas, desde a mesma sociedade e desde artigos de prensa que diante dos riscos de internet, do acoso escolar, das drogas e o alcohol, da violencia sexista, das bandas xuvenís  e do fracaso escolar, “unha vez máis, a solución ten que pasar pola familia: implicación, autoridade e formación”. E iso, pregunto eu, quen, como e onde se fai? A que lugar poden acudir as familias que pretenden implicarse, educar con autoridade e formarse?

De momento, salvo a Preescolar na Casa, a ningures. Non ma comparen con outra cousa.

Manifestación política? Claro, pero non partidista, que non é o mesmo.

é a esixencia dun dereito e dunha cuestión social porque como ben se ten dito: “unha sociedade avanza na medida en que se preocupa polos nenos”.

Marisol Fernández Rocha (Membro da Fundación Preescolar na Casa)

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag