A infancia como un suxeito de dereito

No ano 1959 proclámase polas Nacións Unidas a Declaración dos dereitos do neno unha declaración de principios que tiña forza moral pero non xurídica.  Trinta anos despois, no 1989 -20 de novembro- as Nacións Unidas aproban a Convención sobre os Dereitos do Neno, un texto xurídico vinculante, un texto que obriga ós Estados a adecuar as súas leis, os seus regulamentos.

Dicir que a infancia é un suxeito de dereito quere dicir que cada neno, cada nena, vale polo que é aquí e agora, independientemente da súa idade, que vale polo é e non polo que será.

Dicir que cada neno, cada nena, “vale polo que é e non polo que será” significa atendelo e entendelo no seu  “aquí e agora”.

Ese atender e entender no seu “aquí e agora” significa observar as súas tendencias e intereses para coñecer as súas necesidades e poder atendelas.

A necesidade de tocar, de coller “algo” nas mans obríganos a poñer ó seu alcance obxectos que poida agarrar, soltar, …; obxectos diferentes como  unhas castañas, unhas noces que colle e solta ó seu antollo e que poden servir para ir metendo nun tarro de boca ancha ou nun caixiña calquera, … Obxectos que están pola casa, que despertan o seu interese e que non representan nengún perigo, poden ser e son facilitadores de que o neno, a nena, sexan axentes do seu propio desenvolvemento. Cómpre ter moi en conta que “as estruturas do pensamento confórmanse pola acción”. é unha necesidade vital moverse, tocar, explorar, experimentar, tomar a iniciativa, … e temos que entender que “nada hai no entendemento que non teña pasado antes polos sentidos”.

As necesidades e os intereses van mudando coa idade e por iso cómpre estar atentos, observar, para mellor atender e entender.

Non temos que procurar que o neno ou a nena aprenda tal ou cal cousa porque tén que ir á escola. Temos que procurar que a aprenda porque está no momento de aprendela, porque pode aprendela, e nós facilitamos que así sexa. Apréndese aquilo que desperta o noso interese, por iso, “mentras dura o interese por unha cousa é o mellor momento de aprendela”. E isto serve para tódalas idades.

Dicir que a infancia é un suxeito de dereito quere tamén dicir que cada neno, cada nena, tén dereito a ter responsabilidades e a ter deberes, e non se lle dan. E isto tamén  é unha obriga nosa con respecto ós nenos e ás nenas.

Pensemos que canto máis valia un neno/a por sí mesmo/a, máis valerá no futuro. Para que iso sexa así, hai que tratalos con naturalidade, saber escoitar, deixarlles falar, estar ó seu lado e tratalos con respecto porque o neno que vive respectado, aprende a respectar.

E acompañémolos no seu proceso de aprender, valorando os seus éxitos  e sen dar importancia ós seus fracasos. Valorar os éxitos é o mellor camiño para que medre o interese por aprender. A fin de contas, a quen non quere aprender non hai mestre que lle ensine.

Marisol Fernández Rocha

Preescolar na Casa

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag