Preescolar na Casa e a Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy
Esta web está sostida cos fondos da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fins primordiais defender e reivindicar a importancia educativa da familia nos primeiros anos, así como un compromiso firme coa lingua, a cultura, a contorna e o saber propios como bens imprescindibles para o desenvolvemento da persoa. (Ver Misión, Visión e Valores da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy)
A Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy mercou o 21 de marzo no Xulgado do Mercantil bens da extinta Fundación Preescolar na Casa, entre os que se encontra a propia marca “Preescolar na Casa”. (Ver nova)
Os membros da Asociación, formada maioritariamente por antigos traballadores de Preescolar na Casa abordamos este feito porque nacemos co fin primordial de preservar e difundir o legado inmaterial do pensamento e as accións promovidas por Antonio Gandoy, “o crego da bicicleta”, principalmente as vinculadas ao programa Preescolar na Casa.
Porque tantos anos de estudio e traballo educativo a prol da infancia galega ben merecen ser postos en valor, ben merecen ser ensinados, estudados e perpetuados a través de novas actuacións dirixidas á infancia temperá e as súas familias.
A Asociación ten o nome de Antonio Gandoy por ser esta persoa un referente de todos os que formamos a mesma, e considerar a este home bo e xeneroso un exemplo a seguir nos ámbitos educativo, social, e, porque non dicilo, tamén persoal. Un home que marcou fondamente a todos os que o coñecimos.
Si queredes saber máis da nosa Asociación, ou de Preescolar na Casa, podedes poñervos en contacto connosco picando aquí.
Preescolar na Casa
Deixamos un artigo de Helena Villar Janeiro que se publicara no seu momento e que se nos pasara colgar neste blogue. Grazas polas súas palabras:
ISO QUE DIN que está caendo acabou con Preescolar na casa, un programa educativo do máis innovador, útil e exportable ao mundo que creou en 1977 o crego lugués do barrio do Catasol, humilde, orixinal e visionario, que se chamaba Antonio Gandoy e andaba con chaqueta de punto gris –que diciamos “vespa”– en bicicleta. Preescolar na Casa foi unha estratexia educativa patrimonio inmaterial galego e, como tal, debera estar protexido. Pero só quedará na memoria de quen traballou nel, de quen soubo da súa valía e, sobre todo, de quen aproveitou as súas virtualidades. Non hai nada máis produtivo en educación que un proxecto para actuar sobre a familia e multiplicar así os resultados. Elevar o nivel cultural e cooperativo das familias para educar nos primeiros anos a proxenie é unha inversión que optimiza os resultados pedagóxicos como ningunha.
Nado da necesidade de igualar oportunidades no noso disperso hábitat, fiel á crenza das potencialidades da parentela educadora, salvagarda da lingua e da cultura no rural, asesorou a milleiros de familias para desenvolver as primeiras habilidades que ha conquistar canto antes quen non pode asistir á escola. O desenvolvemento das primeiras aprendizaxes era dirixido polas persoas coas que convivía a criatura mentres medraba.
Fomentaba a acción dos adultos no desenvolvemento doméstico da educación globalizada da xente miúda e promocionaba fundamentalmente a educación en valores ata o punto de cumprir os requisitos dunha orientación pedagóxica recomendada pola comisión de ministros da Unión Europea que solicitou aos ámbitos políticos que tomen as medidas necesarias para apoiar a implicación das familias nos programas educacionais.
Preescolar na Casa foi un servizo que nada ten que ver cos que prestan as escolas infantís. Chegaba ás familias a través das reunións periódicas de adultos e meniños cos orientadores, da súa estupenda revista e dos medios de comunicación. Pero nin as 40.000 firmas recollidas a favor da súa continuidade foron suficientes para parar iso que din que está caendo e alá vai un programa de prestixio internacional que este curso aínda atendeu a 4.000 familias repartidas en 267 concellos a través dos 660 espazos onde se compartían experiencias e se analizaban as actividades. Aquí queda esta pequena homenaxe.
Preescolar na Casa: educación integral
Facémonos eco dun artigo no que se reivindica a presenza de Preescolar na Casa como programa de educación integral para familias e crianzas por parte da Mesa Galega de Ensino no Rural, colectivo formado polos principais sindicatos e organizacións pedagóxicas de Galicia (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, STEG, FETE-UGT, Asociación SocioPedagóxica Galega e Nova Escola Galega).
Euros e rapaces no lixo
Deixamos un artigo publicado no diario El Progreso onde se cita a Preescolar na Casa:
Chegou cun pan baixo o brazo no mellor hospital para nacer: o Hula de Lugo. Na despedida do persoal especializado que lles atendeu, non se preocupan polo que costou chegar a este mundo. A eles nada, excepto os bombóns. Ao Estado, miles de euros.
O tempo voa e o neno xa ten dous anos. Foi moitas veces ao pediatra, cun amplo programa de vacinas e ata visitou a Uci por algo que non foi nada. A custe cero.
Agora está nunha Galiña Azul, aínda que non poderá contar co benemérito programa de parentalidade positiva, Preescolar na Casa, que irresponsables políticos borraron do mapa galego. Con tres anos entrará no colexio. Nove cursos nunha custosísima infraestrutura e mestres especializados. Comedor subvencionado. E sen pagar un euro, excepto o malgasto en Read the rest of this entry »
Cuestión de educación
Salvando as distancias que queiramos (España non é Finlandia), cómpre analizar con detalle o sistema educativo finés e aplicarnos algo do conto. Un pobo educado é un pobo libre. Pais e nais, escola e sociedade en xeral están implicados XUNTOS na educación de nenos e nenas:
Pica aquí para ver o programa Cuestión de Educación.
Cuestión de educación e cuestión de prioridades: cando en tempos de crise uns apostan polo investimento en educación como porta de saída á crise, outros, polo contrario.
Dalle tempo ao neno
Deixamos aquí un artigo de opinión de José Manuel Vázquez López, do Departamento de Orientación do CEIP Ramón Artaza (Muros) publicado no último número da revista EDUGA (nº 64) no que fala da importancia de dedicarlles tempo aos nenos. O tempo familiar sería máis favorecedor para o neno ou a nena se fose un tempo activo e de calidade. Dende esta óptica, fala do traballo que neste sentido viña realizando Preescolar na Casa.
O comportamento do neno na escola dependerá, sobre todo, do estilo educativo e do tempo dedicado polos pais no fogar. Estes son conceptos fortemente vinculados porque o alumnado é o reflexo da duración e do tipo de educación familiar, e inflúe máis nel a falta destes, analogamente ao pensamento de Nietzsche cando afirmaba: “En nuestra vida influyen no solo las cosas que nos pasan, sino también, y acaso más, las que no nos pasan” (Nietzsche, 1887). Non obstante, o adulto pode influír máis no neno deixando de ofrecerlle experiencias.
Desde un punto de vista psicolóxico, toda experiencia levada a cabo con prudencia vén asociada a unha aprendizaxe nova ou acumulativa. Polo tanto, cos cativos cómpre acompañamentos activos vinculados a novos coñecementos. Os nenos necesitan a atención dos seus pais tanto coma o sustento alimenticio diario. A súa falta será expresada polo cativo con comportamentos anómalos ou sen eles. Este feito por imperativos vitais reflíctese na escola e na vida diaria. Cada impresión ten unha expresión ou debería tela. O propio ser busca as maneiras de liberar as experiencias, baséase nisto a importancia da escoita das vivencias escolares. Deste xeito, a escola complementa o labor principal feito polos pais.
Este factor é unha das claves para a transformación e o desenvolvemento comunitario (Ferradás, 2004, páx.15). Se entendemos a conciliación familiar como un tempo activo, un simple paseo pode ser un momento educativo fantástico cheo de preguntas e respostas. A comunicación activa será, polo tanto, un factor básico: charla sobre a paisaxe, o clima, as razóns, lecturas etc. De feito, importa tanto a calidade de tempo coma a súa cantidade. Centrémonos na cantidade. O tempo é un factor normativo, por moi bos momentos que compartamos co cativo, é importante unha certa duración, sobre todo cando os conceptos que queremos transmitir son atmosféricos e se trasladan por imitación, falamos de ensinar estados de ánimo –a paciencia, a constancia, a tranquilidade, o silencio ou a atención–.
No desaparecido programa Preescolar na Casa dicíase: “O neno aprende máis polo que ve ca polo que se lle di”. Podemos dicir que a educación é a chave para que as familias alcancen a cultura e o saber. Son moitos os feitos que inciden nesta transformación social. O primeiro sería a aceptación de que os primeiros anos de vida das persoas son fundamentais para estas. O segundo sería a concienciación, acompañado da vontade de dedicarlle máis tempo á educación familiar. Este é un ben necesario para o desenvolvemento comunitario e a transformación da sociedade. Toda carencia educativa vén acompañada dunha posterior desigualdade ou diferenza de capacidades para o descubrimento de verdades.
Os nenos que temos son o froito da suma de todos os estímulos que recibe: medios de comunicación, veciños, compañeiros, familiares… Neste sentido, é fundamental seleccionalos mentres eles non son capaces de facelo pola falta de actitude crítica. Falamos dunha necesaria dieta de estímulos na “sociedade da sobreinformación”. Porque despois moitos deles non se responsabilizarán da imaxe que ofrecen nin dos prexuízos que lle poden causar ao neno, como frecuentemente pasa cos medios de comunicación. é mais, en ocasións a escola parece asumir toda a carga educativa e a responsabilidade, mentres que os titores legais se escudan na falta de tempo, dicindo habitualmente: “é que andamos ás présas”. A exclusividade educadora da escola é un concepto de antano xa superado? (Este asunto foi tratado pola organización Preescolar na Casa, fundada polo “cura da bicicleta”, Antonio Gandoy.)
Analicemos as principais causas da perda da conciliación familiar: o horario laboral, as novas tecnoloxías, a multiplicación da vida social, o ocio… Estas son algunhas das razóns da perda de momentos de exclusividade cos Read the rest of this entry »
Somos acó
Documental que denuncia o sufrimento das familias do rural galego polo desmantelamento das escolas públicas por parte da Administración. Tamén amosa a esperanza e a loita destas familias para defender o rural como medio para desenvolver unha vida digna e con futuro. Foi rodado no verán de 2012 na montaña de Lugo e na cidade de Compostela froito da colaboración entre Fílmika Galaika e os diversos coleitivos afectados polas políticas desmanteladoras da administración.
Lembrando a figura de Antonio Gandoy
Neste artigo de El Progreso, recóllense algúns exemplos das representacións artísticas máis relevantes da cidade de Lugo. Comprácenos ver como entre elas, destácase a estatua ao fundador de Preescolar na Casa, o crego Antonio Gandoy.
O PP rexeita a Iniciativa Lexislativa Popular pola continuidade de Preescolar na Casa
Bueno, pois xa sabemos como foi a cousa no Parlamento. Podedes velo en calquera destes enlaces:
El Progreso / 20 minutos / Praza Pública / El Faro de Vigo / La Región / El Correo Gallego / La Voz de Galicia
Grazas a todos e todas os que apoiastes a Preescolar na Casa, a todos e todas os que puxestes a vosa sinatura para que a Iniciativa Lexislativa Popular se debatira. A todos e todas os que nos animástedes a seguir pelexando por algo xusto e necesario. Aos grupos políticos que nos apoiaron, aos colectivos de tantos ámbitos, …
Antonio Gandoy definíu a educación como “formar persoas capaces de vivir en harmonía cun mesmo, cos demais e coa natureza”. Busquemos esa harmonía, aínda que ás veces, sexa difícil, moi difícil, …
Neste enlace podedes ler o texto que Manuela Inés Novo Gómez, en nome da Comisión Promotora desta Iniciativa Lexislatura Popular defendeu no Parlamento de Galicia.