Preescolar na Casa volve ó Parlamento de Galicia, TRINTA ANOS TRINTA MIL FIRMAS.

PnC volve ao Parlamento (El Progreso)

PnC volve ao Parlamento (El Progreso)

Na primeira sesión da IX lexislatura Unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) chega hoxe ó Parlamento de Galicia en virtude da  Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular .”O Parlamento de Galicia, ao aprobar esta Lei, dota ó seu pobo dun instrumento de participación activa para mirar de contribuír á vertebración social e política da Comunidade Autónoma que precisa a conciencia do devir colectivo da nosa cidadanía”.

A letra deste texto “contribuir á vertebración social” xustifica, precisamente,   esta experiencia socio-educativa de atención á infancia. Dicimos que é vertebradora porque se inxire (integra) na comunidade na que nenos e pais viven tratando de equilibrar un territorio ferido gravemente polo despoboamento das áreas rurais e o envellecemento dos seus habitantes. Pero ocorre que as leis teñen unha letra e un espíritu; o espíritu nos tempos que corren, parece andar de vagar, un pouco desnortado pola crise económica e sen tempo para ocuparse de asuntos marxinais.

Pero a cuestión esencial a considerar é que non é realista falar de debate porque segundo o dicionario, debater é discutir  sostendo opinións diferentes e iso non se vai dar. Non se vai dar porque non se van contrastar dous modelos de atención á infancia diferentes.

Como ben sabemos, o modelo Preescolar na Casa foi rexeitado de feito coa falta de apoio por parte da administración pública galega e do outro modelo pouco ou nada sabemos. Sabemos, iso si, que coa familia non se conta. Desde a  máis tenra infancia e sen que se dean situacións nas que sexa estritamente necesario, nenos e nenas van ir a unha Galiña Azul porque, ó parecer, donde se aprende é na escola.

Pero, aínda por riba, esa escola infantil que se oferta non tén carácter educativo, tén carácter asistencial. A lei de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE,1990) recoñecía a etapa cero-tres como educativa e Preescolar na Casa tiña xa no ano 1986 un programa de emisión semanal  en Radio Nacional de España en Galicia para familias con nenos de cero a tres anos.

Un día si e outro tamén, escoitamos nos medios de comunicación cifras conmovedoras da cantidade de pais que chegan ó extremo de teren que denunciar ós seus fillos ou fillas por maltrato familiar.  ¿Qué sente un pai unha nai cando tén que evidenciar ante a sociedade a súa incapacidade para que o seu fillo ou filla axuste os seus comportamentos a un mínimo esixible? ¿Qué sente un neno, unha nena, cando as reaccións cara ós seus pais son de agresión, de insolencia, de desprezo? ¿Qué está a pasar no máis íntimo do seu ser?

Pero o espíritu anda de vagar e non se fai preguntas porque as preguntas requiren respostas e o que non se quere e dar respostas sensatas,  anticipadoras. Respostas que acompañen ós pais e nais, ás familias, no seu difícil papel de educar; respostas que eviten a marxinación, a discriminación e a falta dun desenvolvemento axeitado das capacidades dos nenos e das nenas e da súa intelixencia emocional.

Coa  Proposición de Lei, por iniciativa lexislativa popular, para a confluencia do programa Preescolar na Casa e o ensino público Galego, o que se pretende é que, esa confluencia, teña como resultado final un modelo educativo que implique e apoie ás familias, como mellor garantía do interese superior dos nenos e nenas.

Trinta anos despois…

Están a piques de cumplirse trinta anos de que no pleno do Parlamento de Galicia na súa sesión do 22 de decembro de 1982 se aprobara a seguinte Resolución número 12 de E.G.: “O Parlamento de Galicia insta ao gobern da Xunta de Galicia a estudiar a posibilidade de ampliar o apoio ao servicio de ensino “Preescolar na Casa”, con obxeto de dispor dos necesarios medios financieiros inscritos no Presuposto da Comunidade Autónoma”

O resultado da votación foron 49 votos a favor e 4 en contra, segundo a Mesa. (Desde a tribuna de Prensa deuse por votación unánime) Resolución aprobada. (Revista Preescolar na Casa nº 23 de xaneiro 1982)

Trinta mil firmas…

Trinta mil firmas se recolleron nun breve espazo de tempo. Foi emocionante ver a cantidade de persoas de todas as idades que se achegaban ás mesas de firmas ao longo do país. Para que? Para que vostedes, señorías, que o son por decisión popular,  teñan, cando menos, a sensibilidade de escoitar, de contrastar, de argumentar…, de caer na conta de que se durante trinta anos Preescolar na Casa foi apoiado polos diferentes gobernos de Galicia, merece cando menos que as evidencias amplamente demostradas polas ciencias e asumidas polos gobernos, da importancia da familia e dos primeiros anos da vida de todo ser humano, sexan tidas en conta. Porque é o capital humano o que lle dá riqueza a un país. E vostedes sábeno, claro que o saben. E iso é precisamente o máis doloroso, que sabendo o que saben, fagan o que fan. Conste que quixera equivocarme na decisión que, por maioría, como corresponde, van tomar. Se tiveran o máis mínimo interés neste asunto, esta debate faríase en xuño como correspondía por máis que legalmente podían pospoñelo como, de feito fixeron.

Marisol Fernández Rocha (Preescolar na Casa, Lugo 17-12-12)

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag