Apoio ao labor de Preescolar na Casa dende o CEIP A. Insua Bermúdez de Vilalba

Reproducimos aquí a Declaración Institucional sobre a situación actual de Preescolar na Casa asinada polo Claustro de Profesores do CEIP A. Insua Bermúdez de Vilalba. Dende a Fundación Preescolar na Casa agradecemos fondamente estes apoios:

O Claustro de Profesorado do CEIP A. INSUA BERMúDEZ, na súa reunión ordinaria do 31 de xaneiro de 2012, acordou por unanimidade:

MANIFESTAR PUBLICAMENTE O SEU APOIO AO LABOR QUE REALIZA A FUNDACIóN PREESCOLAR NA CASA, nun momento especialmente crítico para esta entidade, debido á drástica redución das axudas que viña recibindo por parte da Xunta de Galicia para desenvolver os seus programas.

Preescolar na Casa naceu en Lugo en 1977, e ao longo destes 34 anos de traballo ininterrompido a prol da educación infantil familiar acabou por se converter nunha das experiencias máis destacadas da historia galega da educación e nun referente pedagóxico que se foi anticipando ás necesidades educativas e mesmo comunitarias da nosa sociedade, inicialmente no medio rural e na actualidade cunha presenza diversificada, tanto no ámbito territorial como no tocante ás persoas e colectivos atendidos, nas catro provincias galegas. A súa continuada traxectoria aséntase nunha aposta seria e rigorosa por ofrecer modelos de parentalidade positiva, inseridos na cultura e na lingua do país, e atentos ás situacións de risco e exclusión social que están presentes na sociedade actual. Ao seu traballo no medio rural galego, Preescolar na Casa sumou nos últimos tempos a atención educativa a nais e pais nos cárceres ou con colectivos desfavorecidos nas cidades.

A tarefa de formación e asesoramento de Preescolar na Casa a pais e nais e, no seu caso, tamén a profesionais da educación, dentro da propia comunidade, nos espazos das escolas infantís, ou aproveitando os medios de comunicación nos que ten presenza, é amplamente recoñecida pola sociedade e no eido das Ciencias da Educación, como evidencia a pluralidade de voces que rexeitan a retirada do apoio institucional que pode precipitar a súa desaparición. De feito, o selo propio que Preescolar na Casa imprime a todo o seu traballo pedagóxico e social foi recoñecido internacionalmente en varias ocasións.

Preescolar na Casa realiza, en definitiva, un encomiable labor de educación non formal favorecendo a creación de espazos educativos coa finalidade de formar na sociedade unha cultura da infancia baseada na educación emocional, na redución das discriminacións sociais, no reforzo da competencia educativa familiar, na defensa da cultura e lingua propias, e prestando servizos educativo-sociais de calidade, gratuítos, por todo o territorio galego (aínda que máis intensamente no medio rural), e complementarios ao labor que realizan os centros escolares. Estes servizos especializados non os cobre de ningunha outra maneira ningunha das administracións públicas.

é evidente que manter a estrutura de profesionais e programas que desenvolve Preescolar na Casa esixe implicación institucional, e nese sentido desde hai tempo diferentes administracións viñeron apoiando economicamente este programa, e mesmo presentándoo como modélico ante organismos internacionais e institucións de distintas comunidades autónomas, para precisamente poñer de manifesto o compromiso da nosa administración cunha adecuada educación infantil no seo da familia, tal como recomenda na actualidade a Unión Europea.

Porén, a Fundación Preescolar na Casa vive hogano un momento especialmente crítico, debido á drástica redución das axudas que viña recibindo por parte da Xunta de Galicia para desenvolver os seus programas. A nova situación pon definitivamente en perigo a continuidade dos servizos da entidade a partir de 2012, o que representa unha inédita regresión nos dereitos e oportunidades que afectan a importantes sectores da poboación, ao tempo que compromete o mantemento de numerosos postos de traballo.

Neste caso, ademais, o prexuízo sería dobremente negativo, na medida en que o medio rural é historicamente deficitario en relación aos servizos educativos e asemade os colectivos atendidos pola fundación son precisamente aqueles máis necesitados de atención social e educativa. Polo tanto, a pervivencia de Preescolar na Casa (que chegou a atender en cada curso a 4.000 familias dispersas por toda Galicia) é do maior interese social e pedagóxico, especialmente nos momentos de crise que a sociedade está padecendo.

Por todo o anterior, este Claustro de Profesores, en uso da súa competencia relativa á manifestación de opinión sobre calquera asunto relacionado co ámbito profesional que lle é propio e por compromiso xeral con iniciativas de natureza educativo-social, quere difundir publicamente esta DECLARACIóN EN RECOñECEMENTO E DEFENSA DA LONGA E VALIOSA TRAXECTORIA DE TRABALLO PEDAGóXICO E SOCIAL DE PREESCOLAR NA CASA.

Desde outro punto de vista, nunha época de crise económica como a que vivimos, entendemos que o diñeiro mellor investido é aquel que se dirixe ao mantemento dos servizos educativos, sobre todo os do medio rural e os que se dirixen a familias desfavorecidas ou con dificultades de acceso a outras alternativas pedagóxicas. Xa que logo, este óRGANO DE GOBERNO DEMANDA DA XUNTA DE GALICIA QUE DISPOñA OS ORZAMENTOS NECESARIOS QUE PERMITAN ASEGURAR NO TEMPO UN FINANCIAMENTO ESTABLE DOS PROGRAMAS EDUCATIVOS DA FUNDACIóN PREESCOLAR NA CASA, servizos que hoxe son máis necesarios que nunca e que ningunha outra entidade pública ou privada ofrece con esa calidade pedagóxica, extensión xeográfica, facilidade de acceso, eficiencia e economía organizativas e trascendencia social.

En Vilalba, a 31 de xaneiro de 2012.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag