Ermitas Fernández, educadora e mestra

Deixamos un artigo publicado no diario El Progreso sobre Ermitas Fernández, a que fora Directora e Presidenta da Fundación Preescolar na Casa.

DICIR Ermitas Fernández é dicir Preescolar na Casa, aposta pioneira de parentalidade positiva en Galicia. é dicir, aprender a ser máis nais, mellores pais. Sementar cidadanía desde os primeiros anos, asignatura sempre pendente que a cegueira política vén de quitar do temario educativo do país. Así somos. Así estamos.

Ermitas é mestra de escola pública. Formalmente xubilada, o seu compromiso coa educación das familias con meniños segue vixente e non vai rematar nunca. O seu silencio hoxe é clamorosa testemuña dunha vida dedicada á educación, a apostar polo rural, a manter aceso o lume do idioma que quenta o corazón de Galicia, a crear na sociedade cultura de infancia.

Na vida de Ermitas cruzouse un personaxe grande e inesquecible, Antonio Gandoy, home feito de cerna de carballo coa intelixencia creadora dun educador, impulsor da aventura de levar educación ata a última aldea do rural. Con seguridade Ermitas vai recordar sempre a presenza teimuda deste cura que bombeaba quentura humana onde se necesita. Cómpre subliñar isto nunha época onde as persoas importan menos que os números, os máis pequenos son invisibles e o rural semella condenado.

Esta Ermitas queimou a vida nunha aposta arriscada: os máis pequenos, as familias, o rural, tentando crear una urdida educativa que enriquecera a sociedade. Trinta anos son moitos, toda unha vida facendo país, apostando pola educación infantil familiar, defendendo un lugar para o galego a carón doutras linguas.

Agora ata está nos libros, ‘Treinta retratos de maestras’ Nesta colleita de logros e recoñecementos, ‘Galega do mes’ por exemplo, hai moitas victorias e algunha derrota dolorosa: a decisión política cega e pouco informada de acabar con Preescolar na Casa, algo que merecería unha denuncia ante Dereitos Humanos da ONU, según Manolo Rivas. Hoxe as paisaxes humanas e sociais son arrasadas por esta crise sen alma onde trunfan os cobizosos, onde a carne e o sangue das persoas son substituídas pola cor fría e sucia dos números e dos cartos.

Pola súa memoria, neste tempo de silencio, van pasar todas e cada unha das liñas da historia de Preescolar na Casa. Desfilarán rostros dos pais, avoas, nais. Sobre todo das nais, tan perspicaces sobre a importancia educativa dos primeiros anos dos fillos. Pasarán os meniños dos que esqueceu o nome pero xamais os rostros, a mirada. E pasan as caras dos centos de orientadores e orientadoras que teceron o máis válido da cultura infantil do país.

Ermitas Fernández é sementadora de educación na nosa terra. Toda unha vida que o tempo foi labrando cunha experiencia dilatada, cunha capacidade de traballo e de entrega inmorrente. Muller e mestra. Patrimonio educativo de Galicia.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag