Unha economía irracional para unha solución nefasta

Reproducimos un artigo de Alicia López Pardo, da Mesa Galega de Educación no Rural contra o indiscriminado peche de unidades escolares no medio rural galego e contra a desaparición de Preescolar na Casa. Neste mesmo sentido, creouse tamén a Plataforma pola Defensa da Montaña, un colectivo que nace co obxecto de loitar contra a eliminación de ditas unidades (ver nova en prensa):  

A barbarie parece non parar, sumadas ao peche do insubstituíble programa Preescolar na Casa chegan máis ameazas de supresión entre as contadas unidades de infantil e primaria que quedan nas zonas máis deprimidas demograficamente, como son as da montaña lucense.

Ante as opinións de defensa e fomento do medio rural que corren por Europa nestes críticos momentos nos que a situación do rural chega a límites do insostible, e ante os proxectos de dinamización económica que para o rural se anuncian, tamén a nivel de programas de fomento global da Comunidade Europea, é inconcibible como Administración Educativa Galega segue actuando cunha cegueira que asusta e cunha falsidade que indigna.

Se as bases de pensamento socioeconómico son demoledoras, as bases pedagóxicas nin se mencionan. Nestas decisión de tecnócratas administrativos contan os números rasos, pero non alcanzan a entender de cifras relativas co seu significado real.

Que significa reducir unha unidade nunha pequena agrupación como poden ser as do Incio, Samos, Cervantes ou Triacastela?

Suprimir unha unidade de Infantil, tal como está previsto nestes casos, supón:

  • A máis irregular e contraditoria das intervencións que se lle puido ocorrer á Administración Educativa Galega. Despois de moitos anos cun regulamento que esixe especialidade de E. Infantil para a atención a esta etapa, agora aplícase o contrario. O máis patético é o dato de como durante moitos anos, e aínda agora, se viñeron e se veñen pechando infinidade de escolas co desatinado criterio de desprazar os nenos de 1º ciclo de primaria ás concentracións.
  • Un apresuramento na redución de recursos como medida anticipativa no senso pesimista, creando predisposición cara o peche. A mellor maneira de acelerar a mingua de matrícula é crear desconfianza social, polo feito de ofrecer unicamente expectativas de inestabilidade. Esta é a maneira efectiva para que moitas familias, con vocación de vivir no rural, se vexan condicionadas e marchen as vilas na procura de maior estabilidade, como ven sucedendo en numerosos casos que determinan o futuro dunha escola. En lugar de dar amplos prazos de expectativa positiva, na agarda de recuperación de matrícula, faise xusto á inversa.
  • Ignorar as necesidades dunha organización complexa, de reducidos grupos heteroxéneos, que pode ser pedagoxicamente moi defendible cando se desenvolve coa debida dotación de profesorado. é fundamental nestes casos contar cos apoios precisos, de xeito que se poda traballar cun plan de compensacións e coa flexibilidade que estes grupos requiren. A mingua dun profesor/a nestes casos limita decisivamente o xeito de organización e de traballo que un ensino de calidade esixe nestes tempos nos que as dinámicas construtivistas, as saídas complementarias, a investigación do medio, as novas tecnoloxías nas aulas, etc., fanse imprescindibles. Nun centro de dúas ou tres unidades mixtas (aulas multinivel e ás veces interciclo) é preciso contar cunha maior dotación de profesorado para apoios e reforzos. é esencial posibilitar unha organización peculiar de grupos interactivos, dinámicos, intercomunicados con outras escolas…Algo que excede ás posibilidades dun só mestre calculado polo dividendo matemático.
  • Unha rebaixa na categoría do centro levando isto consigo a redución de outros servizos e recursos.
  • Non concibir o papel que teñen que cumprir as escolas rurais como motor esencial para dinamizadoras das comunidades e do medio rural en todos os sensos.
  • Non comprender que o feito de reducir unha unidade nunha pequena concentración rural aínda chega a ter peores consecuencias das que pode ter no medio urbano.
  • Sentimento de pavor tendo que soportar actuacións dunhas autoridades educativas que exercen con semellante arbitrariedade, tanta incompetencia ou con tan agachados intereses. ¿Como alguén, con coñecemento desta realidade, pode presenciar serenamente actuacións de tal calibre impostas coa máis demagóxica xustificación?

 Pola contra, promover a educación no rural supón:

  •  Actuar con urxencia sobre un novo modelo de organización de aulas e centros, sobre un novo concepto de recursos pedagoxicamente rendíbeis, sobre unha nova planificación que parte do fomento do mundo rural concibido globalmente. Isto chámase desenvolver, de xeito urxente, un plan específico para a educación no rural, como se ven reclamando dende a Mesa Galega de Educación no Rural. Isto significa frear definitivamente as medidas destrutoras que teñan consecuencias irreversibles coma as que se levan impoñendo durante as catro últimas décadas.
  • Contar con programas coma Preescolar na Casa así coma o mantemento das escolas como primeiros elementos dinamizadores. Isto supón investir cultural e socialmente con perspectivas de futuro a longo prazo.
  • Agora mesmo, sen máis demora, precísase un plan de emerxencia, que asegure manter todas as unidades existentes e todos os servizos de comedor e transporte necesarios garantindo estabilidade á nosa escasa poboación rural, que está sostendo un dos patrimonios de maior valor e profundamente ameazado de extinción.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag