Archive for the ‘Novas’ Category

Ermitas Fernández, educadora e mestra

Deixamos un artigo publicado no diario El Progreso sobre Ermitas Fernández, a que fora Directora e Presidenta da Fundación Preescolar na Casa.

DICIR Ermitas Fernández é dicir Preescolar na Casa, aposta pioneira de parentalidade positiva en Galicia. é dicir, aprender a ser máis nais, mellores pais. Sementar cidadanía desde os primeiros anos, asignatura sempre pendente que a cegueira política vén de quitar do temario educativo do país. Así somos. Así estamos.

Ermitas é mestra de escola pública. Formalmente xubilada, o seu compromiso coa educación das familias con meniños segue vixente e non vai rematar nunca. O seu silencio hoxe é clamorosa testemuña dunha vida dedicada á educación, a apostar polo rural, a manter aceso o lume do idioma que quenta o corazón de Galicia, a crear na sociedade cultura de infancia.

Na vida de Ermitas cruzouse un personaxe grande e Read the rest of this entry »

A eliminación de Preescolar na Casa

Alicia López Pardo e Xosé Luis Rivas Cruz “Mini”, mestres, falan de Preescolar na Casa no diario dixital Praza Pública:

“Foi un modelo pioneiro, admirable e recoñecido en todo o mundo (…) só quen actúa desde unha ignorancia terrible pode eliminar as subvencións a un programa básico na formación e desenvolvemento do país e do rural, o máis ambicioso e con máis logros na formación do profesorado (…) é unha barbaridade e só desde unha ignorancia terrible se pode deixar morrer Preescolar na Casa (…) a perda de Preescolar na Casa é unha grande mágoa porque un goberno moderno debería tomalo como remedio para a saúde social do futuro (…) é agora cando Europa está a reclamar a recuperación das escolas no rural e modelos como o de Preescolar na Casa, pero nós facemos o contrario”.

(Ver nova en Praza Pública)

Xornada lúdica en Palas de Rei

A semellanza doutros encontros realizados en toda a xeografía galega, onte tivo lugar en Palas de Rei un encontro multitudinario co obxectivo de fomentar as relacións interpersonais entre adultos, nenos e nenas, nunha xornada lúdica na que todos os participantes mostraron o seu apoio a Preescolar na Casa e mostraron a súa incredulidade ante o posible Read the rest of this entry »

Sobre Preescolar na Casa en Galicia Dixital

Reproducimos unha editorial publicada no portal Galicia Dixital sobre Preescolar na Casa. Non podemos máis que agradecer fondamente todos estes apoios públicos cara ao noso traballo:

Nunca coidamos ter que entonar un canto fúnebre por unha iniciativa como “Preescolar na casa”, nacida en terras de Lugo pola ilusión do “crego da bicicleta”, Antonio Gandoy, para dar solución á educación dos máis novos dos galegos, no seu mesmo fogar, nunha Galicia diseminada que require tratamento especial por esa lonxanía que só se mitiga coas novas tecnoloxías, e con iniciativas coma esta.

Foron moitos anos de loita e de triunfos, silenciosos ou silenciados. Dos que eran especialmente sabedores todos os implicados no proceso lento, longo, de formación dos pequenos, atendidos por especialistas en educación e, sobre todo, formados polos seus propios pais – especialmente as náis- preparados para tan particular papel.

Dificultades hóuboas sempre, pero as axudas foron aparecendo, mal que ben, dependendo dos ventos que soplasen nos montes económicos deste país. Ata que agora mesmo, neste vendaval que nos asola, Preescolar ve mermado tan sustancialmente o apoio económico que precisa que vai abandonar o seu plan de traballo e retirarse a uns cuarteis de inverno que nunca tivo porque nunca pensou que a súa traxectoria podería cortarse.

Prevese a retirada de Preescolar na Casa para finais deste mes. E lamentando tan doroso perda, non queremos aínda facernos á idea, confiando en que aínda sexa posible o milagro da resurrección antes da consunción. A fin de contas, o seu fundador foi un crego que moitos teñen por santo, que posiblemente cría nos milagros, especialmente traballando para conseguilos. Nós, tamén cremos, agardamos por un milagro que permita manter con vida “Preescolar na casa”.

(Ver Editorial en Galicia Dixital)

Preescolar na Casa

Reproducimos un artigo publicado no Faro de Vigo referente a Preescolar na Casa. Damos as grazas ao seu autor, Manuel Bragado, por ternos en tan alta estima.

A falta de apoio dá Xunta de Galicia obrigará a un probable peche de Preescolar na Casa. Fundado en 1977 en Lugo por Antonio Gandoy, o queridísimo “crego dá bicicleta”, secretario de Cáritas Diocesana Galicia, este programa tratou de buscar unha solución á carencia de prazas escolares para os picariños da aldea, tratando de paliar a discriminación á que estaban sometidos ao chegar á EXB en desiguais condicións ás do resto do alumando da súa idade. Dende aquel pioneiro programa piloto, non que o pai Gandoy pretendía axudar aos pais e nais dalgunhas comarcas do rural lucense a educar aos seus fillos nos primeiros anos de vida, Preescolar na casa desenvolveu sempre unha fecundísima actividade coa intención de crear na sociedade unha cultura de Educación Infantil Familiar.
Unha iniciativa que Gandoy, dende a súa inequívoca concepción humanista da educación, concibía como “unha utopía realizable e irrenunciable”, xermolada polo bo facer dun equipo entregado de profesionais, pola axuda de Cáritas e do Ministerio de Educación, primeiro, e máis tarde, da Consellaría de Educación que cederon mestres en comisión de servizos para traballaren na iniciativa. Un programa ao que durante décadas contribuíron, tamén, as achegas de concellos, deputacións e outras institucións, e do que o fundador, antes do seu pasamento en 2002, renunciou a ser referente propiciando a creación dun Padroado no que participan os profesionais do programa e as institucións que o apoian.
Ao longo dá súa historia foron probablemente máis de 50.000 as familias galegas que participaron nas actividades de Preescolar na casa, sendo neste curso que remata case catro mil as familias participantes en 660 espazos educativos distribuídos por 267 concellos. Aínda que o modelo de intervención educativa foi mudando, o programa alicerzouse nas xuntanzas quincenais de pais e fillos de arredor de cinco familias dunha mesma zona. Durante dúas horas os orientadores analizan coas familias as actividades realizadas na casa, presentan novos materiais didácticos, resolven os problemas ou dúbidas das familias ou xogan cos picariños. Estas xuntanzas compleméntanse coas visitas que os orientadores fan as familias e cos materiais impresos de apoio que distribúen.
Gandoy e ou seu equipo interesáronse dende o inicio de Preescolar na casa polo papel que os medios de comunicación social podían ter para apoiar a intervención dos orientadores, ao tempo que para contribuír a crear unha cultura de parentalidade positiva na sociedade galega, u concepto crave dá súa filosofía educativa. De aí naceu en 1981 o programa emitido polo circuíto galego de Radio Nacional, continuado na actualidade polo programa dominical matinal da Radio Galega. Da mesma convicción naceu en 1990 o espazo da Televisión de Galicia, do que se emitiron 700 programas, o que constitúe a experiencia de televisión educativa máis importante da nosa historia. De aí saíron as súas revistas e a publicación das súas monografías de divulgación educativa e de escola de pais.
Ao longo destas tres décadas e media de intensa actividade, Preescolar na casa nunca foi nin unha gardaría nin sequera unha escola infantil, senón un programa sociopedagóxico pioneiro e dinámico de parentalidade pública, fomentador da implicación dos pais na formación temperá dos seus fillos. Unha orientación recomendada polo comité de ministros da Unión Europea para os que “o exercicio da parentalidade, aínda que vinculado á intimidade familiar, debe ser considerado como un ámbito da política pública e deben adoptarse todas as medidas necesarias para apoiar o exercicio parental e crear as condicións necesarias para un exercicio da parentalidade”. Preescolar na casa é considerada como unha experiencia de éxito en foros internacionais de educación familiar, sendo imitada noutras comunidades como Asturias ou Castela, e valorada como modelo no Reino Unido ou Ecuador.
A agonía de Preescolar na casa por insuficiencia financeira, tras manter un ERE de suspensión e extinción ao longo do curso que remata, está motivada pola decisión dá Consellaría de Traballo e Benestar de eliminar a axuda de medio millón de euros imprescindible para ou pagamento do persoal. Unha medida estritamente política que a conselleira Beatriz Mato xustificou por considerar o programa como “obsoleto” e “non válido”, a pesar de que é innegable que Preescolar na casa foi sempre viable e eficaz socioeducativamente, que contribuíu a vertebrar e modernizar un territorio en proceso de desertización e promover o emprego e a dignidade da lingua e cultura galega nun difícil proceso de substitución. Como escribiu Manuel Rivas eu creo tamén que “a supresión deste servizo exemplar merecería unha denuncia ante Dereitos Humanos da ONU”.

(Ver artigo en El Faro de Vigo)

(Ver artigo no blog Brétemas)

O Goberno inclúe a Parentalidade Positiva no Plan Integral de Apoio á Familia

A ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato, anunciou este martes pasado a creación dunha Comisión Técnica Interministerial de Familia, encargada de elaborar o Plan Integral de Apoio á Familia.
No acto de entrega de Certificados ás Empresas e Entidades Familiarmente Responsables, ao que foi convidada a Fundación Preescolar na Casa, a ministra incidiu na importancia deste Plan Integral, que contempla medidas tales como a mellora na racionalización e flexibilización de horarios laborais, a mellora da fiscalidade das familias, o apoio a familias numerosas e familias monoparentais, o apoio a familias en situación de especial necesidade, a mellora de permisos parentais e o fomento da parentalidade positiva.
En palabras da ministra, “o Goberno considera esencial o recoñecemento e o apoio ao labor que prestan as familias (…) a familia non ten sido valorada e apoiada decididamente polos poderes públicos no pasado (…) a falta de apoio á institución da familia provocou que os nosos índices de natalidade estean entre os máis baixos do mundo (…) existen múltiples evidencias nacionais e tamén internacionais que falan dos beneficios que as políticas familiarmente responsables poden aportar”.

Chámanos a atención esta nova cando aquí en Galicia, a Xunta decidiu retirar a apoio que dende hai tantos anos viña ofrecendo á Fundación Preescolar na Casa, Fundación que sempre apostou pola familia como elemento fundamental para a educación dos fillos e fillas, apostando pola parentalidade positiva dende o ano 1977.

Sobre Preescolar na Casa en V Televisión


Proxectos de dimensións considerables levántanse e seguen adiante en tempos de recortes… outros sofren directamente o efecto dos axustes e chegan ao seu fin. De hoxe en quince días o programa Preescolar na Casa termina despois de trinta e cinco anos de andaina. Neste tempo desempeñaron un importante labor pedagóxico con pais e nenos. (Texto web V Televisión)

(Ver nova na web de V Televisión)

A resistencia da pataca

Manuel Rivas,no diario El País de hoxe, tamén fai unha referencia a Preescolar na Casa “…A supresión dun servizo exemplar como era até hoxe mesmo Preescolar na Casa, despois de décadas de laborioso tecido, merecería unha denuncia ante Dereitos Humanos da ONU…”. Reiteramos que todas estas mostras de respecto cara ao noso traballo fannos máis levadeira a situación tan dura que estamos a vivir.

(Ver artigo no diario El País)

Podían ir as cousas mal, mesmo moi mal, pero en Galicia sempre se dixo que había dous recursos que nunca fallaban. A terra e a retranca.

A terra está aí, terma de nós, coa munición infinda de ovos e patacas. A poesía protexe os seus, dicía Faulkner. Pois así a terra, que protexe os seus e a todo deus.

A terra como grande colchón da crise. A terra nai, a terra pai, a terra avoa, a terra fada e madriña, a tía terra. As incesantes leiras e hortas da terra e do mar. Ese fío de leite entre rueiros, aldeas e barrios. Esa xenerosa retagarda. O tempo das cereixas. A elevación barroca das vides. Esa teimosa resistencia toupeira da pataca. Esa vontade esférica do Read the rest of this entry »

Utopía realizable

Diante da situación na que estamos non podemos máis que dar as grazas máis sentidas a todas as persoas e institucións que nos fan chegar o seu apoio e que fan sentirnos reconfortados, valorando todo o traballo que desenvolveu Preescolar na Casa ao longo de todos estes anos. Reproducimos o texto publicado na contraportada do diario El Progreso o 11 de xuño de 2012:
Vendo a intensidade, emoción e cariño cos que Marisol Fernández Rocha fala, defende Preescolar na Casa un reafírmase en que este proxecto está construído sobre piares de compromiso persoal, entrega e valentía. Que está construído sobre a firme crenza de que Galicia non pode, non ten por que avanzar a dúas velocidades, non ten por que haber nenos de primeira e de segunda. De que é posible a igualdade de oportunidades no noso rural, un rural que é precisamente a nosa maior riqueza, o noso futuro. Marisol, unha mestra de Rececende (A Pontenova) que leva toda a vida dedicada á ensinanza (nas escolas unitarias da Fonsagrada, no instituto de Meira…) , recolleu a testemuña do extraordinario labor de Ermitas Fernández, a anterior presidenta de Preescolar na Casa, e do fundador, Antonio Gandoy. Marisol fixo súa a utopía realizable do cura da bicicleta dende o principio, hai 34 anos, cando ela pasou a formar parte dese proxecto e contribuíu a poñer en marcha e dirixiu o programa de Preescolar na TVG. Agora, como presidenta da Fundación, afronta con enteireza e espírito de loita o difícil e doloroso papel que lle tocou: a incerteza sobre o futuro de todo un modelo sociopedagóxico que ten demostrado que funciona, que é un referente a nivel internacional, pero tamén que segue sendo hoxe igual ou máis útil que cando botou a andar. Eu non fun un neno de Preescolar na Casa, pero sería unha honra telo sido, polos valores nos que está inspirado e polos froitos que ten dado. Sería unha honra vivir as experiencias que miles de nenos da nosa provincia tiveron a sorte de vivir, sobre todo vendo a estima que lle teñen as familias e escoitando o apoio e o cariño cos que, os hoxe rapaces, falan dos seus recordos neste proxecto modélico grazas a persoas como Marisol . Non podemos consentir que a crise se leve por diante ideas tan xeniais, que garanten unha sociedade máis igualitaria e xusta , porque só conseguiremos que nas cidades haxa xente sen espazo e nas aldeas, espazos sen xente.
José Ramón Gómez Besteiro

Utopía Realizable PnC Progreso 11-06-12

Utopía Realizable PnC Progreso 11-06-12

Preescolar na Casa: nova en Televinte Chantada


Milagros Candal, orientadora da Fundación Preescolar na Casa explica en Televinte, Chantada, a situación crítica pola que está a pasar este programa educativo con 35 anos de historia.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag