Preescolar na Casa no Encontro do CEESGA

O pasado sábado 17 de  decembro, Preescolar na Casa estivo presente no Espazo de encontro: “Miradas educativas na intervención con infancia en dificultade social” que organizou o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESGA). Esta presenza materializouse en tres aspectos:

- Asistencia ao Encontro.

- Reivindicación da necesidade da súa continuidade, realizada na inauguración por parte da Presidenta do Ceesg e avalada co aplauso de todo o público.

- Xustificación da importancia da súa labor a través de toda a intervención do relator Jaume Funes Artiaga (psicólogo, educador e xornalista, defensor dos dereitos da infancia en Cataluña entre os anos 2004 e 2006, autor -entre outros- do libro El lugar de la infancia, publicado na editorial Graó), quen sen referirse expresamente a Preescolar na Casa, repasou os criterios para ocuparse da infancia (0-18 anos) que evocaban claramente a actuación que desde esta Fundación se realiza.

A súa argumentación baseouse en:

1. A situación actual da atención á infancia:

a) O principio de seguir “o interese superior do menor”, é moi ambiguo e normalmente téñense en conta outros intereses antes que os dos nenos.

b) A inexistencia de políticas específicas da infancia, xa que en xeral están diluídas noutras políticas máis amplas: familia, servizos sociais,…o que evidencia a escasa promoción real dos dereitos dos nenos e das nenas e das súas necesidades. En época de crise, de poucos recursos a tendencia é reducir en primeiro lugar os recursos para a atención á infancia, xa que custa evidenciar que é algo non prescindible porque pode previr moitos problemas e xa que a infancia non vota e, polo tanto, é invisible.

c) O neno como obxecto de decoración que se ten para complementar algo pero que, en moitos casos, non se pensa o que realmente implica telo e educalo.

d) A resolución das contradicións adultas a costa da infancia, que exemplificou na reclamación de máis servizos para “aparcar” aos nenos e facilitar a conciliación en vez de outras medidas que faciliten o contacto e relación pais-fillos.

2. Propostas de atención á infancia desde as comunidades locais para responder o dereito que teñen todas as nenas e nenos de “ser felices en cada etapa da vida”, sentirse ben sendo neno ou nena. Isto implica:

a) Garantir que os nenos e nenas teñan o que necesitan para desenvolverse non so para o futuro senón tamén para o seu presente (posibilidades de estar cos seus pais e de que estes promovan o seu desenvolvemento, socialización,…)

b) Espazos lúdicos nos que pais e nenos conxuntamente podan completar a estimulación familiar ou a que se da en espazos educativos regrados e nos que os pais entendan que os nenos non se educan sos e que ter nenos implica un cambio na vida dos adultos.

c) Nos primeiros anos, programas con actividades diversas, destinados a axudar a construír as vinculacións coas persoas adultas do seu contorno familiar

d) Propostas que axuden a compensar déficits iniciais de desenvolvemento, incluídos os da relación e integración social: “somos a estimulación e o contorno onde nos desenvolvemos, as oportunidades que nos ofreceron, especialmente nos primeiros anos”

e) Propostas para os diferentes ciclos da infancia e da adolescencia, destinada a facer posibles as paternidades e maternidades eficientes, para axudar a adquirir e manter as competencias parentais necesarias en cada etapa: axudar a que se sintan seguros.

f) Sistemas integradores de espazos infantís de encontro educativo a partir do ocio creativo: non se trata de escolarizar a infancia canto antes, de dar prioridade as actividades académicas senón actividades lúdicas.

g) Propostas que acompañen a escolarización, facendo real a idea de que a comunidade educa

h) Acompañamento educativo personalizado con grados diversos de intensidade, en función das situacións e idades.

i) Sistemas de mediación para a abordaxe de conflitos e tensións nos grupos familiares e das tensións dos adolescentes coa comunidade.

j) Propostas de integración de diferentes recursos locais para acompañar as transicións.

Todo isto ten que facerse a través do traballo en rede co obxectivo último de reducir as condicións de risco e de incrementar competencias para que se este aparece, afecte o menos posible.

Estas propostas son as que ven reivindicando e promovendo a Fundación Preescolar na Casa desde os servizos de orientación a familias e de difusión, convencidos de que toda a sociedade educa e de que acompañar a infancia e a familia é un dos elementos básicos para a promoción dos dereitos dos nenos e das nenas, polo que é un grave erro e irresponsabilidade recortar recursos educativos dirixidos a esta etapa.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag