O valor de Preescolar na Casa para unha alumna en prácticas

Preescolar na Casa

Preescolar na Casa

Reproducimos algúns fragmentos do informe das prácticas realizadas por unha alumna durante os dous últimos meses deste curso, no que con gran sensibilidade recolleu o que para ela significa e implica a actuación da Fundación Preescolar na Casa:

- “Os seus obxectivos e misión concrétanse nunha acción que eu vexo pioneira a nivel educativo.”

- “Preescolar na Casa está nun lugar privilexiado para poder identificar e intentar minimizar o risco social …onde as escolas non chegan… Antes de empezar as prácticas pensaba que a influencia familiar tiña moito que ver en determinadas condutas e necesidades especiais dos cativos e, agora, ademais de corroboralo, din por feito a necesidade e idoneidade do traballo da Fundación para enfocar a crianza e facelo de maneira reflexiva e cunha visión de futuro”

- ” En moitas ocasións, durante estes meses de prácticas, estiven exposta a aprendizaxes doutro tipo de moito maior calado, que os derivados do apartado educativo, por parte da acción da Fundación e tamén por parte dos seus profesionais. Isto é algo que, na miña opinión, soborda as cifras e as avaliacións:

  • A acción social, a atención dos casos máis desfavorecidos e tamén a especial atención ao mundo rural (ou o que queda del) é unha “marca da casa” coa que a Fundación navega contra vento e marea.
  • Forma grupo e comunidade tendo como referencia a educación… “Preescolar na Casa cumpre un papel que vai moito máis alá do campo educativo. O seu traballo cos nenos ofrece finalmente a oportunidade de que as orientadoras se insiran na vida colectiva das vilas e aldeas onde traballan… A extensión das actividades fai que esa cultura da infancia se vaia introducindo e consolidando, pouco a pouco,  no seo das comunidades onde actúa”.
  • A súa actuación no rural paréceme máis necesaria que nunca. As formas de vida tradicionais e os valores que se transmiten neste ámbito  están en franco perigo de desaparición polo despoboamento e a soidade que experimentan moitas destas comunidades. Comunidades que necesitan servizos e vontades para fixar poboación. Isto ofréceo hoxe por hoxe PnC. No mundo urbano é tamén imprescindible e podería marcar unha liña de intervención diferente porque o contexto é totalmente diferente. Aquí hai servizos, os nenos van na súa maioría ás escolas infantís. Sen embargo, hai outra concepción da vida en comunidade, da axuda mutua e tamén da educación.
  • A planificación, a avaliación, a reflexión, a formación, a colaboración con outros profesionais forman parte do día a día da actuación.

- “O contexto en que Antonio Gandoy fundou Preescolar na Casa no ano 1977 é moi diferente do que vivimos hoxe a nivel social… O groso e a importancia do volume de traballo desta institución, ignorada en ocasións inxustamente por unha sociedade que cada día perde polo camiño anacos de valores fundamentais, case convida a pararse a pensar no conxunto do proxecto para perderse nun universo diferente e bonito que xa é a día de hoxe parte fundamental da historia educativa galega”.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag