Preescolar na Casa en Praga: alternativas ao despoboamento, envellecemento e transformacións rexionais
Este martes 28 de xuño Preescolar na Casa presentarase en Praga no marco
da conferencia “Cambio Demográfico en Europa. Solucións para a educación, aprendizaxe permanente e mercado de traballo”. A nosa compañeira Celia Armesto será quen se encargue de facer esta presentación nunha mesa na que se expoñerán experiencias doutras rexións da Unión Europea.
O programa de Preescolar na Casa forma parte deste panel de experiencias despois de pasar un proceso de selección en Wroclaw, Polonia. Daquela foi a experiencia mellor valorada das 30 presentadas.
A conferencia intégrase no Proxecto DART (Despoboamento, Envellecemento e Transformación Rexional), que busca deseñar unha estratexia que mellore a efectividade das políticas de desenvolvemento rexional. Con este obxectivo identifícanse e analízanse prácticas que se desenvolven en rexións europeas afectadas por estas problemáticas. O traballo organízase en tres grupos: educación e formación ao longo da vida (no que participa Preescolar na Casa), atención sanitaria e economía. As conclusións que deriven deste intercambio de experiencias nestes tres ámbitos coñeceranse en 2012.