Nova Escola Galega apoia a Preescolar na Casa

Agradecemos a Nova Escola Galega o seu apoio público a Preescolar na Casa. Grazas.

“No contexto desta vaga de recortes que afecta directamente á educación e contra a que Nova Escola Galega se veu manifestando en distintas ocasións, denunciamos un novo episodio do proceso de acoso e derrubo contra PREESCOLAR NA CASA, unhas das iniciativas que ten un selo propio polo seu recoñecido traballo a prol da educación familiar, principalmente no ámbito do rural galego.
Preescolar na Casa naceu en 1977, e nestes 34 anos de existencia converteuse nun referente pedagóxico que se foi anticipando ás necesidades educativas e mesmo comunitarias da sociedade galega, inicialmente no medio rural e na actualidade cunha presenza diversificada tanto no ámbito territorial canto nas persoas e colectivos atendidos nas catro provincias galegas. A súa continuada traxectoria aséntase nunha aposta seria e rigorosa por ofrecer modelos de parentalidade positiva, inseridos na cultura e na lingua do país, e atentos ás situacións de risco e exclusión social que están presentes na sociedade actual. Ao seu traballo no medio rural galego, PnC sumou nos últimos tempos a atención educativa a nais e pais nos cárceres ou con colectivos desfavorecidos nas cidades.
A tarefa de formación e asesoramento a pais e nais e, no seu caso, tamén a profesionais da educación, dentro da propia comunidade, nos espazos das escolas infantís ou aproveitando os medios de comunicación nos que ten presenza, é amplamente recoñecida pola sociedade e no eido da pedagoxía, como evidencia a pluralidade de voces que rexeitan a retirada do apoio institucional que pode precipitar a súa desaparición.
é evidente que manter a estrutura de profesionais e programas que desenvolve PnC esixe complicidade institucional e, nese sentido, diferentes  administracións viñeron apoiando economicamente este programa, e mesmo presentándoo como modélico ante organismos e institucións de distintas comunidades autónomas e de carácter internacional. Precisamente a súa existencia permitiulles acreditar na aposta por unha parentalidade positiva, tal e como recomenda na actualidade a Comunidade Europea.
Unha vez máis, as promesas de non recortar en educación e no amplo campo que se acubilla baixo o paraugas do denominado benestar social chocan coa realidade, poñendo de manifesto como a acción política deste goberno supón unha drástica regresión nos dereitos e oportunidades que afectan a importantes sectores da poboación.  Neste caso, ademais, chove sobre mollado, na medida en que o medio rural é historicamente deficitario en relación aos servizos educativos e, asemade, os colectivos atendidos por PnC son precisamente aqueles máis necesitados dunha atención social e educativa. Os datos ilustran sobre como o labor de PnC, sen ERE,  beneficiou no ano pasado a preto de 4.000 familias, e agora só poderán atender unha cuarta parte.
A supervivencia de Preescolar na Casa é do maior interese social e pedagóxico, especialmente nos momentos de crise que a sociedade está padecendo. Para reclamar a súa continuidade e en recoñecemento da súa valiosa traxectoria de traballo pedagóxico, apoiamos as accións de mobilización que se propoñan na súa defensa.”

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag