I Xornadas Educando na Infancia e na Adolescencia

Mañá comezan na Escola de Maxisterio as I Xornadas Educando na Infancia e na Adolescencia, organizadas pola Fundación Preescolar na Casa, a Fundación santa María e a propia Escola de Maxisterio de Lugo. Será ás 10:00 da Mañá no Salón de Actos.

A Fundación Preescolar na Casa é unha entidade sen ánimo de lucro con sede en Lugo que opera en toda Galicia. A Fundación leva máis de 30 anos orientando ás familias co fin de axudarlles a exercer a parentalidade positiva, a súa maternidade e paternidade de forma positiva.

Isto lévao a cabo a través de dous servizos:

-          O Servizo de Orientación organízase nos Espazos das Familias, que son xuntanzas de pais, nais, nenos, nenas e un orientador do programa para debater e reflexionar sobre temas relacionadas coa educación dos máis pequenos.

-          O Servizo de Difusión, composto por programas de radio, televisión, revista bimensual, publicacións diversas e presenza en foros e plataformas.

Un dos obxectivos da Fundación Preescolar na Casa é contribuír ao desenvolvemento dunha cultura da infancia, e reforzar a competencia educativa da familia.

Así, para acadar este obxectivo ven de organizar, xunto coa Fundación Santa María e a Escola de Maxisterio de Lugo, os días 12 e 26 de marzo as I XORNADAS EDUCANDO NA INFANCIA E NA ADOLESCENCIA, unha mirada á primeira infancia.

Os rápidos e profundos cambios que experimentou a sociedade actual tiveron unha repercusión directa na infancia e na adolescencia, na educación e nos axentes educativos: familia, escola e comunidade.  Por iso, estas xornadas, que continuarán con outras dúas centradas na infancia 6-12 anos e na adolescencia, pretenden ser un foro de debate e reflexión sobre a imaxe da infancia na sociedade actual, sobre como a entendemos, sobre o que necesita e sobre como respondemos ou debemos responder a estas necesidades.

A educación empeza nos primeiros anos e desde todos os ámbitos se educa. é necesario difundir unha concepción social e compartida do que a infancia necesita e de como desde todos os ámbitos debemos darlle resposta. Familia, escola e comunidade van tratar de responder o mellor que poden, pero cada unha dunha forma independente e moi condicionada pola forma de entender á infancia e o papel de cadaquén na súa educación.

Atopámonos así, distintas imaxes da infancia que moitas veces son contraditorias entre si: da pretendida autonomía ao excesivo proteccionismo, da infancia como suxeito con dereitos e deberes e cunhas características determinadas á infancia como adulto en pequeno e polo tanto incapaz de moitas cousas, da falta de visibilidade da infancia en moitas actividades e recursos do contorno ao exceso da súa presenza noutras, coma a publicidade.

Por iso, a nosa invitación nestes días é dirixir unha mirada á primeira infancia “con ollos de neno, de nena”, como di Tonucci, para poder repensar o que eles precisan e non só o que nos pensamos que necesitan.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag