Falamos con Marta González, Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia: EDUCAR é COEDUCAR

Educar é coeducar (Preescolar na Casa)

Educar é coeducar (Preescolar na Casa)

Marta González éa Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Nestes momentos, a Fundación Preescolar na Casa está a colaborar coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia para difundir e traballar a igualdade de oportunidades entre ambos sexos. Falamos con ela sobre isto.

Que debemos entender por educar?

Educar non é soamente transmitir coñecementos, senón sobre todo transmitir valores. E entendendo por valores todas aquelas ferramentas e todas aquelas utilidades que as persoas, sexan home ou muller, neno ou nena, precisen para o seu futuro, ou para aspirar a desenvolver as súas capacidades. Basicamente creo que o obxectivo fundamental do ser humano é chegar a ser felices. Educar é moito máis que transmitir contidos en determinadas materias: é proporcionar ferramentas e sobre todo educar en valores para acadar persoas felices.

ás veces cando falamos de educar en valores, de coeducación, …, non caemos na conta de que é falar de sentimentos, de emocións, de actitudes. Que podemos facer para coeducar?

Habería que distinguir entre o que é a educación mixta entre os nenos e as nenas que están xuntos na mesma aula e reciben os mesmos contidos e o que entendemos por coeducación, que é algo bastante máis amplo. Coeducar é realmente conquerer que as persoas, nenos e nenas, homes e mulleres, desenvolvan as súas capacidades, sen restricións, aínda que esas capacidades sexan diferentes polo feito de seren homes ou mulleres ou por outro tipo de razóns.

Este é un programa dirixido á familia, que normalmente é o primeiro contexto onde se desenvolven nenos e nenas. Cales deben ser os obxectivos da familia para que se desenvolvan plenamente e cheguen a ser persoas autónomas, libres e capaces de valerse por si mesmas?

Eu creo que o primeiro do que hai que decatarse, e sobre todo recoñecer, é que cada persoa, cada pai e cada nai, temos prexuízos e estereotipos en materia de xénero, en relación coas funcións dos nenos e das nenas, de homes e de mulleres, que non manexamos de xeito consciente, senón que están no subconsciente, que saen aínda que non queiramos. Ser capaces de darnos conta disto é un primeiro paso cara a recoñecer que as nosas propias actitudes como educadores, como educadoras, como nais, como pais, tamén poden, e mesmo deben, ser corrixidas. Debemos ser conscientes que aínda que sexa de xeito inconsciente estamos transmitindo cousas que ao mellor, de xeito consciente, negamos. é evidente que temos que cambialas. Hai toda unha serie de actitudes desenvolvidas, incluso para nais e pais, non só polos educadores no ámbito da escola, senón tamén para nós como nais e como pais, nas que podemos chegar a identificar eses estereotipos que podemos chegar a manexar de xeito inconsciente pero que tamén podemos transformalos.

Como vostede dicía a escola é un dos axentes educativos que inflúen nos nenos e nas nenas, que chegan a escola cunhas vivencias. Na escola estase educando na igualdade de oportunidades para ambos sexos?

Estamos tentando que iso sexa así, pero todo o tema de supresión de estereotipos e de prexuízos que afectan á igualdade de oportunidades é algo moi complexo. Porque están no subconsciente das persoas, dos educadores e das educadoras, dos formadores e das formadoras nas escolas, no subconsciente das nais e dos pais, dos iguais, toda unha serie de factores que están a incidir a que estereotipos continúen e incluso a que en algún caso se modifiquen e se transformen, pero que sigan tendo igualmente un resultado desigual no proceso educativo. Trátase de algo complexo e que precisa de bastante tempo.

Falamos do papel da familia, da escola, do que se pode facer no terreo da educación, pero a educación e cousa tamén da sociedade en xeral.

Son numerosas as iniciativas de carácter legal que se teñen realizado tanto dende o estado como dende as comunidades autónomas. En Galicia temos unha Lei de Igualdade dende o ano 2004. Esta Lei desenvólvese conxuntamente con outras iniciativas legais, tanto no ámbito autonómico como estatal, pero o que si é certo é que por moito que as leis fagan, a sociedade transfórmase a outro ritmo. E temos que conquerer o esforzo de todas as mulleres, de todos os homes, para transformar ao mesmo tempo os pensamentos, as crenzas e tamén, como non, os comportamentos cara a esa sociedade máis igualitaria.

Vostede di que hai moitas medidas legais. Como Secretaría Xeral de Igualdade, parécelle que falta algo a nivel legal?

A nivel legal temos transformado o panorama da igualdade nos últimos anos. Eu penso que o que falta nalgúns casos é certa coordinación. Temos un sistema no que as materias vencelladas á igualdade trabállanas moitas administracións distintas, dende moitos ámbitos, dende moitos enfoques. ás veces o que nos falla é a coordinación entre a administración estatal, a autonómica, a local, a administración de xustiza, …, son moitos organismos implicados e o que falta é esa organización, esa coordinación.

Dende a administración, estase a tomar medidas para acadar esa coordinación?

Moitas en moitos planos. Por exemplo, a necesidade dunha coordinación máxima é no tema da violencia de xénero, no que se refire á prevención, no ámbito educativo, ou o que se refire o que é a nosa intervención como administracións públicas cando se produce un episodio de violencia de xénero. A nosa resposta ten que ser inmediata, e é unha resposta de moitas administracións, polo tanto a nosa coordinación ten que ser perfecta.

ás veces esa resposta chega tarde. Falabamos da familia, da escola, das administracións, …, gustaríame falar dos medios de comunicación que transmiten moitos roles, estereotipados e sexistas. Que se pode facer para que os medios de comunicación transmitan valores e roles relacionados coa igualdade de oportunidades para ambos sexos?

A nivel legal téñense tomado diferentes medidas neste sentido, pero o certo é que estamos vendo que non todas elas funcionan como debería ser. Nos medios de comunicación o que temos que conquerer é que estes sexan transmisores deses principios e deses valores. O que estamos facendo é tentar traballar con todos eles, tanto no ámbito da administración autonómica como estatal, e incluso no ámbito da publicidade.

A publicidade na maioría dos casos é moi sexista, mantéñense moito máis os estereotipos ca na propia sociedade. Hai roles que tradicionalmente foron asignados a homes ou mulleres, e que a nosa sociedade actual evidencia con toda claridade que teñen cambiado dun xeito case total. Sen embargo, a publicidade segue mantendo determinados perfís, estereotipos que xa non son. Temos que conquerer que a publicidade sexa unha aliada máis deste fenómeno de transformación.

Gustaríame facer unha chamada de atención sobre a linguaxe. A linguaxe é moi sexista, somos conscientes de que a linguaxe ten esa carga tan sexista?

Eu penso que a maioría da xente non. Teño que dicir que nisto existe unha percepción case na totalidade da sociedade de que a igualdade, agora mesmo, é algo xa conquerido e que polo tanto, hai moi pouco que facer. De feito, cando miramos ao noso arredor decatámonos dos avances que teñen desenvolvido os homes e as mulleres nos últimos anos: agora mesmo temos mulleres moi destacadas no ámbito da política, no ámbito da empresa, no ámbito de calquera eido profesional,  que hai vinte anos estaba en mans exclusivas de homes. Agora vemos que as mulleres, senón están a pé na igualdade, estamos acadando importantes logros, importantes espazos. Entón esa sensación, cando non reflexionamos moito máis, é a que perciben as persoas en xeral, a cidadanía en xeral, que realmente na igualdade está case todo conquerido e non hai necesidade de facer moito máis. Cando reflexionamos sobre eidos concretos, como pode ser por exemplo a linguaxe, como ven vostede de dicir, ou por exemplo algo bastante máis grave, como é a violencia de xénero, decatámonos de que a ocultación que fai a linguaxe do feminino é total. Este tipo de reflexión ten que facernos entender que aínda hai moito que facer.

Pois moitas grazas por estar en Preescolar na Casa.

Grazas a Preescolar na Casa por chamarme e grazas polo voso traballo.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag