A FEGAMP manifesta o seu apoio á continuidade do proxecto educativo de Preescolar na Casa

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias

Carlos Fernández, Ermitas Fernández e Carmen Sanmillán

Carlos Fernández, Ermitas Fernández e Carmen Sanmillán

(FEGAMP), Carlos Fernández, insta a Deputacións e concellos a colaborar coa Fundación Preescolar na Casa a través da sinatura dun convenio marco que contribúa a evitar a desaparición dun labor educativo exercido de xeito ininterrompido no medio rural galego desde os anos 70

A Presidenta da Fundación, Ermitas Fernández,  maila Directora, Carmen Sanmillán, detallaron ao responsable do organismo municipalista a situación de Preescolar na Casa, que sufre na actualidade un ERE. Informaron tamén do interese demostrado por moitos concellos e familias por colaborar na salvación do programa educativo.

Ambas directivas trasladaron ao responsable do organismo municipalista  a difícil situación pola que atravesa esta Fundación, na actualidade sometida a un expediente de regulación de emprego (ERE). Fernández e Sanmillán manifestaron ao presidente da Fegamp a súa preocupación pola continuidade dun proxecto educativo en expansión polo medio rural galego desde 1977.

O representante do municipalismo galego expresou a solidariedade co proxecto da Fundación Preescolar na Casa e expresou o interese da Fegamp en actuar como entidade canalizadora das necesidades do programa educativo cara as deputacións e os concellos.

Deste xeito, Carlos Fernández puxo a disposición da Fundación os medios de que dispón a Fegamp para difundir a situación que atravesa o proxecto neste momento e anunciou ás directivas de Preescolar na Casa que remitiría aos concellos unha comunicación trasladando aos alcaldes e alcaldesas a información referida hoxe pola Fundación co fin de intentar garantir a supervivencia desta iniciativa educativa.

A idea dun convenio marco das catro deputacións ao que puideran adherirse os municipios que o desexaran puidera ser a maneira máis axeitada de colaboración, segundo valoraron tanto o presidente da Fegamp como as responsables da Fundación Preescolar na Casa.

AS FAMILIAS E OS CONCELLOS NON QUEREN RENUNCIAR A UN PROGRAMA ENFOCADO AO MEDIO RURAL QUE REFORZA A COMPETENCIA EDUCATIVA FAMILIAR, FIXA POBOACIóN E MELLORA A CALIDADE DE VIDA

Preescolar na Casa configúrase como Fundación galega sen ánimo de lucro en Lugo, no ano 2001,  para darlle entidade xurídica a todo unha iniciativa educativa que se viña desenvolvendo na Comunidade Galega desde o ano 1977.

A discriminación que experimentaban os nenos e nenas do medio rural, nos anos 70, ao carecer de escolas que impartisen a educación preescolar e que provocaba unha elevada porcentaxe de fracaso escolar, determinou o nacemento de Preescolar na Casa como programa compensatorio, focalizado no medio rural e a través da capacitación da familia.

Na actualidade, a atención á primeira infancia e formación de pais, o apoio á parentalidade positiva está recollida en numerosos estudos e regulamentacións lexislativas, pero aínda así a acción da Fundación segue dando prioridade a este medio dadas as peculiaridades e características do mesmo.

As familias e os concellos valoran a labor desempeñada pola Fundación. Os concellos poñen ao servizo da mesma locais axeitados para o desenvolvemento dos distintos programas orientados ao desenvolvemento da parentalidade positiva, cos que tamén contribúe o persoal municipal das áreas implicadas: traballadores sociais, educadores familiares, matronas, etc.

A vinculación e o grao de satisfacción co proxecto é tal que moitos alcaldes e alcaldesas, recollendo a demanda das familias, xa manifestaron á Fundación o seu interese de colaborar para evitar que o programa se pare por falta de financiamento.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag