Posts Tagged ‘parentalidade positiva’
IV Xornadas de Parentalidade Positiva: NON ENTENDEMOS NADA
Acaban de rematar no Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade as IV Xornadas sobre Parentalidade Positiva. Alí púxose de manifesto a importancia das políticas que impulsan a parentalidade positiva, algo que Preescolar na Casa viña facendo DENDE o ano 1977, sendo referente na nosa comunidade e mesmo no estranxeiro e anticipándose a políticas e recomendacións europeas en materia de educación á infancia e ás familias.
Por iso NON entendemos nada: dende o propio Ministerio encargado destas cuestións, dise que “educar a un fillo ou a unha filla ou crear as condicións necesarias para o seu pleno desenvolvemento supón unha gran responsabilidade, principalmente de ámbito privado, pero tamén son lexítimos os apoios das Administracións Públicas para facilitar a pais e nais esta tarefa”. (Ver web do Ministerio referente ás Xornadas). Aquí, o apoio das Administracións, córtase.
En palabras do propio Secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Juan Manuel Moreno, o Ministerio que dirixe Ana Mato propón establecer coas administracións autonómicas e locais, así como con ONGs, expertos e profesionais, un marco de colaboración que faga realidade a expansión dos valores da parentalidade positiva en moitas das políticas sociais que se poñan en práctica. NON entendemos nada: aquí, o marco de colaboración, lonxe de intensificarse, rómpese.
Juan Manuel Moreno, Secretario de Estado, di: “Temos que ir substituíndo o enfoque tradicional de atención ás familias baseado en problemas e reaccións, por outro enfoque baseado nas capacidades e potencialidades das familias e dirixido á prevención”. (Ver web da Nota de Prensa do Ministerio). NON entendemos nada: precisamente isto é o que Preescolar na Casa viña facendo dende hai máis de 35 anos e que agora, incomprensiblemente, se deixa sen financiamento.
NON entendemos nada: o que expertos, políticos e recomendacións europeas din que hai que facer é o que nós faciamos. Nestes foros apóstase por algo que aquí xa existía…
O desempeño positivo do rol parental ou a parentalidade positiva defínese como o conxunto de condutas parentais que procuran o benestar dos nenos e nenas e o seu desenvolvemento integral desde unha perspectiva de coidado, afecto, protección, enriquecemento e seguridade persoal, de non violencia, que proporciona recoñecemento persoal e pautas educativas. Inclúe tamén o establecemento de límites a nenos e nenas para promover o seu completo desenvolvemento e o sentimento de control da propia vida para que poidan alcanzar os mellores logros tanto no ámbito familiar como no académico, cos amigos e no entorno social e comunitario. O informe de UNICEF sobre a infancia do ano 2007 concluía que os nenos holandeses eran os máis felices dos países desenvoltos. Neste informe destacaban, entre outros factores, as boas relacións existentes entre pais e fillos, o maior tempo que dedicaban, o clima de flexibilidade e de liberdade que se respiraba nas familias, ou a menor presión que os nenos e nenas recibían dende a escola.
Preescolar na Casa tentaba favorecer a parentalidade positiva. Traballaba a parentalidade positiva con xuntanzas cos pais e nais (Espazos das Familias), dende os programas de radio, dende o programa de televisión, dende a revista, dende a web, en charlas educativas, …en fin,… NON entendemos nada.
Xornadas sobre Parentalidade Positiva: falta Preescolar na Casa
Durante os días 9 e 10 de outubro terán lugar en Madrid as IV Xornadas sobre Parentalidade Positiva, organizadas polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, onde se tratará de buscar as respostas máis axeitadas ante os diversos contextos que condicionan o exercicio das responsabilidades de coidado, educación e crianza dos fillos.
As necesidades de apoio a nais e pais cada vez son máis fortes. De aí a importancia de identificar e difundir as mellores prácticas en materia de servizos e programas de apoio parental. Así, expertos nacionais e internacionais, responsables de programas, técnicos e investigadores con recoñecido prestixio e experiencia nestes ámbitos daranse cita en Madrid nestes días, cos obxectivos de difundir experiencias e prácticas exitosas en materia de apoio á parentalidade positiva.
Trátase dun foro no que en condicións normais estaría presente Preescolar na Casa, programa pioneiro en parentalidade positiva. Constátase unha vez máis que o traballo que viñamos desenvolvendo ía polo bo camiño, e que mentres que noutros lugares tentase poñer en marcha iniciativas como esta, aquí déixase morrer.
A pesar de todo, Preescolar na Casa segue a ser referente internacional
A pesar da situación pola que estamos a pasar, Preescolar na Casa conserva recoñecementos e mantén a súa proxección internacional. A Fundación ten o apoio da Fundación Bernard Van Leer para participar o próximo mes de outubro no “Encontro Europeo de Apoio á Parentalidade Positiva”, que terá lugar en La Haya (Holanda). Proximamente, o Consello de Europa fará públicos os poñentes definitivos. Este Encontro está organizado polo Consello de Europa, Eurochild e outros organismos e institucións que velan polos interese da infancia e da educación.
Lamentamos profundamente que un programa como Preescolar na Casa, referente dende o ano 1977, peche aquí as portas por falta de financiamento pero que aínda así sexa modelo e referente noutros lugares.
A escola hoxe, con Tonucci (Programa nº 710 na TVG)
Neste último programa do curso volve a estar connosco Francesco Tonucci, mestre, pedagogo, escritor e debuxante recoñecido a nivel mundial. Aproveitando a súa presenza no XI Encontro de Familia e Escola, falamos con el de nenos, de familia, de sociedade e de educación. Na entrevista de hoxe centrámonos no papel da escola de hoxe, nunha conversa máis que interesante. A visión da infancia e da educación de Tonucci están moi próximas ás que temos en Preescolar na Casa. Tonucci é un lúcido pedagogo que analiza a infancia e ensina a Read the rest of this entry »
No Concello de Sevilla apostan pola parentalidade positiva, como ven facendo Preescolar na Casa dende o ano 1977
Deste xeito, o Concello de Sevilla e a Delegación de Familia, Asuntos Sociais e Zonas de Especial Actuación teñen entre os seus programas a cobertura das necesidades vinculadas ao desenvolvemento, a integración e a participación dos menores que están directamente ligadas ao exercicio dunha parentalidade responsable, que atenda aos fillos e fillas en todas as necesidades, que lles axuden a potenciar os seus talentos y lles facilite a súa integración social como cidadáns libres, autónomos e solidarios.
“Si ser nai e pai non é nunca unha tarefa doada, nos casos nos que os proxenitores teñen dificultades para exercer as súas funcións parentais, ben por atoparse en situacións de necesidade socio-económica, por presentar complicadas traxectorias persoais, situacións vitais problemáticas, baixo nivel cultural e escasas redes de apoio social, etc.; as súas competencias como nais e pais vense con frecuencia fraxilizadas, afectándose así a atención, o coidado e a educación dos seus fillos e fillas. Por isto, con este programa preténdese que todas as nais, pais, fillos, netos, … etc., logren ter as mesmas condicións e se rompan as desigualdades”, dixo o alcalde sevillano Juan Ignacio Zoido.
Neste sentido, un amplo grupo de nais, pais e usuarios dos Servizos Sociais da cidade de Sevilla expresan a necesidade dunha intervención técnica de carácter psicoeducativo, encamiñada a formalos e apoialos en habilidades parentais básicas, potenciando a parentalidade positiva e previndo situacións de risco no desenvolvemento integral dos seus fillos e fillas.
O obxectivo xeral do programa é proporcionar a nais e pais unha experiencia grupal, que potencie o desenvolvemento exitoso e eficaz de aspectos implicados no coidado, educación e socialización dos fillos e fillas, cunha metodoloxía baseada no enriquecemento experiencial, que parte das experiencias dos pais e nais, fomentando as potencialidades parentais e a participación activa das persoas, cun sistema de traballo similar ao que a Fundación Preescolar na Casa ven desenvolvendo dende hai 35 anos. Entre outros contidos, trátase o desenvolvemento infantil, o sistema familiar, actuando como pais e nais, os estilos educativos, normas e disciplina, afecto e comunicación, a resolución de conflitos, as relaciones entre irmáns, o apoio social e integración na comunidade, a familia e a escola, o ocio e o tempo libre, …
En definitiva, unha mostra máis de que o traballo que ven desenvolvendo a Fundación Preescolar na Casa non anda desencamiñado.
Preescolar na Casa no último acto da Semana de Acción Mundial pola Educación no IES Carlos Casares de Viana do Bolo
O venres 4 de maio tivo lugar no IES Carlos Casares de Viana do Bolo o último dos actos en Galicia da Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME). Estiveron os coordinadores en España e en Galicia da Campaña Mundial pola Educación (CME 2012). Neste acto participou tamén Preescolar na Casa levando un dos seus Espazos das Familias ao acto, para visibilizar a importancia da atención temperá e do importante papel de nais e pais na educación, nun modelo de parentalidade positiva.
O obxectivo da campaña deste ano é sensibilizar sobre a importancia da educación de 0 a 6 años no desenvolvemento das persoas e das grandes diferenzas no acceso á educación temperá segundo a orixe de cada un.
Para máis información pica aquí.
Acto da Semana de Acción Mundial en Viana do Bolo, con Preescolar na Casa
Mañá ás 12:00 h. terá lugar en Viana do Bolo un acto público da Semana de Acción Mundial pola Educación, no que o protagonista será a Fundación Preescolar na Casa. Neste acto reivindicativo porase de manifesto a importancia hoxe en día do programa que vimos desenvolvendo, programa pioneiro en parentalidade positiva que sempre estivo na vangarda do mundo educativo. Un programa 100% galego que dende o seu nacemento no ano 1977 acompañou ás familias de Galicia na aventura de crecer e no desafío de educar. O tema central da campaña, este ano, é visibilizar a importancia da educación temperá, entre os 0 e os 3 anos, algo sobre o que Preescolar na Casa ten moito que dicir.
Preescolar na Casa adhírese ao Manifesto da Semana de Acción Mundial pola Educación
Esta semana, do 23 ao 29 de abril é a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME). Millóns de persoas en todo o mundo mobilizaranse para recordar ás e aos líderes políticos a importancia de que todos os nenos e nenas poidan acceder a programas de atención e educación nos seus primeiros anos de vida.
Achegamos unhas notas sobre as razóns de porqué a Fundación Preescolar na Casa se adhire ao manifesto SAME. En liñas xerais por ser unha das institucións galegas que máis tempo leva traballando coa infancia e a familia mesmo anticipándose a leis e recomendacións europeas e por ser a súa misión principal: contribuír a crear na sociedade unha cultura da infancia. Se algunha institución pensou en axudar a mellorar a educación de nenos e nenas galegas, esa foi e está a ser Preescolar na Casa. Sempre coa familia como eixo de intervención e os máis desfavorecidos como prioridade.
Un dos principios que deron orixe no ano 1977 a PnC foi “Os nenos non agardan por respostas futuras, medran”. Por iso é necesario estar atentos e responder as súas necesidades conscientes de que o que se faga nestes primeiros anos de vida á crucial para o seu desenvolvemento posterior. O máis triste é comprobar que para cumprir os obxectivos de Europa 2020 (redución de taxa de abandono escolar, menos desemprego…) recoméndase prestar especial atención a educación e atención da infancia entendendo por atención calquera servizos que van dirixidos a prestarlla, incluíndo a familia como parte esencial en todo o proceso educativo e integrándoa en calquera dos deseños que se fagan para dar resposta ás necesidades educativas da infancia.
Tamén se fala de que é preciso crear un SISTEMA COMPETENTE que garanta a calidade da educación SEMPRE e a TODOS. En Galicia non temos cuberta a taxa de escolarización 0-3 nin moito menos (30%) e, en calquera caso, non todos os nenos, poden e, as familias, queren, unha escola infantil.
Pensar en crear un SISTEMA COMPETENTE que garanta a calidade da educación SEMPRE e a TODOS, implica en pensar que facer con ese 70% que non pode ou non quere acceder a unha escola infantil. Implica pensar que servizos hai que deseñar para facer competente en materia educativa ás familias, á comunidade, a profesionais…
Preescolar na Casa, de non obter apoio económico por parte da administración autonómica, vai desaparecer e con ela, a única proposta educativa galega que concita a participación de 4000 pais, nais cos seus fillos, principalmente de contextos rurais e que está a seguir as directrices e recomendacións mundiais en materia de atención educativa á infancia.
Os actos públicos para apoiar publicamente a Campaña serán os seguintes
· 24 de abril en Santiago de Compostela
· 25 de abril en Vigo
· 26 de abril en A Coruña
· 4 de maio en Viana do Bolo
Tedes máis información na web da Campaña Mundial pola Educación.
A Fundación Preescolar na Casa, no Consello Galego de Benestar Social
A Xunta de Galicia ven de crear no mes de decembro, novos órganos consultivos e de participación para o control, deseño, estudo e posta en marcha de iniciativas que melloren a calidade dos servizos sociais en Galicia.
Así, créase o Consello Galego de Benestar Social, órgano colexiado superior consultivo e de participación do sistema galego de servizos sociais, adscrito á Consellería de Traballo e Benestar Social.
Na composición deste órgano, formarán parte como vogais, 12 entidades de iniciativa social prestadoras de Servizos sociais. A Fundación Preescolar na Casa presentou a súa candidatura como vogal na categoría de familia, infancia e menores, resultando elixida na mesma.
Queremos agradecer os apoios recibidos para que a nosa candidatura saíse adiante e poder participar en dito Consello en beneficio da familia e da infancia da nosa comunidade.
Educación e sociedade (Programa nº 702 na TVG)
Hoxe temos no programa a María Dolores Candedo, Profesora de Pedagoxía Social da Universidade da Coruña e Presidenta de Nova Escola Galega. Falaremos con ela da importancia da educación para a mellora da sociedade. Falaremos de políticas de parentalidade positiva, promovidas por Europa, e do importante papel dos pais e nais na educación dos fillos e fillas. Educación e sociedade. Read the rest of this entry »