Familia e benestar (Programa nº 681 na TVG)

Dende a Fundación Preescolar na Casa tentamos difundir unha cultura da infancia e reforzar a competencia educativa da familia promovendo espazos educativos nos que se acompaña á mesma na aventura de crecer e no desafío de educar. Hoxe falamos con Susana López Abella, Secretaria Xeral de Familia e Benestar da Xunta de Galicia da importancia da familia e da importancia do apoio das Administracións á mesma. “Familia e  benestar”.

AS COUSIÑAS DE CADA DÍA

Pero chega o momento en que o bebé abandona o berce e sae á descuberta do mundo máis próximo, pero infinitamente grande e cheo de estímulos. Agora xa non está deitado. Cando senta, a súa visión do mundo amplíase. Agora pode ver moito máis. O tempo vai pasando. O noso bebé xa ten cerca dos oito meses e pode desprazarse. O bebé gatea. Usando brazos e pernas tenta achegarse ao mundo que se abre diante dos ollos. Quere apropiarse do que ve. “Descubridores de 1 ano”.

A AVENTURA DE CRECER

A comunicación cos demais é unha das características do ser humano. E convén potenciala dende o principio. Falar moito co bebé dende que nace írao preparando para a adquisición da linguaxe. Debemos permitir que estea a carón de nós alí onde se fala. Tamén, potenciar o contacto con outros, para que descubra os segredos da linguaxe. Cando o noso fillo sexa un pouco máis grandiño podemos axudarlle a fortalecer os músculos da boca, imprescindibles para unha pronuncia axeitada. Podemos animalo a soprar. Así adestramos beizos e boca en xeral. “Soprando, aprendo a falar”.

XOGAR E BRINCAR

Que o xogo é unha actividade esencial e saudable para calquera neno é un feito universalmente coñecido. O xogo é o principio das relacións sociais para os nenos, sentando bases para un comportamento futuro na sociedade. O xogo é o mellor vehículo de socialización e de saúde. E si se xoga ao aire libre, aínda moito máis. Xogar ao aire libre significa respirar aire puro. Tamén significa, na maioría das ocasións, facer exercicio. A propia Asociación de Pediatría de Atención Primaria recoñece que xogar ao aire libre é unha boa oportunidade para desenvolver o corpo e a mente, tanto para os nenos e para as nenas como para a vida familiar en xeral. “Xogos ao aire libre”.

LIÑA DIRECTA

Ángela Torres, psiquiatra e profesora da USC, responde á seguinte pregunta: Por que son necesarias as normas e os límites para os máis pequenos?

CONTRAPORTADA

Toca gozar da natureza, das árbores, das cores vivas. Gozar de paseos, de carreiras, … “En plena primavera”.

PREESCOLAR NA CASA ESPAZOS EDUCATIVOS

PROGRAMA de TV Nº 681

TÍTULO: Familia e benestar

DATA DE EMISIÓN: 28 de maio de 2011

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag