Concerto para bebés en Monforte

Concerto Preescolar na Casa e Conservatorio Mestre Ibáñez

Concerto Preescolar na Casa e Conservatorio Mestre Ibáñez

Este martes 10 de maio, no Edificio Multiusos de Monforte celébrase o concerto para bebés que organiza a Fundación Preescolar na Casa, coa colaboración do Conservatorio Mestre Ibáñez. A actividade pretende ofrecer aos nenas e nenos a posibilidade de  achegarse á música clásica.

Mestres e alumnos do conservatorio interpretarán movementos ou versións reducidas de obras clásicas, nun escenario que vai facilitar a interacción co público. Aconséllase que cada familia leve unha manta para que nenas e nenos poidan estar no chan, con liberdade para moverse. Os músicos desprazaranse entre eles para que ademais de escoitar,  vexan, e mesmo toquen e manipulen, os distintos instrumentos.

Prevense dúas sesións de trinta minutos. A primeira, ás 16:30, para nenas e nenos ata os 18 meses. A segunda, ás 17:30, para os maiores desa idade.

A comunicación xoga un papel fundamental ó longo da vida das persoas. Especialmente nos primeiros anos, pois vai contribuír ao desenvolvemento harmónico das persoas, regulando as relacións cos outros, co medio e contribuíndo ó desenvolvemento e benestar persoal.

Dende  Preescolar na Casa consideramos a música  como unha forma de comunicación que dende os primeiros momentos de vida, incluso xa durante o embarazo, se debe achegar ás nenas e nenos para favorecer o desenvolvemento pleno da persoa.

Por iso, a linguaxe musical é un dos contidos que se aborda coas familias, co obxectivo de que sexan conscientes da importancia que ten no desenvolvemento global da persoa e descubran o seu papel para axudar ás nenas/os a desenvolver a sensibilidade auditiva e a gozar cos sons e a música: escoitando, interpretando e creando.

Nos últimos cursos estase realizando unha importante tarefa de colaboración entre Preescolar na Casa e outras entidades/institucións/servizos existentes nas zonas onde se desenvolve o programa, cunha alta valoración por parte de todos os implicados e que está levando a unha maior utilización deses servizos ao tempo que se contribúe a ter outra visión da infancia, a nivel social.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag