Conclusións das I Xornadas Educando na infancia e na adolescencia

As I Xornadas educando na infancia e na adolescencia: Unha mirada á primeira infancia, reuniron en Lugo, os días 12 e 26 de marzo a preto de 200 persoas, (a maior parte profesionais da educación, pero tamén nais e estudantes) que manifestaron, a través da súa alta satisfacción coas xornadas, a necesidade dunha resposta sistémica ás necesidades da infancia e da familia (Ver noticia publicada en La Voz de Galicia). A creación desta resposta precisa a implicación dos diferentes sectores da comunidade, para repensar as ofertas e modelos educativos que existen de acordo coas seguintes premisas

1.       Necesidade de recuperar unha perspectiva humanista na educación. O máis importante da acción educativa non é o currículo entendido como contidos, senón as persoas, as actitudes e os valores . O obxectivo da educación debería ser: contribuír a aprender a ser e a aprender a vivir en comunidade.

2.       O trato á infancia é un indicador do nivel de calidade de vida, de desenvolvemento, de cultura e de sensibilidade social. A idea que teñamos do neno, da nena, vai condicionar as prioridades educativas e os recursos para levalas a cabo. É preciso considerar aos nenos e nenas como persoas con experiencias, vivencias, desexos, coñecementos, dereitos, demandas e necesidades sociais, e membros dunha comunidade.

3.       Falar de educación infantil implica falar de política da infancia, xa que implica a armazón de relacións entre infancia e sociedade, entre familia e sociedade, entre escola e sociedade. A sociedade que se preocupa e ocupa da infancia, que cre no seu potencial, ademais de promover actuacións que contribúen a desenvolver ese potencial, ten unha visión ampla do impacto que ten na infancia calquera política e/ou actuación que se quere desenvolver.

4.       As cidades precisan ser máis habitables e humanas, precisan recuperar na súa construción a escala das persoas, para recuperar a rúa para pasear, para comunicarse, para xogar, para construír o sentido de comunidade onde todos se responsabilizan de todos, desde a infancia á terceira idade. De partida, unha cidade adaptada á infancia é unha cidade boa para todas e todos os cidadáns.

5.        Crear contextos de vida cotiá de calidade e enriquecedores, implica que sociedade, familias e nenos e nenas precisan espazos de encontro e convivencia onde analizar os problemas, tomar decisións, construír a súa autonomía e asumir compromisos, onde aprender a vivir xuntos.

6.       A atención á infancia e a familia precisa recursos variados e complementarios, non só escolares: servizos de apoio educativo ás familias, servizos que propicien o desenvolvemento equilibrado, puntos de encontro para nenas/os de pais separados…servizos onde socializarse conxuntamente pais e fillos, onde os pais recuperen a confianza de que poden educar aos seus fillos.

7.       As familias necesitan acompañamento profesional nas transicións: ser pais, compartir a educación dos fillos con outros, separacións, familias reconstituídas….para que creen contextos respectuosos e enriquecedores, promotores de competencias.

8.       No cerne da educación das persoas está o desenvolvemento emocional e as competencias neste ámbito. Profesionais e familias deben estar especialmente atentos ao universo emocional de nenas e nenos, evitando a tentación de apartar, negar ou minimizar ante a infancia o que poda supoñer pena, sufrimento (efectos dunha separación, morte, frustración, etc), escoitando e permitindo que recoñezan os seus sentimentos e proporcionando explicacións adaptadas ás posibilidades de entendemento para evitar fantasías inadecuadas.

9.       A escola ten que abrise ao contorno, ten que vincularse coa comunidade local: familia, axentes educativos e sociais e comunidade en xeral. As comunidades de aprendizaxe son unha boa oportunidade para imaxinar e sentar as bases da educación da infancia e enriquecernos conxuntamente.

10.   A colaboración entre pais e profesores precisa tempo para xerar confianza, desenvolver unha orientación positiva, conseguir consenso de metas e equilibrio de poderes.

11.   O papel do profesor que facilita o desenvolvemento das competencias concrétase en: guiar a aprendizaxe, organizar, coparticipar e documentar os procesos, permitir a iniciativa, escoitar, esperar, dar tempo, seguir, favorecer a autonomía, promover a participación das familias.

12.   A sociedade é diversa. A actuar en grupos socialmente heteroxéneos apréndese en grupos diversos: diversidade funcional, cultural, económica… Cada persoa ten unhas posibilidades e unhas características que é imprescindible recoñecer para desenvolver as súas competencias. Destas diferenzas poden enriquecerse os demais, xuntos poden avanzar máis, por iso a diferenza é un valor que hai que aproveitar nun ambiente de normalidade e cooperación. Hoxe non se mantén que a diversidade baixa a calidade, pero si que require novas formas de facer.

13.   Ter en conta a diversidade como recurso educativo implica partir das barreiras para a aprendizaxe, dos condicionantes da aprendizaxe, da presenza, da participación e das posibilidades das diferentes persoas máis que da vulnerabilidade das mesmas.

14.   En contra do que sucede na actualidade, a educación, especialmente nos primeiros anos, debe considerarse un aspecto esencial no desenvolvemento das persoas. Pola importancia da educación no desenvolvemento das persoas e das sociedades, os seus profesionais deben ser os mellores e deben gozar dun prestixio acorde coa importancia da función que desempeñan.

15.   A formación inicial e continua do profesorado debe capacitar e propiciar o desenvolvemento de novas formas de facer que favorezan o traballo en equipo, que garantan o apoio, colaboración e axuda entre os diferentes axentes implicados, para contribuír ao desenvolvemento de persoas sas, equilibradas e competentes.

Lugo,  marzo 2011.

Incorporamos un vídeo que promove a reflexión e recolle moitas das ideas presentes nestas conclusións. É un pouco longo, pero non ten desperdicio.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag