Informar, formar e entreter

O OCTA, Observatorio de Contidos Televisivos e Audiovisuais, vén de presentar o informe das vulneracións das televisións á Lei de Comunicación Audiovisual en materia de infancia. O informe é demoledor. (Pica aquí para ver noticias sobre o informe aparecidas en distintos medios de comunicación).

Un país democrático precisa dunha televisión que eduque. Precisa de todos e todas para desenvolverse. Pois Preescolar na Casa é un programa de televisión educativa. E quere seguir sendo televisión educativa polo menos outros 20 anos máis.

Nos diversos foros educativos e de televisión aos que temos asistido ao longo destes anos, recibimos un aplauso unánime e unha felicitación, extensiva á Televisión de Galicia, de que exista, dende hai 20 anos, un programa educativo semanal dedicado á infancia e á educación. Son xa máis de 650 programas que fan de Preescolar na Casa un dos programas educativos máis veteranos nas grellas televisivas de todo o mundo.

En todo este tempo pretendemos ofrecer, á sociedade en xeral e á familia en particular, elementos para a acción educativa. Tratamos de acompañar aos pais na apaixonante tarefa de educar aos fillos. Tratamos de difundir na sociedade unha cultura da infancia.

Porque a televisión naceu para informar, entreter e formar. Unha ollada á situación actual permite decatarnos de que a TV estase reducindo a un instrumento de mera diversión. Ás veces, traspásase a raia e a diversión convértese en puro lixo televisivo.

O uso da televisión é un obxectivo a desenvolver dende as idades máis temperás, xa que é un elemento presente en todos os fogares. Se queremos que os nenas e as nenas sexan competentes no tratamento da información e na linguaxe dixital é necesario alfabetizalos nesta linguaxe, para que fagan un uso responsable e crítico das novas tecnoloxías. Este é un valor que temos que abordar conxuntamente familia, escola, sociedade e medios de comunicación. Un valor que a Fundación Preescolar na Casa leva traballando dende hai 34 anos.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag