Mirar á infancia

O éxito da convocatoria das I Xornadas Educando na Infancia e na Adolescencia, esgotadas as 200 matrículas días despois de iniciarse o prazo, evidencia unha realidade: precisamos mirar á infancia para saber cara onde camiñamos como sociedade. Os nenos son o futuro dos pobos, pero tamén o presente; mirar ben á infancia, interpretala de forma que respondamos axeitadamente as súas necesidades, axudará a que nenos e nenas medren sans, equilibrados e competentes.

Os rápidos e profundos cambios que experimenta a sociedade actual, teñen unha repercusión directa na infancia e na adolescencia, na educación e nos axentes educativos: familia, escola e comunidade.  En ocasións, non hai unha conciencia real de que a educación comeza nos primeiros anos e de que desde todos os ámbitos da vida se educa. Non hai unha concepción social e compartida do que a infancia necesita e de como desde todos os ámbitos debemos darlle resposta; no mellor dos casos, familia, escola e comunidade van tratar de responder o mellor que poden, pero cada unha dunha forma independente e moi condicionada pola forma de entender á infancia e o papel de cadaquén na súa educación.

Atopámonos así, distintas imaxes da infancia que moitas veces son contraditorias entre si: da pretendida autonomía ao excesivo proteccionismo, da infancia como suxeito con dereitos e deberes e cunha características determinadas á infancia como adulto en pequeno, e polo tanto incapaz de moitas cousas, da falta de visibilidade da infancia en moitas actividades e recursos do contorno ao exceso da súa presenza noutras, coma a publicidade.

É preciso pensar, crear e difundir unha cultura da infancia, unha cultura do que implica ser neno e ser nena, para que desde todos os ámbitos sociais –non só desde o educativo- se dea unha reposta, se pense neles. Doutro xeito, córrese o risco de que o desfase entre o ideal e a realidade cada vez sexa maior. Os que traballamos nisto, sentimos que poucas veces a primeira infancia conta nesta sociedade máis alá que como suxeitos que consumen.

Ata hai ben pouco, un bebé tiña que compartir espazos de ocio con fume: de non ser por unha lei que prohibe, seguiría sendo así. Noutros lugares, sen prohibicións polo medio, estar diante dun neno é motivo suficiente para non acender un cigarro. Exemplos  que nos leven a facer reflexións deste tipo hai moitos: onde están situados os cambiadores de cueiros?; permiten que pais e nais podan asumir este tarefa?; como e de que tamaño son os aseos de espazos públicos?; pénsase que os nenos tamén poden facer uso deles?; os espazos de cultura e ocio, están deseñados para que pais e nais poidan ir acompañados dos seus fillos?, teñen espazos para deixar os carriños de paseo, para aleitalos de xeito relaxado?,… en fin, para facer da crianza unha tarefa natural  e algo que forma parte de vida de moitos?.

Os que traballamos nisto sentimos que, pese aos avances políticos e sociais, queda moito por facer para que nestes avances teñan en consideración á infancia. Se de verdade queremos ter unha cidadanía sa, respectuosa e solidaria, fagamos cidadáns xa, con plenos dereitos e tamén deberes e responsabilidades.

Fagamos unha mirada á primeira infancia para poder repensar o que eles precisan.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag