Contos da Ciclobiblioteca (Programa nº 663 na TVG)

Podes ver o programa aquí. Comezamos o ano 2011 falando de contos e libros. A importancia da lectura é básica para o desenvolvemento de tódolos campos da vida e das sociedades. Porque a través dos libros e dos contos podemos emocionarnos, podemos aprender, e, como non, podemos gozar. Anxo Moure, contacontos e ecoloxista estará hoxe connosco para contarnos o seu proxecto de biblioteca itinerante, cunhas lecturas que xuntan solidariedade, pacifismo e ecoloxía. “A ciclobiblioteca”.

AS COUSIÑAS DE CADA DÍA

Desde o niño do ventre, o feto escoita como palpita o corazón da nai. É o primeiro achegamento rítmico ó mundo. Esas experiencias sensoriais están determinadas polo líquido amniótico que baña os oídos do bebé. A partir de aí empezará a escoitar os sons  do mundo. A imitación deses sons que escoita vai ser a base da súa linguaxe. O bebé emite dun xeito inconsciente os sons que o rodean, e comeza a rexistralos e memorizalos. Oír é unha das nosas funcións naturais, pero esa capacidade modifícase por factores do ámbito onde vivimos. Escoitando poñémonos en contacto cos outros e co ambiente. Escoitamos culturalmente. Para un neno cada son é síntoma de movemento. Se algo soa é porque se move e cambia. “Explorando os sons”.

A AVENTURA DE CRECER

No Espazo das Familias de Bacoi saben que a música é moi importante na educación de nenos e nenas. Por iso, cántannos unha cantiga. “Cantiga dunha manciña”.

XOGAR E BRINCAR

Os xogos cooperativos con paracaídas son ben divertidos. Todos e todas xogan. Todos participan nesta roda xigante onde todos gañan e ninguén sobra nin é apartado do grupo. Agarrando forte dos bordos nenos e adultos forman unha roda moi grande e empezan a xogar xuntos. Neste xogo non hai primeiro, nin segundo, nin último. No xogo cooperativo do paracaídas todos gañan, ninguén perde. Non fai falta ter moita imaxinación para crear e inventar outros xogos agarrados a esta tea redonda de cores que invita a xogar xuntos. Porque xuntos, e cun paracaídas no medio, é moito máis divertido. “Xogos cooperativos co paracaídas”.

LIÑA DIRECTA

Beni Martínez, Matrona do SEGAS, fálanos de como deber ser o inicio da lactación materna para que esta non sexa un fracaso.

CONTRAPORTADA

O camiño da coeducación, as conquistas no eido da igualdade xa non teñen volta atrás. Mulleres e homes, nenos e nenas deben compartir o protagonismo na casa, na escola, nas rúas, nos traballos, convivindo en igualdade. Queremos unha familia onde senten á mesa o amor, os dereitos de todos, a palabra. Onde as tarefas da casa non sexan masculinas e femininas. As mulleres son a metade dunha Humanidade mal repartida que só pode voar con dúas ás: a masculina e a feminina. “Coeducación, un camiño sen volta.

PREESCOLAR NA CASA ESPAZOS EDUCATIVOS

PROGRAMA de TV Nº 663

TÍTULO: Ciclobiblioteca

DATA DE EMISIÓN: 8 de xaneiro de 2011

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag