Consumo responsable (Programa nº 662 na TVG)

Podes ver o programa aquí. Chega o Nadal, e con el chega a furia consumista. Mercar comida, agasallos, xoguetes, …, algo que facemos case que compulsivamente nestas datas. E cómpre facelo con algo de cabeza. Para facelo así, estará hoxe no noso programa a Directora da Escola Galega de Consumo do Instituto Galego de Consumo da Xunta de Galicia, Esther Álvarez, coa que falaremos de consumismo e de consumo responsable. “Consumo responsable”.

AS COUSIÑAS DE CADA DÍA

Fomos ata Lodoselo, Ourense, cos máis pequenos a facer pan coas propias mans. Alí, no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso teñen todo o necesario para vivir o proceso enteiro. O primeiro é carretar leña para quentar o forno. Nenas, nenos e adultos participan nesta tarefa. Sen lume non hai pan quente. E mentres o forno vai quecendo será bo amasar a fariña coa auga e co sal. Aquí nenas e nenos van resultar unha axuda inestimable: son os mellores e máis entusiastas protagonistas. As mans, na masa. Neste parte do proceso as mans son imprescindibles, son a mellor ferramenta. Co forno ben quente non haberá que esperar moito tempo para que o pan quede cocido. O pan quente xa está nas mans das nenas  e dos nenos. Todas as palabras que explican cada acción van quedando na memoria dos nenos. “Pan quente nas mans”.

A AVENTURA DE CRECER

Cando os bebés son pequenos, moi pequenos, collémolos con moito coidado. Semella que nos van romper nas mans. Pero non vos preocupedes, isto non vai pasar, son máis flexibles do que pensades. Está claro que temos que tratalos con moita suavidade, pero podemos ir exercitando os músculos do seu corpo. “Son moi flexible”.

XOGAR E BRINCAR

Agora que estamos no inverno, que os días son curtos e as horas de noite abondan, temos que pasar moitas horas dentro da casa, imos ofrecerlles unha proposta para compartir cos máis pequenos da casa un tempo de calidade, de goce, que facilita que os nenos e as nenas vaian desenvolvendo moitas das súas capacidades: xogos coa baralla. E aprendendo capacidades matemáticas. “Ouros, copas e bastos”.

CONTRAPORTADA

Non hai xoguetes para nenos, e xoguetes para nenas. Comprar xoguetes en función do sexo contribúe a acentuar o sexismo e o machismo existente na sociedade. Para o seu desenvolvemento integral é preciso que nenos e nenas xoguen, compartan e aprendan con todo tipo de xoguetes. Cómpre aproveitar estas datas para ofrecer aos fillos e ás fillas todo tipo de xogos e de xoguetes. As nosas eleccións, os modelos que ofrecemos van influír decisivamente nas súas eleccións. Hai que elixir ben os xoguetes. “Os xoguetes non teñen sexo.

PREESCOLAR NA CASA ESPAZOS EDUCATIVOS

PROGRAMA de TV Nº 662

TÍTULO: Consumo responsable

DATA DE EMISIÓN: 18 de decembro de 2010

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag