Preescolar na Casa

Deixamos un artigo de Helena Villar Janeiro que se publicara no seu momento e que se nos pasara colgar neste blogue. Grazas polas súas palabras:

ISO QUE DIN que está caendo acabou con Preescolar na casa, un programa educativo do máis innovador, útil e exportable ao mundo que creou en 1977 o crego lugués do barrio do Catasol, humilde, orixinal e visionario, que se chamaba Antonio Gandoy e andaba con chaqueta de punto gris –que diciamos “vespa”– en bicicleta. Preescolar na Casa foi unha estratexia educativa patrimonio inmaterial galego e, como tal, debera estar protexido. Pero só quedará na memoria de quen traballou nel, de quen soubo da súa valía e, sobre todo, de quen aproveitou as súas virtualidades. Non hai nada máis produtivo en educación que un proxecto para actuar sobre a familia e multiplicar así os resultados. Elevar o nivel cultural e cooperativo das familias para educar nos primeiros anos a proxenie é unha inversión que optimiza os resultados pedagóxicos como ningunha.

Nado da necesidade de igualar oportunidades no noso disperso hábitat, fiel á crenza das potencialidades da parentela educadora, salvagarda da lingua e da cultura no rural, asesorou a milleiros de familias para desenvolver as primeiras habilidades que ha conquistar canto antes quen non pode asistir á escola. O desenvolvemento das primeiras aprendizaxes era dirixido polas persoas coas que convivía a criatura mentres medraba.

Fomentaba a acción dos adultos no desenvolvemento doméstico da educación globalizada da xente miúda e promocionaba fundamentalmente a educación en valores ata o punto de cumprir os requisitos dunha orientación pedagóxica recomendada pola comisión de ministros da Unión Europea que solicitou aos ámbitos políticos que tomen as medidas necesarias para apoiar a implicación das familias nos programas educacionais.

Preescolar na Casa foi un servizo que nada ten que ver cos que prestan as escolas infantís. Chegaba ás familias a través das reunións periódicas de adultos e meniños cos orientadores, da súa estupenda revista e dos medios de comunicación. Pero nin as 40.000 firmas recollidas a favor da súa continuidade foron suficientes para parar iso que din que está caendo e alá vai un programa de prestixio internacional que este curso aínda atendeu a 4.000 familias repartidas en 267 concellos a través dos 660 espazos onde se compartían experiencias e se analizaban as actividades. Aquí queda esta pequena homenaxe.

Ver artigo en tirardofío

Ver artigo en El Correo Gallego

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag