Dalle tempo ao neno

Deixamos aquí un artigo de opinión de José Manuel Vázquez López, do Departamento de Orientación do CEIP Ramón Artaza (Muros) publicado no último número da revista EDUGA (nº 64) no que fala da importancia de dedicarlles tempo aos nenos. O tempo familiar sería máis favorecedor para o neno ou a nena se fose un tempo activo e de calidade. Dende esta óptica, fala do traballo que neste sentido viña realizando Preescolar na Casa.

O comportamento do neno na escola dependerá, sobre todo, do estilo educativo e do tempo dedicado polos pais no fogar. Estes son conceptos fortemente vinculados porque o alumnado é o reflexo da duración e do tipo de educación familiar, e inflúe máis nel a falta destes, analogamente ao pensamento de  Nietzsche cando afirmaba: “En nuestra vida influyen no solo las cosas que nos pasan, sino también, y acaso más, las que no nos pasan” (Nietzsche, 1887). Non obstante, o adulto pode influír máis no neno deixando de ofrecerlle experiencias.

Desde un punto de vista psicolóxico, toda experiencia levada a cabo con prudencia vén asociada a unha aprendizaxe nova ou acumulativa. Polo tanto, cos cativos cómpre acompañamentos activos vinculados a novos coñecementos. Os nenos necesitan a atención dos seus pais tanto coma o sustento alimenticio diario. A súa falta será expresada polo cativo con comportamentos anómalos ou sen eles. Este feito por imperativos vitais reflíctese na escola e na vida diaria. Cada impresión ten unha expresión ou debería tela. O propio ser busca as maneiras de liberar as experiencias,  baséase nisto a importancia da escoita das vivencias escolares. Deste xeito, a escola complementa o labor principal feito polos pais.

Este factor é unha das claves para a transformación e o desenvolvemento comunitario (Ferradás, 2004, páx.15). Se entendemos a conciliación familiar como un tempo activo, un simple paseo pode ser un momento educativo fantástico cheo de preguntas e respostas. A comunicación activa será, polo tanto, un factor básico: charla sobre a paisaxe, o clima, as razóns, lecturas etc. De feito, importa tanto a calidade de tempo coma a súa cantidade. Centrémonos na cantidade. O tempo é un factor normativo, por moi bos momentos que compartamos co cativo, é importante unha certa duración, sobre todo cando os conceptos que queremos transmitir son atmosféricos e se trasladan por imitación, falamos de ensinar estados de ánimo –a paciencia, a constancia, a tranquilidade, o silencio ou a atención–.

No desaparecido programa Preescolar na Casa dicíase: “O neno aprende máis polo que ve ca polo que se lle di”. Podemos dicir que a educación é a chave para que as familias alcancen a cultura e o saber. Son moitos os feitos  que inciden nesta transformación social. O primeiro sería a aceptación de que os primeiros anos de vida das persoas son fundamentais para estas. O segundo sería a concienciación, acompañado da vontade de dedicarlle máis tempo á educación familiar. Este é un ben necesario para o desenvolvemento comunitario e a transformación da sociedade. Toda carencia educativa vén acompañada dunha posterior desigualdade ou diferenza de capacidades para o descubrimento de verdades.

Os nenos que temos son o froito da suma de todos os estímulos que recibe: medios de comunicación, veciños, compañeiros, familiares… Neste sentido, é fundamental seleccionalos mentres eles non son capaces de facelo pola falta de actitude crítica. Falamos dunha necesaria dieta de estímulos na “sociedade da sobreinformación”. Porque despois moitos deles non se responsabilizarán da imaxe que ofrecen nin dos prexuízos que lle poden causar ao neno, como frecuentemente pasa cos medios de comunicación. É mais, en ocasións a escola parece asumir toda a carga educativa e a responsabilidade, mentres que os titores legais se escudan na falta de tempo, dicindo habitualmente: “É que andamos ás présas”. A exclusividade educadora da escola é un concepto de antano xa superado? (Este asunto foi tratado pola organización Preescolar na Casa, fundada polo “cura da bicicleta”, Antonio Gandoy.)

Analicemos as principais causas da perda da conciliación familiar: o horario laboral, as novas tecnoloxías, a multiplicación da vida social, o ocio… Estas son algunhas das razóns da perda de momentos de exclusividade cos fillos. Podemos facer algo en contra dos imperativos laborais que marcan os traballos? O que é certo é que o horario laboral en España parece ser un tema significativo e susceptible de revisión. Se queremos mellorar a conciliación familiar, irremediablemente teremos que axustar o tempo laboral ou o dedicado a outros mesteres. Revisión temporal entendida como unha inversión que dará os seus froitos e aforrará moitos problemas. Este feito é unha mostra de amor aos fillos, porque como xa dicía Ortega y Gasset no seu libro Estudios sobre el amor, “O amor non é so felicidade, tamén comprende en ocasións certo sufrimento” (Ortega y Gasset, 1994). É necesario que o adulto, mediante un razoamento verdadeiro, diferencie o importante do urxente e do “importantemente urxente”. Este último concepto sería o primeiro que habería que atender, seguido polos outros dous na orde prescrita.

Gran parte dos problemas sociais do noso país teñen unha natureza pedagóxica. Por ese motivo, nós como docentes é importante que fagamos un alto no camiño e cavilemos nestas ideas. É ben sabido que a educar se aprende educando e aprendendo dos erros, pero antes de comezar esta tarefa necesitamos saber as necesidades do suxeito que vai recibir o proceso de ensino-aprendizaxe. Coñecemos verdadeiramente os nosos fillos? A base lóxica de calquera relación social é o coñecemento do outro e das súas necesidades. Para isto cómpre estar co cativo e observalo, pois cada neno é diferente. Trátase de encontrar o equilibrio entre control, esixencias, afecto e comunicación familiar. Cada un ten unhas necesidades particulares e vai demandar máis uns factores ca outros. O tempo en acadalos varía en función dos factores contextuais: aptitudes e actitudes neno/pais, empeño posto no proceso, tempo dispoñible, recursos, ambientes sociais, factores económicos, climáticos, culturais…

Os principais axentes implicados na educación do neno son os seus proxenitores. O seu labor é esencial e insubstituíble. A maioría dos pais teñen a capacitación natural para educar os seus fillos, pero necesitan a formación necesaria para empregar esas capacidades correctamente. Neste sentido, os profesionais da educación temos un labor fundamental mediante as titorías e a orientación familiar.

Moitas veces estas orientacións son insuficientes, polo que é importante que os pais acudan a organismos oficiais como a fundación desaparecida Preescolar na Casa, especialistas en formación parental. O futuro das xeracións depende en gran medida da educación e da atención recibida nos primeiros anos, como demostran diversas investigacións. La depresión cultural gallega e a Planificación de la educación: Galicia son estudos que reflicten a importancia das carencias educativas e culturais significativas. En 1975, a institución Fomento de Estudios Sociales y Sociología Aplicada (FOESSA) afirmaría a importancia de estimular os cativos.

CONCLUSIÓN

  • Os pais, como principais axentes educativos, son modelos de identificación. Estes exemplos son reproducidos máis tarde na escola.
  • A cantidade de tempo dedicado ao fillo é un factor tan importante coma a calidade.
  • O emprego da cultura e do saber nos nenos supón o futuro desenvolvemento comunitario e ambiental das sociedades, polo tanto, a aplicación destas reflexións na familia será a clave para a transformación social.
  • Esta circunstancia pasa inevitablemente por dedicarlles un certo tempo aos pícaros todos os días. Así, a concienciación da importancia da educación nos primeiros anos de vida é fundamental.
  • Os pais poden ser uns formidables e competentes educadores.
  • O papel da familia ten que ter continuidade na escola para que non existan rupturas.
  • Atender o desenvolvemento dos fillos é básico para non reproducir erros educativos cometidos. Polo tanto, a suma da adecuación de cada familia é a responsable de transformacións locais e a base para un cambio global positivo.

Bibliografía:

COSTA RICO, A. (1989). Escolas e mestres. A educación en Galicia: da restauración á España da Segunda República. Santiago: Servizo Central de Publicacións da Xunta de Galicia.

COSTA RICO, A. (1999). La educación en Galicia (1669-1970). A Coruña: Universidade de Santiago de Compostela.

FERRADÁS BLANCO, L. (2004). Medrando na comunidade. Lugo: Edit. PnaC.

GABRIEL, N. (2006). Ler e escribir en Galicia. A Coruña: Universidade da Coruña.

GABRIEL, N. e VIÑAO, A. (eds.) (1997). La investigación histórico-educativa. Tendencias actuales. Barcelona: Rossel.

ORTEGA Y GASSET, J. (1994). Estudios sobre el amor. Madrid: EDAF.

PIERRE VILAR (2008). Historia de España. Barcelona: Crítica.

José Manuel Vázquez López
Orientación CEIP Ramón Artaza (Muros – A Coruña)
josemanuel.vazquez@edu.xunta.es

Podes ler este artigo na revista EDUGA picando aquí.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag