A infancia como un suxeito de dereito

No ano 1959 proclámase polas Nacións Unidas a Declaración dos dereitos do neno unha declaración de principios que tiña forza moral pero non xurídica.  Trinta anos despois, no 1989 -20 de novembro- as Nacións Unidas aproban a Convención sobre os Dereitos do Neno, un texto xurídico vinculante, un texto que obriga ós Estados a adecuar as súas leis, os seus regulamentos.

Dicir que a infancia é un suxeito de dereito quere dicir que cada neno, cada nena, vale polo que é aquí e agora, independientemente da súa idade, que vale polo é e non polo que será.

Dicir que cada neno, cada nena, “vale polo que é e non polo que será” significa atendelo e entendelo no seu  “aquí e agora”.

Ese atender e entender no seu “aquí e agora” significa observar as súas tendencias e intereses para coñecer as súas necesidades e poder atendelas.

A necesidade de tocar, de coller “algo” nas mans obríganos a poñer ó seu alcance obxectos que poida agarrar, soltar, …; obxectos diferentes como  unhas castañas, unhas noces que colle e solta ó seu antollo e que poden servir para ir metendo nun tarro de boca ancha ou nun caixiña calquera, … Obxectos que están pola casa, que despertan o seu interese e que non representan nengún perigo, poden ser e son facilitadores de que o neno, a nena, sexan axentes do seu propio desenvolvemento. Cómpre ter moi en conta que “as estruturas do pensamento confórmanse pola acción”. É unha necesidade vital moverse, tocar, explorar, experimentar, tomar a iniciativa, … e temos que entender que “nada hai no entendemento que non teña pasado antes polos sentidos”.

As necesidades e os intereses van mudando coa idade e por iso cómpre estar atentos, observar, para mellor atender e entender.

Non temos que procurar que o neno ou a nena aprenda tal ou cal cousa porque tén que ir á escola. Temos que procurar que a aprenda porque está no momento de aprendela, porque pode aprendela, e nós facilitamos que así sexa. Apréndese aquilo que desperta o noso interese, por iso, “mentras dura o interese por unha cousa é o mellor momento de aprendela”. E isto serve para tódalas idades.

Dicir que a infancia é un suxeito de dereito quere tamén dicir que cada neno, cada nena, tén dereito a ter responsabilidades e a ter deberes, e non se lle dan. E isto tamén  é unha obriga nosa con respecto ós nenos e ás nenas.

Pensemos que canto máis valia un neno/a por sí mesmo/a, máis valerá no futuro. Para que iso sexa así, hai que tratalos con naturalidade, saber escoitar, deixarlles falar, estar ó seu lado e tratalos con respecto porque o neno que vive respectado, aprende a respectar.

E acompañémolos no seu proceso de aprender, valorando os seus éxitos  e sen dar importancia ós seus fracasos. Valorar os éxitos é o mellor camiño para que medre o interese por aprender. A fin de contas, a quen non quere aprender non hai mestre que lle ensine.

Marisol Fernández Rocha

Preescolar na Casa

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag