Castañas, landras, noces…

No Outono (PnC)

No Outono (PnC)

Benquerido/a amigo/a. Se acabas de ler este saúdo, segue a ler. Isto vai para ti. Estamos no día 9 de outubro do 2012. Entre as novas que sobresaen no territorio galego está, para moitos e moitas, a ausencia do programa Preescolar na Casa. Fixádevos ben que digo “a ausencia do programa Preescolar na Casa” porque o que é Preescolar na Casa, segue viva, tan viva coma sempre. Fixástesvos que mudei de xénero? A ver se volo sei explicar.

O primeiro que quero contarvos é que  o programa de axuda aos pais do rural que tiñan nenos e nenas en idade preescolar e que nacía no ano 1977, nace sen nome; quero dicir que primeiro se pensa na necesidade de facer algo, -de  intervir educativamente no rural para suplir a falta de unidades de preescolar-  e despois vaise concretando o que, o como e o cando. E cando isto se vai solventando – o que, o como e o cando- nace unha maneira de facer, nace un programa, ao que hai que poñerlle un  nome. Entre as diferentes opcións queda o de “Preescolar na Casa”.

Co tempo fomos vendo que á hora de explicar que era Preescolar na Casa, había –como pasa con case todo- varias opcións. Unha desas opcións é, precisamente,  a que me permite afirmar que “o programa Preescolar na Casa non está pero que Preescolar na Casa segue viva”.

Velaí a explicación. Preescolar na Casa é a acción educativa desenvolvida na casa polos pais, pola familia, antes de que o neno, a nena, asistan a un centro educativo .

E que vos quero dicir con isto? Que segue a ser certo aquilo de que “O saber, as raíces ten na casa de cadaquén” e que “o bo educador non é o que ensina moito senón o que crea as mellores condicións para que o neno, a nena, aprenda”.

Proposta educativa para este outono (aproveitamento educativo do entorno).

Castañas, landras, noces…… froitos do outono.

Xunto co neno/a –segundo a súa idade, claro-  buscade árbores que teñan estes froitos, dicídelle o seu nome, reparade xuntos como está cada un deses froitos na súa árbore…., cóntalle….

Collede castañas, landras, noces…. e levádeas para casa, abride algunha, mirade como son por dentro…. Por certo, procurade collelas de diferentes tamaños –grandes, pequenas, medianas.

As que están sen abrir, deixádeas nunha caixa –ao alcance do neno/a para que as colla cando queira … (non encerran ningún perigo)

E agora? Pois agora poderemos xogar a clasificalas:

- as castañas nun montonciño, nun prato ou sobre dun cacho de papel, cartón…, as landras noutro e as noces noutro…

- se temos diferentes tamaños de castañas podemos “clasificalas”  poñendo as grandes nun prato ou non montonciño, as pequenas noutro e as medianas noutro….

- aaah!!!! , se collemos follas de castaño, de carballo e de nogueira…., podemos colocar enriba delas os seus froitos segundo corresponda.

Nota: Se o neno/a é moi pequeno/a abonda con que as toque, as colla, as tire e mesmo as leve á boca. Se están lavadiñas, non pasa nada. E, por certo, non caiades na tentación de facer preguntas “a ver se aprendeu”. A pregunta só está permitida cando teñades a certeza de que vai responder ben. Isto é un xogo, un xogo co que se aprende, pero sen présas e, por suposto sen exame.

Marisol Fernández Rocha (Outono 2012)

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag