Sentindo a ausencia

¿Qué importa, irmán, que morra a pomba se deixa os seus pombiños a voar? (Darío Xohán Cabana)

Nestes días nos que en Preescolar na Casa deberíamos estar preparando o comezo de curso…, estamos noutras. Estamos noutras

Sentindo a ausencia Marisol Fdez Rocha

Sentindo a ausencia Marisol Fdez Rocha

circunstancias ben diferentes ó que tantos e tantas quixeramos. Serán moitas as familias, pais, nais, nenos, nenas, avós, avoas… que nos boten en falta. Tamén nós botamos en falta estar entregados á preparación do curso e, aínda que haberá outros momentos para facer un amplo reconto, non podo deixar pasar estas datas sen dirixirme a todos e todas os que dunha maneira ou doutra sintades a ausencia da presenza deses espazos das familias nos que tanto vós –pais, nais, avós, nenos e nenas- tivestes a oportunidade de compartir xogos, reflexións, inquedanzas… e tantas e tantas experiencias difíciles de describir.

Non interesa que o programa Preescolar na Casa teña demostrado que “os primeiros anos son decisivos na formación da persoa adulta”; si, son decisivos porque sodes moitos e moitas os que como pais e nais o tedes comprobado, “que os nenos non agardan”; si, sabemos que a estimulación axeitada e no momento axeitado vai marcando o desenvolvemento de cada neno e de cada nena; “os pais son imprescindibles no proceso educativo” si, e nos primeiros anos non só sodes indispensables, senón que sodes imprescindibles.

Imprescindibles, porque non hai absolutamente ningunha institución que poida suplir a vosa presenza e relación co neno/a na súa propia individualidade. Outra cousa é que as condicións de traballo e as posibilidades de cadaquén aboquen a ter que facer unha escolarización temperá. Pero iso non é o que o neno/a precisan. Todo ten o seu tempo e a construción do apego-desapego ten un tempo para facerse, un tempo no que se constrúe o cerne do ser.

O programa Preescolar na Casa demostrou que se pode confiar nos pais como axentes educativos, e que esa confianza depositada neles, aumenta a súa estima persoal e séntense implicados no exercicio dunha maternidade e paternidade positiva, sabendo que nos primeiros anos se está a conformar o ser dese ser que trouxeron á vida.

O programa Preescolar na Casa explicou con feitos o significado das palabras compensar desigualdades. Igualmente respectou e valorou a nosa cultura, a cultura autóctona, a propia, a nosa; abertos ó mundo desde o que somos e non negando o que somos. E isto fíxose así con tan só partir do contorno social e natural como primeira fonte das aprendizaxes infantís, ideando actividades formativas utilizando os recursos propios e próximos.

O programa Preescolar na Casa foi, como sabedes os que nel participastes, un exemplo cotián de práctica democrática. Non é fácil, amigos e amigas, ver esmorecer, un a un, tantos logros conseguidos con tantos e tantos esforzos. Pero… como ben dixo Darío Xohán Cabana: “¿Qué importa que nos maten se deixamos semente de mencer?”.

Con tanto agarimo como sempre soubestes acoller a quen chegou onda vós como “de Preescolar na Casa”.

Marisol Fernández Rocha (Presidenta da Fundación Preescolar na Casa)

(Publicado no diario El Progreso o 9 de setembro de 2012)

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag