Diante do fin da etapa en Preescolar na Casa

A Fundación Preescolar na Casa puxo fin á súa actividade coa reunión de fin de curso. En dita reunión, a Presidenta da Fundación Marisol Fernández Rocha, en nome de todos os patróns, agradeceu aos traballadores e traballadoras o seu traballo e dedicación ao longo de todos estes anos, manifestando o seu pesar polo peche dunha Fundación que traballou honestamente a prol de mellorar esta sociedade dende o ano 1977. Despois das súas palabras, deuse lectura a unha carta de Alejandro Fernández Pumariño, patrón, ex Presidente da Fundación e persoa que estivo dende os seus inicios en Preescolar na Casa. Deixamos aquí o contido desta carta:

Diante do fin de etapa en Preescolar na Casa

Estamos poñendo remate a un curso escolar e a unha etapa do programa Preescolar na Casa, que pode terminar sendo o remate da súa propia historia.

Estiven acompañando a PnC dende a súa xestación, tanto mentres formaba parte das actividades de Cáritas como dende que acadou autonomía de seu; teño estado presente fisicamente na clausura de algúns dos moitos cursos académicos desenrolados, e hoxe síntome na obriga de dicir algo. Lamentablemente ao final non podo facelo de xeito directo, e por iso remito estas notas que tiña  escritas como guión pra a miña intervención,  por se considerades oportuno que alguén faga lectura dela.

É posible que cumprise esta obriga de dicir algo hoxe  facendo o que contan  fixo Dalí nunha xornada académica nun Centro de Estudios Superiores á que fora convidado: Despois de saudar díxolles ao claustro e alumnos “seré breve; terminé”. Actuando así estaría presente neste acto e, ao tempo, deixaría claro que “non hai palabras”.

De tódolos xeitos hai dúas palabras que non aguanto omitilas: Grazas e ánimo.

1ª GRAZAS!

“É de ben nacidos ser agradecidos”.  A pesares da tristura por ter que compartir a vivencia do remate,  que desexo sexa tan só dunha etapa de PnC, o sentimento de gratitude debe  sobrepoñerse:

- Grazas a tódolos traballadores que fixestes de PnC o que chegou a ser; todos aportástedes saber e entusiasmo ate tal punto que foi posible sacar  aos pais da rutina de cada día para tentar xuntos fornecer as súas habilidades educativas; foi iso o que acadou que unha idea educativa acertada de don Antonio Gandoy fose perfilándose ate acadar o recoñecemento de propios e alleos. Foi o voso traballo polas aldeas, vilas e cidades de Galicia o que mereceu o recoñecemento da sociedade en xeral, e particularmente dos pais que participaron no programa e das autoridades educativas que o validaron, ao punto de que as Administracións o financiaron. Por iso quero deixar constancia neste relevante acto do meu agradecemento a todos, ós que estades aquí hoxe e ós que non puideron estar, e tamén ós que estiveron e deixaron de estalo, particularmente ós que  tiveron que abandonar polo despedimento de hai  seis meses;  que eles recibisen tal despedimento non impediu que, finalmente, teña que acontecer o mesmo para  os demais.

- Grazas aos que foron integrantes do Consello de Caritas de Lugo ate que naceu a Fundación e integrantes do Padroado da Fundacion, dende os finados don Antonio Gandoy, don Aurelio, e dona Adela Vila ate os que o seguen a ser, pasando polos que deixaron de selo por esgotar o prazo para o que foran elixidos ou por vontade propia, porque a súa presenza e intervención non só foi legalmente necesaria senón vivencialmente imprescindible;  non só para o acerto nas decisións senón sobre todo na decisión máis relevante que foi a de tirar para diante a pesares da angustia e medo que sempre nos acompañaron pola inseguridade de futuro, que foi a característica esencial deste programa dende que naceu e ate hoxe

- Grazas aos técnicos das Administracións, tanto da Consellería de Educación como dos demais departamentos da Administración Central, autonómica e local que nos financiaron, por ternos sometido a avaliación permanente tanto dos métodos pedagóxicos empregados como dos resultados acadados, e mesmo por ter revisado tódolos anos as nosas contas; se os Sres. Inspectores de Educación e os Sres. Interventores non tivesen cumprido tales cometidos seguro que non sempre teríamos acertado a estar en estado de permanente revisión.

- Grazas aos que desempeñaron os cargos de decisión nas administracións central, autonómica e local durante o tempo en que estas administracións nos estiveron financiando, porque demostraron saber buscar a maneira de dedicar unha importante cantidade económica para este programa de educación infantil familiar a pesar de dispoñer sempre de orzamentos insuficientes.

Sendo os ingresos da comunidade autónoma de Galicia moi inferiores aos que actualmente tén,  houbo  responsables políticos que foron capaces de dar prioridade ó financiamento  dun programa que estivo a ser durante todos estes anos un acicate eficaz a prol do mantemento do rural.

Os que dirixen agora os departamentos da Xunta de Galicia mudaron de criterio, pero non foi porque o labor dos traballadores de PnC perdese calidade ou eficiencia, pois ningún informe de Inspector de Educación algún se nos fixo chegar en tal sentido. A través dos medios de comunicación chegaron algunhas razóns para ter mudado de criterio, e mesmo en vía parlamentaria se expresaron aparentes “razóns”  para xustificar o remate das subvencións a PnC, pero, con todo respecto, non as estimo convincentes; fronte a elas alzou a súa voz un elevado número de cidadáns e dende logo sindicatos e, mesmo, os partidos políticos. É unha decisión política e hai que acatala, porque non cabe outra, pero quédanos o dereito a discrepar.  Estimo que era máis coherente dicir que é un dos recortes provocados pola crise económica, pero tal alegación non podería evitar que se constatase  que a capacidade económica da Xunta de Galicia é hoxe superior á que tiña cando non só subvencionaba a PnC senón que a impulsou incorporándolle o que fora o programa “En familia”. Xa daquela existían en Galicia as circunstancias escolares ás que agora se alude como razón para afastar a PnC do financiamento.

Grazas a sociedade en xeral por ter acollido o labor desenrolado, por telo valorado, por telo apoiado, por telo defendido… Cantos esforzos dos integrantes dos Sindicatos, dos partidos políticos (de todos eles sen excepción) cantos persoeiros manifestándose a prol de PnC, dende pais e nais que estaban participando ou tiñan participado, ate políticos que estiveron ao noso carón, ate catedráticos das Universidades de Galicia, ate escritores e mesmo tertulianos. A sociedade galega foi un clamor fronte á desaparición de PnC, polo que, a pesares de estar agora na Unidade de Coidados Paliativos,  ainda non está dita a última palabra

2ª.- ANIMO!

Os traballadores de PnC pasades a vivir unha moi triste experiencia, ao igual que moitos miles de traballadores de España; tedes que afrontala coa mesma convicción que tedes afrontado o traballo en PnC; se fostes capaces de conseguir que os pais saísen da súa casa para dedicar un tempo a reflexionar xuntos a prol dos nenos,  tedes demostrado capacidade e forza suficiente para enfrontar a nova situación e saír adiante…

Compartimos a tristura por ver desaparecer algo no que tíñamos ilusión, pero cómpre seguir;  e, por iso,  deséxovos  sorte para que o antes posible contedes con actividade remunerada.

Quero que saibades que estou agradecido pola consideración que sempre me tedes dispensado. Graciñas.

Alejandro Fernández Pumariño

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag