Ser autónomos, con Tonucci (Programa nº 709 na TVG)


Francesco Tonucci é un nome grande no mundo da pedagoxía. Mestre, pedagogo, escritor e debuxante, é capaz de plasmar a visión que do mundo teñen os máis pequenos. Aproveitando a súa presenza no XI Encontro de Familia e Escola fomos ata o Barco de Valdeorras a falar de nenos e nenas, de familia, de sociedade e de educación. A súa visión e as súas tentativas son moi próximas ás que temos en Preescolar na Casa. Tonucci é un lúcido pedagogo que analiza a infancia e ensina a mirar o mundo con ollos de neno. Ser autónomos.

AS COUSIÑAS DE CADA DÍA

Á hora de preparar a comida dos nenos hai que ter en conta unha serie de medidas específicas. Aínda teñen inmaduro o seu sistema inmune. Por iso as súas comidas teñen que ser preparadas e manipuladas con moito coidado e nunha estritas condicións de hixiene. O sentido común dos pais e algunhas sinxelas recomendacións poden axudar. Como principio convén recordar que somos o que comemos e que a saúde do corpo cocíñase na fábrica do ventre. Seguridade e hixiene nos alimentos.

A AVENTURA DE CRECER

María Montessori resaltaba a importancia educativa dos primeiros anos. Salientaba o triángulo formado polo ambiente, o amor e os nenos. E dicía que as mans son os instrumentos da intelixencia humana. Os nenos que moven as mans están a abrir a billa dunha fonte inesgotable de goce, comunicación e aprendizaxe. Manipulando os obxectos vanse apropiando do mundo. A man é instrumento da intelixencia humana. E isto é máis evidente nas pequenas pero xigantescas conquistas dos primeiros anos. Explorar o mundo coas mans.

XOGAR E BRINCAR

O contorno está cheo de sons. Chegan ata os oídos e no cerebro vólvense intelixibles. O son é a materia prima da música. Se coidamos o seu contorno sonoro, se lles ofrecemos sons fermosos e lles acompañamos na súa escoita estaremos a ensinarlles a amar a música, un medio potente de comunicación emocional. A música edúcanos, fainos mellores. E un universo sonoro, rico e de calidade axúdalles a desenvolverse mellor. O contorno está cheo de música.

CONTRAPORTADA

Vimos de celebrar en Viana do Bolo a Semana da Acción Mundial pola Educación 2012. Foron días dedicados a reflexionar sobre a importancia da educación temperá. E tamén de reclamación dun ensino universal e de calidade para os 67 millóns de nenos e nenas que non teñen acceso á educación. Recibir unha educación de calidade é unha demanda e unha necesidade para partir en igualdade de condicións en calquera lugar do planeta. Na Galicia rural tamén. Semana Mundial da Educación.

PREESCOLAR NA CASA ESPAZOS EDUCATIVOS

PROGRAMA de TV Nº 709

TÍTULO: Ser autónomos

DATA DE EMISIÓN: 2 de Xuño de 2012

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag