Preescolar na Casa adhírese ao Manifesto da Semana de Acción Mundial pola Educación
Esta semana, do 23 ao 29 de abril é a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME). Millóns de persoas en todo o mundo mobilizaranse para recordar ás e aos líderes políticos a importancia de que todos os nenos e nenas poidan acceder a programas de atención e educación nos seus primeiros anos de vida.
Achegamos unhas notas sobre as razóns de porqué a Fundación Preescolar na Casa se adhire ao manifesto SAME. En liñas xerais por ser unha das institucións galegas que máis tempo leva traballando coa infancia e a familia mesmo anticipándose a leis e recomendacións europeas e por ser a súa misión principal: contribuír a crear na sociedade unha cultura da infancia. Se algunha institución pensou en axudar a mellorar a educación de nenos e nenas galegas, esa foi e está a ser Preescolar na Casa. Sempre coa familia como eixo de intervención e os máis desfavorecidos como prioridade.
Un dos principios que deron orixe no ano 1977 a PnC foi “Os nenos non agardan por respostas futuras, medran”. Por iso é necesario estar atentos e responder as súas necesidades conscientes de que o que se faga nestes primeiros anos de vida á crucial para o seu desenvolvemento posterior. O máis triste é comprobar que para cumprir os obxectivos de Europa 2020 (redución de taxa de abandono escolar, menos desemprego…) recoméndase prestar especial atención a educación e atención da infancia entendendo por atención calquera servizos que van dirixidos a prestarlla, incluíndo a familia como parte esencial en todo o proceso educativo e integrándoa en calquera dos deseños que se fagan para dar resposta ás necesidades educativas da infancia.
Tamén se fala de que é preciso crear un SISTEMA COMPETENTE que garanta a calidade da educación SEMPRE e a TODOS. En Galicia non temos cuberta a taxa de escolarización 0-3 nin moito menos (30%) e, en calquera caso, non todos os nenos, poden e, as familias, queren, unha escola infantil.
Pensar en crear un SISTEMA COMPETENTE que garanta a calidade da educación SEMPRE e a TODOS, implica en pensar que facer con ese 70% que non pode ou non quere acceder a unha escola infantil. Implica pensar que servizos hai que deseñar para facer competente en materia educativa ás familias, á comunidade, a profesionais…
Preescolar na Casa, de non obter apoio económico por parte da administración autonómica, vai desaparecer e con ela, a única proposta educativa galega que concita a participación de 4000 pais, nais cos seus fillos, principalmente de contextos rurais e que está a seguir as directrices e recomendacións mundiais en materia de atención educativa á infancia.
Os actos públicos para apoiar publicamente a Campaña serán os seguintes
· 24 de abril en Santiago de Compostela
· 25 de abril en Vigo
· 26 de abril en A Coruña
· 4 de maio en Viana do Bolo
Tedes máis información na web da Campaña Mundial pola Educación.