Educación e sociedade (Programa nº 702 na TVG)



Hoxe temos no programa a María Dolores Candedo, Profesora de Pedagoxía Social da Universidade da Coruña e Presidenta de Nova Escola Galega. Falaremos con ela da importancia da educación para a mellora da sociedade. Falaremos de políticas de parentalidade positiva, promovidas por Europa, e do importante papel dos pais e nais na educación dos fillos e fillas. Educación e sociedade.

AS COUSIÑAS DE CADA DÍA

O teu fillo está no mundo. E precisa comer. E a primeira e principal recomendación da Organización Mundial da Saúde é que a alimentación con outros alimentos distintos ó leite materno se inicie a partir dos 6 meses. Ata esa idade, os nenos non precisan ningunha outra cousa que non veña dada na lactación natural. Todos sabemos dos beneficios do leite materno, pero chegou a hora de pensar en introducir novos alimentos. Chegan as dúbidas. Que pode comer e que non? Pois ben, falamos das recomendacións da Asociación Española de Pediatría en canto á introdución de novos alimentos. Novos alimentos.

A AVENTURA DE CRECER

A música pode ser un perfecto instrumento educativo. Hoxe, adultos e nenos cantan xuntos. Cantigas: o meu dediño / A, E, I, O, U.

XOGAR E BRINCAR

Agora que chega o bo tempo. Agora que o sol é o rei do ceo. Agora que a luz e a calor invitan a saír da casa, é a ocasión para que os máis pequenos xoguen ao aire libre. Dan ganas de estar fóra, con pouca roupa, para sentir na pel o aire e o sol. Nenas e nenos xogan ao aire libre. Están a usar todos e cada un dos sentidos. Son seres curiosos cos ollos e cos oídos ben abertos. Están a descubrir constantemente cousas novas. É o tempo dos xogos máis físicos. Ás nenas e ós nenos gústalles correr e saltar, deslizarse polo tobogán, arrandearse, agatuñar polas rochas, facer equilibrios nos valados, xogar ás agachadas entre as árbores e as pedras. Socialmente este tipo de xogos motivan para relacionarse e falar, mentres lles permite seguir o seu propio ritmo. Xogando crean regras propias. Xogos na natureza.

LIÑA DIRECTA

A xinecóloga Patricia Vázquez del Río da resposta ás seguintes cuestións: cal é a idade axeitada para ter un fillo e cales son os embarazos de risco?

CONTRAPORTADA

Son pequenos e fortes. Veñen cargados con tanta riqueza que teñen moito que ensinar. Saben facer moitas cousas: moverse, barballar, sorrir, rir… e chorar. Necesitan tocar, e só poderán medrar e desenvolverse ben, se son tocados. As caricias son un alimento do que non poden prescindir. O poder dos bebés.

PREESCOLAR NA CASA ESPAZOS EDUCATIVOS
PROGRAMA de TV Nº 702
TÍTULO: Educación e sociedade
DATA DE EMISIÓN: 14 de abril de 2012

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag