Estamos aquí por unha boa causa: pola educación


Reproducimos as palabras da Presidenta da Fundación Preescolar na Casa, Marisol Fdez. Rocha no Acto de Inauguración das II XORNADAS EDUCANDO NA INFANCIA E NA ADOLESCENCIA celebradas na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo o día 3 de marzo.

Bo día e graciñas por estar:

Convócasenos aquí para repensarmos a educación entre os 6 e os 12 anos.

Recibimos como un agasallo, como un recoñecemento, e polo tanto con gratitude, que a Fundación SM teña contado con Preescolar na Casa para organizar en Lugo estas Xornadas que, como sabedes, comezaron aquí o ano pasado, arredor destas datas, cunha “mirada á primeira infancia”; continúan este ano con “repensando a educación entre os 6 e os 12 anos” e continuarán no 2013, centrándose na educación na adolescencia.

Gratitude tamén ós relatores, ós conferenciantes, que van compartir con nós o seu saber, as súas reflexións.

Gratitude ós que nos van mostrar as súas experiencias que imos ter despois de cada conferencia e que van contribuír a visualizar “a práctica da teoría” e polo tanto aportar, igualmente, elementos para a reflexión.

Gratitude a este Centro que nos acolle, na persoa do seu Director -D. Francisco Rodríguez Lestegás-, que nos acompaña nesta mesa, e a todos e todas os que levades días traballando para que todo se desenvolva da mellor maneira posible.

E graciñas a todos e a todas por vir. Estamos aquí por unha boa causa, pola educación.

Estamos aquí porque queremos aprender, queremos mellorar a nosa intervención educativa, cadaquén desde o ámbito que máis especificamente lle corresponde: como pais, como mestres e tamén como cidadáns comprometidos co momento histórico que nos toca vivir.

Falar da educación esixe falar dos tres pés que a fan posible: familia, escola e sociedade. Familia, escola e sociedade ou sociedade, escola e familia. Os factores son os mesmos pero a perspectiva cambia.

A familia actual, os referentes educativos, os valores que transmiten ós seus fillos e fillas teñen moito que ver co que a sociedade lles transmitiu a eles mesmos no se propio proceso de medrar, no seu propio proceso de facerse persoas. De aí o acertado dito de que “a educación do ser humano comeza vintecinco anos antes de nacer”. Dito doutro xeito: os coidados e atencións que os nenos e nenas, rapaces e rapazas de hoxe, están a recibir na súa casa, o que aprenden na escola e no contorno físico e social no que viven, é o que lles axuda a construírse como persoas e tamén, tamén, para seren no seu día, pais e nais. Por extensión todos –especialmente os profesionais da educación- pero todos, como cidadáns- somos referentes educativos, transmitimos valores….

Os seis anos marcan o inicio da escolaridade obrigatoria. Unha etapa na que como na anterior –na infantil – e na que lle segue –a adolescencia- temos que traballar polo éxito, polo éxito que cada neno cada nena, cada rapaz cada rapaza, poida acadar.

E para iso faise imprescindible que a familia e a escola colaboren na tarefa de educar. Nin a escola pode sola, nin a familia pode sola. Temos que crear unha nova cultura da colaboración familia-escola e familias-escola. Hai que reflexionar xuntos sobre como van as cousas e como se poden mellorar. Nada resolvemos con culpar ó neno ou á nena da súa falta de interese, da súa falta de esforzo…., acheguémonos a el ou a ela a ver que é o que lle interesa, aquilo no que atopa o gusto por esforzarse, agachémonos, se preciso fora, para poder mirarnos ós ollos. Non imos perder autoridade, imos ganala, porque a autoridade gáñase, recoñécese.

Familia, escola e sociedade temos que ir contribuíndo a que “cada rapaz, cada rapaza, remate a educación obrigatoria cuns coñecementos, competencias básicas e valores necesarios para o seu desenvolvemento persoal e profesional e para a súa continuidade nos estudos posteriores no marco da formación e a aprendizaxe ó longo de toda a vida”

Porque  a vida é un continuo proceso de aprendizaxe.

A aprendizaxe leva ó saber . O saber é o que nos fai libres. Canto máis saber, máis libres.

Boa  xornada e  GRACIÑAS A TODOS.

(Lugo, 3 de marzo de 2012)

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag