Unha manifestación política?

Estatua de Antonio Gandoy (Lugo)

Estatua de Antonio Gandoy (Lugo)

Esta carta foi publicada no diario El Progreso o sábado 26 de novembro, día no que se celebrou en Lugo unha manifestación de apoio ao noso programa. Reproducímola:

A través dos medios de comunicación chegounos información da manifestación que para o día de hoxe está convocada, na cidade de Lugo, pola  supervivencia do Programa Preescolar na Casa. Sairá ás doce da Praza do Ferrol ata a Praza do Rei, xunto á estatua do fundador, D. Antonio Gandoy.

No número 3 da Praza de Ferrol, no terceiro andar, tiña as súas instalacións Cáritas Diocesana de Lugo.  Aí foi o lugar de encontro, traballo e reflexión para os que puxeron en marcha un programa ó que houbo que poñerlle un nome que, barallando varias alternativas, quedou co de  Preescolar na Casa.

É importante o contexto socio-económico no que este programa nacía pero,- en aras da brevidade- pretendía evitar a marxinación educativa dos nenos e nenas do rural que non tiñan oportunidade de asistir a un centro de educación preescolar, entrando na escola con seis anos cunhas desvantaxes inicias que, nunha porcentaxe escandalosamente elevada levaban inexcusablemente ó retraso escolar.

Afírmase, non sen razón, que o rural de hoxe non é o rural que xustificou, no seu momento, o nacemento deste programa. A esta afirmación que compartimos, hai que responder que tampouco o Preescolar na Casa de hoxe é aquel que se poñía a andar en xaneiro do ano 1977 con toda a forza e convición que D. Antonio Gandoy poñía no que facía e co imprescindible apoio e axuda daqueles voluntarios que apostaron tamén por esa causa.

Cando a etapa 0-3 non estaba recoñecida oficialmente como etapa educativa, Preescolar na Casa xa viña traballando niso coas familias e no  ano 86 emitía semanalmente, desde Radio Nacional de España en Galicia, un programa educativo para pais de nenos de cero a tres anos cunha duración de trinta minutos. adiantándose ó recoñecemento da etapa 0-3 como etapa educativa.

No ano 1990, cunha subvención do Ministerio de Asuntos Sociais  -con cargo ó IRPF-, poñía en marcha o programa  específico de atención ás familias con nenos/as comprendidos entre os 0 e os 3 anos.

E seguiu evolucionando. Os que participan no programa saben moi ben o que se lles ofrece, saben moi ben o que significa que Preescolar na Casa lles ofreza a oportunidade de compartir con outros pais e nais as súas certezas e as súas dúbidas, de observar o comportamento dos seus nenos e nenas con outros nenos e nenas…, de implicarse gozosamente cos seus fillos e fillas na aventura de crecer e o desafío de educar.

Non é de recibo dicir no Parlamento Galego que non se aposta por este programa porque non responde ás necesidades actuais e que se ofreza no rural a alternativa escolar.

Responder ás necesidades actuais é acompañar canto antes ós pais, ás familias, na súa difícil tarefa de educar. Precisamente para non dicirnos despois desde as instancias educativas, desde a mesma sociedade e desde artigos de prensa que diante dos riscos de internet, do acoso escolar, das drogas e o alcohol, da violencia sexista, das bandas xuvenís  e do fracaso escolar, “unha vez máis, a solución ten que pasar pola familia: implicación, autoridade e formación”. E iso, pregunto eu, quen, como e onde se fai? A que lugar poden acudir as familias que pretenden implicarse, educar con autoridade e formarse?

De momento, salvo a Preescolar na Casa, a ningures. Non ma comparen con outra cousa.

Manifestación política? Claro, pero non partidista, que non é o mesmo.

É a esixencia dun dereito e dunha cuestión social porque como ben se ten dito: “unha sociedade avanza na medida en que se preocupa polos nenos”.

Marisol Fernández Rocha (Membro da Fundación Preescolar na Casa)

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag