Preescolar na Casa e o seu impacto na sociedade rural galega

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) solidarízase con Preescolar na Casa. Un apoio máis dos moitos que fan que nos emocionemos vendo que o noso traballo non vai desencamiñado. Agradecemos fondamente este apoio:

“Para as educadoras familiares que comezamos a traballar nos Servizos Sociais dos concellos rurais de Galicia á finais dos anos 90 foi un impacto coñecer o programa Preescolar na Casa, sobre todo para aquelas educadoras que proviñamos de medios urbanos e nunca houberamos imaxinado o que significaba traballar en intervención familiar e socioeducativa no medio rural: facer quilómetros por carreteras de montaña para chegar os lugares dos domicilios ou centros sociais, xeralmente con condicións climatolóxicas pouco favorables, habilitar os lugares dispoñibles para o traballo comunitario, mobilizar o tecido educativo, sanitario, político e social para difundir o traballo preventivo e a necesidade de crear redes e grupos de familias interesadas na educación e nas relacións de parentalidade positiva, etc. Todo isto e moito máis o viñan facendo as persoas educadoras de Preescolar na Casa que se desplazaban todos os días polas catro provincias galegas para crear espazos de encontro entre as familias, favorecer e educar nas relacións cos fillos/as ou netos/as, en fin promover nos pais, nais, avós e avoas a función educadora da familia e potenciar a importancia das redes sociais.

A importancia do programa Preescolar na Casa baséase nese acercamento do persoal educativo aos lugares máis illados da nosa xeografía e no traballo que fan potenciando a labor educativa das familias, por iso as súas funcións non se solapan coas das escolas infantís, nin coas das ludotecas, nin con calquera outro que se nos ocurra.

Preescolar Na Casa é único, é pioneiro e é necesario. Se é un referente en Europa como exemplo de intervención socioeducativa no medio familiar, se é copiado noutras comunidades e valorado polas persoas expertas na materia, Por que as políticas públicas no poder en Galicia non lle fan o merecido recoñecemento?”

(Comunicado do CEESG de apoio a Preescolar na Casa)

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag