Prevención de drogodependencias, en Outeiro de Rei, Rábade e Begonte

Este luns, 21 de novembro ás 11:00 h. terá lugar no Local B do Colexio Público de Outeiro de Rei unha charla sobre “Prevención de drogodependencias” impartida por Beatriz Traveso Rodríguez, Responsable do Servizo de Prevención de Drogodependencias dos concellos de Begonte, Outeiro de Rei e Rábade.

Esta charla foi organizada pola orientadora da Fundación Preescolar na Casa, Manuela Inés Novo, para as familias participantes nos Espazos das Familias deste Concello.

A familia como principal axente socializador dos nenos ten a responsabilidade de construír un ambiente familiar o máis propicio posible para o positivo e integral desenvolvemento dos máis pequenos. A infancia é a etapa da vida onde máis influenza temos na educación dos nenos, base que sustentará a súa personalidade, as súas maneiras de actuar nas relacións sociais, os estudos, a afectividade,… polo que é de especial relevancia que as nais e os pais adquiran habilidades, destrezas e coñecementos que lles axuden a mellorar este difícil traballo que se traduce na educación para a vida. Neste senso, a técnica de prevención de drogas intentará crear un espazo de atención, apoio e asesoramento de cara a recursos, instrumentos e pautas para fomentar unha educación preventiva, é dicir, unha educación responsable, comprometida, reflexiva e consciente. Intentaremos analizala realidade para comprender os factores de risco e aprender así a previlos fomentando os factores de protección.

As familias debemos aprender a recoñecer que non existe idade temperá para comezar a previr, senón soamente idade tardía.

Esta mesma charla repetirase o martes 22 ás 17:00 no Colexio Público de Rábade e o mércores 23 ás 11:00 na Casa da Cultura de Begonte, esta vez para as familias participantes nos Espazos das Familias de Preescolar na Casa destes outros concellos próximos a Lugo.

Estas charlas están enmarcadas dentro das actividades para promover a parentalidade positiva que desenvolve a Fundación Preescolar na Casa, fundación que ten como misión difundir unha cultura da infancia e reforzar as competencias educativas da familia promovendo Espazos Educativos nos que se acompaña á familia na aventura de crecer e no desafío de educar.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag