Grazas, Preescolar na Casa

Nestes tempos de incertezas, son moitas as mostras de apoio que estamos a recibir. Reproducimos aquí unha carta na que unha nai participante nos Espazos das Familias da Fundación Preescolar na Casa fai público o seu apoio e o seu agradecemento ao traballo que dende esta Fundación se viña a desenvolver ata o de agora. Grazas, Vanesa:

Escríbovos esta carta para amosar o meu agradecemento polo labor que estades a facer coas clases postparto; que ofrecedes a tantas mulleres que coma eu (primeiriza) se atopan, tras un parto cun bebé nos brazos inundadas de tantas dúbidas e emocións contraditorias. Poñedes a nosa disposición un espazo no que somos libres de poder expresar todas esas emocións que nos desbordan e tantas dúbidas que nos atormentan e nos fan débiles ante a presión familiar e social. Un espazo no que chorar, rir, cantar ou bailar, todo é posible. Nel podemos coñecer a outras nais na nosa mesma situación e compartir, sobre todo, experiencias e coñecementos.

Grazas a vos coñecín a Carlos González, Laura Gutman e outros moitos autores que me teñen axudado na miña travesía como nai, cun mellor coñecemento das necesidades da miña filla. Pero non só iso, senón que ademais, e o máis importante é que formamos un grupo de nais que quedamos e nos apoiamos máis aló das clases, como diría Laura Gutman, unha tribo que se axuda para coidar xuntos aos nosos fillos.

Tamén quero agradecer á monitora que nos guiou durante dous anos e que é unha parte importante do grupo. Para min é unha sorte poder contar cunha persoa que nos abre novos camiños e que sempre está disposta a atender as nosas peticións; pero, sobre todo, escoitar con respecto e cariño as nosas preocupacións, abrindo novas ventás polas que mirar un día mellor. Grazas, Isa.

É unha responsabilidade tan grande ser nai que é necesario que o voso labor continúe e se expanda porque así o día de mañá seremos todos mellores persoas, máis respectuosas e máis responsables dos nosos actos.

Por todo, grazas outra vez.

Con todo o meu cariño, un saúdo.

Vanesa (nai participante nun Espazo das Familias de Preescolar na Casa en Redondela)

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag