Carta dunha nai a Preescolar na Casa

Eu son nai dun neno, Xoel, que aínda non ten un ano, e que descubriu Preescolar na Casa o pasado mes de setembro, cando comezamos a ser partícipes deste programa, por iso quero presentárvolo.

Preescolar na casa é un servizo gratuíto, apoiado desde distintas administracións públicas e que está recoñecido a nivel autonómico, estatal e internacional.  Está dirixido as familias con nenos e nenas de 0 e 3 anos. Este primeiro contexto onde se desenvolven favorece que desenvolvan as súas capacidades e potencialidades nos primeiros anos de vida, xa que A INFANCIA, dende o meu punto de vista, como nai e recordos que poida lembrar, É UNHA ETAPA ÚNICA NA VIDA, tanto para o neno ou nena, coma para o seu entorno familiar.

O noso espazo sitúase en Rinlo nunha antiga escola, e integrámolo 5 nenos acompañados xunto con súa nai, pai, avoa, ou titores. Asistimos cada quince días a unha xuntanza de máis de dúas horas por sesión. Alí falamos do papel da familia, da escola, do que se pode facer no terreo da educación, pero eu creo que a educación é cousa, en gran medida, da familia e da sociedade en xeral. Abrimos debates como por exemplo, a educación en tempos de crise, os hábitos da saúde, como a boa alimentación, a actividade física, o consumismo, a violencia, a influencia dos medios de comunicación tanto na ensinanza como na familia, e toda aquela temática que está programada para cada sesión. Expoñemos as nosas dúbidas, temores, consellos, novos coñecementos e nos damos ánimo uns aos outros, iso si, tendo en conta á nosa orientadora Encarna, que dirixe as actividades propostas e intenta coordinar sempre os temas e conversas. Así educámonos xuntos pais, nais e titores. Miramos polos nosos fillos, coidamos deles, impoñemos normas e valores, e tamén eles nos educan a nós, pois a carón dos máis pequenos aprendemos a ser máis e mellores pais, pois, se educamos así, creo que podemos transmitir novos valores, emocións, sentimentos e actitudes.

Alí tamén aprendemos o valor da música, sobre todo as que somos nais por primeira vez, coma min, e estamos a descubrir tamén un novo mundo cheo de curiosidade e novas emocións xunto cos nosos nenos, pois cantamos cancións cos dediños, cantando en referencia aos animais, en corro, ao tempo que os imos tocando, con palmas, etc. Tivemos actividades que reflectían a nosa cultura coma o Entroido, outras como a reciclaxe do papel, onde os nenos, ao lles ofrecer os papeis non paraban de estrullar, resgar, dobrar e incluso recortar neles. Comprobamos que pasan máis tempo cun anaco de papel, ou con unha caixa de cartón que con moitos xoguetes mercados. Tamén elaboramos masa, pintura de dedos, …

Comprobamos que nestes primeiros anos, os nenos e nenas, observan con interese e curiosidade animais, plantas, elementos e fenómenos da natureza, e van formulando conxecturas acerca da súa presenza no contorno nesta sociedade tan cambiante, social, económica e politicamente. Temos que darnos conta de que o papel da familia é fundamental como transmisora de afectos, de seguridade, de normas, como transmisora dunha visión crítica con todo o que está ao noso arredor.

Dicir que as saídas ao contorno posúen un papel de grande importancia educativa: ben polo seu papel motivador, pois xeralmente aos nenos e nenas encántalles e gozan enormemente, ben por unir o xogo á aprendizaxe. O xogo é o instrumento privilexiado para o desenvolvemento das capacidades que se pretende acaden os máis pequenos, tanto polo grado de actividade que comporta, polo carácter motivador, e polas posibilidades de participación e interacción que propicia, como por concienciar na valoración e respecto ao medio ambiente, pois é fundamental nesta etapa iniciar aos nenos e nenas no coñecemento dunhas normas básicas para coidar a natureza.

Quero compartir tamén unha experiencia que vivimos os espazos de Rinlo e San Miguel nunha área ao aire libre, co fin de ser partícipes dunha gravación para o programa Preescolar na Casa que se emite cada semana na Televisión de Galicia (TVG) e onde os telespectadores podemos gozar dun Espazo Educativo. Nosoutros vivimos unha experiencia co entorno natural que tivo lugar o día 26 de abril. Recordo que era unha mañá fresca cun orballo que relucía no campo verde que nos rodeaba, mesmo ese brillo parecía que se reflectía nos ollos dos nenos.

Éramos aproximadamente unha ducia de familias,entre eles Felipe, Lucía, Ana, Xoel, … as cales estábamos descubrindo un mundo cos nosos nenos. Uns non paraban de mirar dun lado pra outro, outros observaban o movemento das follas dalgunhas árbores que nos rodeaban, miraban como os outros collían as flores que acababan de abrir os seus pétalos a mesma mañá. Os máis pequerrechos non daban crédito ao que estaban a vivir, aquel verde do prado parecía que reflectía a ledicia, e o abraio co que estaban a vivir aquela mañá de primavera.

Por outra banda, as cámaras intentaban capturar tódolos movementos de cada neno, apañando as flores, paseando polo campo, entretidos con algún xoguete, demostrando que xa dende ben pequenos se interesan polo mundo das cámaras, mirándose ao espello e atopándose cun mesmo, mirando como caian os pétalos das flores en forma de chuvia dando caricias sobre a cara, subindo polas árbores, ou mesmo repousando un anaco nesta xornada tan participativa.

Víamos como gozaban os nosos nenos e nenas e como tamén nós estabamos a ser protagonistas. Hai que dicir que os cámaras e colaboradores, coidaban con esmero o ambiente da gravación, tratando de crear un clima de agarimo, seguridade e confianza, respectando os ritmos, tanto de pequenos como de adultos.

Para rematar, dar os agradecementos a todo o equipo de Preescolar na Casa, tanto aos orientadores coma aos que traballan na TV, que fan que estas pequenas experiencias nos fagan máis grandes.

Yolanda, nai de Xoel (Rinlo, Ribadeo)

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag