A crise obríganos a ser fortes

Como cada mes de setembro, dende hai 34 anos, dende a Fundación Preescolar na Casa retomamos o labor de orientación ás familias, coa misión de contribuír a crear unha cultura da infancia e reforzar a competencia educativa familiar.

Iniciamos este curso nunha difícil situación, cos profesionais afectados por un ERE, froito dos recortes económicos que vimos sufrindo por parte da Administración. Isto trouxo como consecuencia que 20 destes profesionais non comecen a traballar o día 1 de setembro, e que 19 o fagan a media xornada. Seguirán a xornada completa 13 mestres funcionarios e 3 traballadores da Fundación.

Esta situación obríganos a reducir a nosa presenza no territorio, co cal o número de familias beneficiarias deste servizo verase seriamente reducido, como se ven anunciando dende o pasado mes de maio.

Diante deste panorama, fieis aos valores que nos identifican, comezaremos ofrecendo o servizo ás familias que viven no rural e a aqueles colectivos ou poboacións máis desfavorecidos socialmente.

A través deste medio, queremos agradecerlles profundamente a todas aquelas persoas e institucións que dunha maneira ou doutra nos fixeron e fan chegar o seu apoio ao mesmo que lamentamos profundamente non poder ofrecer este servizo de orientación, a todas as familias que no lo solicitan e que o estaban recibindo ata este momento.

Invitamos a todas e todos os interesados en seguirnos, a que o fagan a través dos diversos medios dos que dispoñemos: programas de radio, programa de televisión, revista, publicacións diversas relacionadas co ámbito da educación familiar e a través da web, do blog e de facebook.

Recordámoslles que a Fundación Preescolar na Casa é unha entidade sen ánimo de lucro, que opera en toda Galicia dende o ano 1977 con profesionais do ámbito educativo, ofrecendo espazos para que as familias compartan un tempo de calidade cos fillos e con outras familias, espazos nos que están acompañados dun profesional da Fundación que orienta e facilita información e formación sobre os diferentes aspectos relacionados coa educación dos fillos e fillas.

Pese a ser tempos difíciles, trataremos de insistir na nosa misión, pioneira e referente a nivel social e educativo. Traballaremos coma o viñemos facendo ata de agora, con honestidade e transparencia, co fin de axudar ás familias a exercer unha parentalidade positiva.

Esperamos que esta sexa unha situación transitoria, durante a cal loitaremos para que o noso traballo poida continuar desenvolvéndose, polo menos como o viñemos facendo nos últimos anos en beneficio da sociedade galega.

3 Responses to “A crise obríganos a ser fortes”

  • María Rodríguez:

    O ler esta noticia, síntome realmente entristecida por esta noticia!!! Teño dúas fillas que non se levan dous anos, e unha poido disfrutar do programa dous cursos e a outra non o poderá facer!!! Nos estamos moi satisfeitos con esta institución, na que empezou o pai das pequenas e gustaríanos que poidera continuar a nosas fillas!
    Espero que a Xunta de Galicia recapacite na súa decisión!!!

  • Pequeniño:

    Que país!! Cousas que pagan a pena pasándoas canutas e outros queixándose de que lles quitan os i-phones!! Precisamos de iniciativas coma Preescolar na Casa. Os polticos deberían ter máis vista.

  • soledad:

    ánimo!!! é moitas grazas por todo o que nos destes, coñecementos e saber escoitar.

    apertas mil, sole.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag