O BNG levará ao vindeiro pleno do Concello de Lugo unha moción para pedir que se manteñan as axudas á Fundación Preescolar na Casa

O BNG someterá á aprobación do pleno do Concello de Lugo unha moción para instar á Xunta de Galicia a manter as axudas a Preescolar na Casa para salvagardar a súa continuidade, cando menos, no nivel actual e así favorecer o mantemento da poboación rural, garantindo a mellora das condicións de vida dos seus habitantes e dignificando o vivir no rural. Esta será a primeira moción presentada polo BNG en pleno neste novo mandato. Este primeiro pleno do mandato celebrarase o luns 5 de setembro.

Paz Abraira resaltou a importancia de manter un programa destas características que “atende a máis de 1.200 familias da provincia de Lugo e a cerca de 4.000 en toda Galicia”. Un programa que tamén se desenvolve no concello de Lugo e que achega o seu traballo a diferentes barrios e parroquias. Segundo Paz Abraira “un total de 96 familias participan nos programas de Preescolar na Casa no propio Concello de Lugo, 1.200 en toda a provincia e 4.000 en toda Galicia”.

Abraira indicou que “este programa naceu en Lugo porque o Concello de Lugo, coas súas 54 parroquias é un exemplo perfecto da necesidade dun programa como Preescolar na Casa”. A edil nacionalista lembrou que “este programa naceu en Lugo no ano 1977 e xa serve como modelo para o desenvolvemento educativo para outras rexións europeas con características poboacionais e demográficas semellantes a Galicia”. Paz Abraira retomou as verbas da presidenta da Fundación Preescolar na Casa e dixo que “nestes tempos de crise temos que entender que a educación, os servizos educativos non son un gasto. Todo o contrario, son o mellor investimento que se pode facer de cara ao futuro”.

O voceiro municipal do BNG, Antón Bao, dixo que “as institucións públicas deben de ser o garante do mantemento de todos os servizos de benestar social tal e como é Preescolar na Casa, que atende a familias, fundamentalmente, no ámbito do medio rural”. Antón Bao dixo tamén que “recollemos a inquedanza dos pais e nais que a través dun MANIFESTO de APOIO de NAIS e PAIS a PREESCOLAR NA CASA reclamaron dos gobernos e das forzas políticas o apoio para manter este programa educativo adaptado ás necesidades do noso país e que xa acadou proxección e prestixio internacional”.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag