Author Archive

Preescolar na Casa no Encontro do CEESGA

O pasado sábado 17 de  decembro, Preescolar na Casa estivo presente no Espazo de encontro: “Miradas educativas na intervención con infancia en dificultade social” que organizou o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESGA). Esta presenza materializouse en tres aspectos:

- Asistencia ao Encontro.

- Reivindicación da necesidade da súa continuidade, realizada na inauguración por parte da Presidenta do Ceesg e avalada co aplauso de todo o público.

- Xustificación da importancia da súa labor a través de toda a intervención do relator Jaume Funes Artiaga (psicólogo, educador e xornalista, defensor dos dereitos da infancia en Cataluña entre os anos 2004 e 2006, autor -entre outros- do libro El lugar de la infancia, publicado na editorial Graó), quen sen referirse expresamente a Preescolar na Casa, repasou os criterios para ocuparse da infancia (0-18 anos) que evocaban claramente a actuación que desde esta Fundación se realiza.

A súa argumentación baseouse en:

1. A situación actual da atención á infancia:

a) O principio de seguir “o interese superior do menor”, é moi ambiguo e normalmente téñense en conta outros intereses antes que os dos nenos.

b) A inexistencia de políticas específicas da infancia, xa que en xeral están diluídas noutras políticas máis amplas: familia, servizos sociais,…o que evidencia a escasa promoción real dos dereitos dos nenos e das nenas e das súas necesidades. En época de crise, de poucos recursos a tendencia é reducir en primeiro lugar os recursos para a atención á infancia, xa que custa evidenciar que é algo non prescindible porque pode previr moitos Read the rest of this entry »

Señores políticos: cultura da infancia

Son dos nosos. A inmensa maioría, honrados e capaces. Están aí porque os puxemos nós. Os políticos son os necesarios interinos do poder. A xente tan lida non haberá que recordar que se algo caracteriza ás sociedades avanzadas é a atención á infancia. Saben que na aventura humana da persoa os primeiros anos son decisivos. Tanta é a importancia da etapa 0-6, cada vez máis invisible, que personalidades como Mayor Zaragoza afirman: “Equivocámonos dando tanta importancia á educación básica: a verdadeira educación comenza no nacemento”. O catedrático da Complutense Fdez. Enguita avisa de que cada euro investido en educación infantil é máis rendible socialmente que na universidade. Porque se non facemos fronte á desigualdades nos primeiros anos, unha espada de Damocles penderá sobre o individuo.

Semella que non aprendimos moito, que os nosos políticos seguen pechados á evidencia. Certamente a tradición cultural da que vimos que remonta a Grecia e Roma borrou a infancia como etapa necesaria ignorando aos nenos. Consideraron que eran homúnculos, simples contedores de futuro. Vinte séculos de historia cristiá non melloran as cousas: os nenos seguen a ser invisibles e as nenas aínda máis. Terá que chegar o século XX para que a Humanidade acade un dos seus cumios: a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a Declaración dos Dereitos dos Nenos.

Esta longa introducción quere salientar o traballo imprescindible que desde hai 34 anos desenvolve Preescolar na Casa cos espazos educativos tentando crear na sociedade cultura da infancia. Non son gardería nin escola infantil. O seu traballo é tan ambicioso que na conservadora Inglaterra acaban de descubrilo. O goberno británico ofrecerá cursos gratuítos ás familias para ensinarlles a criar mellor aos fillos. É parte dos esforzos do Goberno para construír «unha sociedade máis responsable» baseándose en que “a experiencia desde o nacemento ata os cinco anos é o factor que máis inflúe en cómo os nenos se desenvolverán na vida”. Esta noticia manifesta que aquí en Galicia desprezamos aos nosos profetas. O modelo eficaz, barato, exportable de Preescolar na Casa pode ter os días contados. Daquela Galicia será un pouco máis vella e máis pobre e, sen os risos dos nenos, sen o fume das casas, máis triste e solitaria.

Iso si, organizaremos cada semana necesarios homenaxes aos maiores. Despois de que os rapaces titulados embarcaran nas pateras da emigración. Despois de que os nenos do rural foran declarados oficialmente extinguidos. Despois de que o galego esmorecente se garde como rareza etnolóxica na fonoteca da Cidade da Cultura. Señores políticos, cómpre sementar futuro apostando por unha cultura da infancia.

Artigo publicado hoxe (27/10/2011) no diario El Progreso por Juan Antonio Pinto Antón

Carta dunha nai

Os 34 anos da existencia de “Preescolar na casa” fan que, aquel ambicioso proxecto levado a cabo na nosa terra, superara tódalas probas de esforzo proxectadas nos seus principios.

Hoxe, 25 de outubro de 2011, somos testemuña os reunidos, os que trememos ante a decapitación, executada pola propia Xunta,deste proxecto educativo.

Se o meu fillo Martiño, de 30 meses de vida, tivese hoxe a capacidade de expresar o que sinte diría: “Mamá, eu teño o Dereito a que se me respete tal e como son, a desenvolver a miña personalidade e a vivir conforme a miñas crenzas e tradicións”.

Isto é o que se chama “Identidade Propia”.

Esta identidade lógrase con outro Dereito fundamental: A EDUCACIÓN. Este é un termo complexo. Educación é dereito a aprender, a convivir, a ser mellor, a xogar, a recibir atención e tratos non discriminados; é participar en reunións e recibir a información adecuada. É participar.

Todo isto fai que un neno acade o desenvolvemento persoal e emocional adecuado para que non sexa vulnerable ante a sociedade.

Para a miña persoa e para moitas máis nais e pais da nosa terra a educación comeza con “PREESCOLAR NA CASA”. Un saúdo de Sara.

PREESCOLAR NA CASA, un referente da PARENTALIDADE

Estanse a celebrar en Madrid as III Xornadas de Parentalidade Positiva, organizadas polo Ministerio de Sanidad y Política Social

O catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Sevilla, Jesús Palacios, inaugura estas xornadas presentando o proxecto APEGO: promoción da parentalidade positiva no Sistema Andaluz de Salud, proxecto cos mesmos obxectivos que o servizo que Preescolar na Casa leva ofrecendo desde hai uns anos a nais xestantes en colaboracións coas matronas, BO COMEZO.

A raíz dunha pregunta de Sara Paz,  identificándose como membro do equipo de Preescolar na Casa, Jesús Palacios comenta: “que alegría escoitar a alguén de Preescolar na Casa, un REFERENTE DESDE HAI MOITOS ANOS para todos os que traballan e investigan na infancia e na familia. Un pioneiro no tema da parentalidade”.

Díse que ninguén é profeta na súa terra.  Preescolar na Casa está experimentado en carne propia este dito.  Alí onde é coñecida a traxectoria educativa e reinvindicadora da importancia do papel educativo de pais e nais na crianza dos seus fillos, é recoñecida e admirada por ter sido tan constante e firme nas súas conviccións, por ter sido un modelo de actuación.

Recoñecida, por ter interpretado con sabedoría as necesidades latentes das familias, da sociedade, deseñando diferentes actuacións para elas sempre coa idea de que a ser nai, a ser pai, se aprende mesmo desde que deciden selo. Admirada, por ter iniciado un camiño cando era pouco común traballar coa familia en termos educativos, cando este traballo era pouco entendido socialmente.

Agora que leis, recomendacións políticas, investigadores, traballadores polo ben da infancia, polo ben das sociedade, poñen en marcha servizos que promoven o exercicio positivo da parentalidade, en Galicia déixase morrer o único servizo que o leva facendo desde hai tanto e que serviu de inspiración a outros en España e fóra dela.

Mentres sociedades máis desenvolvidas abren ventás á Cultura da Infancia,  en Galicia, onde os nenos e as nenas son un ben escaso, péchanse as portas.

A Preescolar na Casa sempre lle quedará a satisfacción de ter aberto un camiño, ao que o resto do mundo se está incorporando en beneficio dos seus cidadáns. Quedaralle a satisfacción de ter contribuído a xerar unha cultura da infancia, de ter contribuído a que a necesidade de formarse para exercer de pais e de nais, estea na axenda europea.

Preescolar na Casa en Educar para previr

Desde o Centro de Información á Muller do concello de Ponteareas, pediuse a Fundación Preescolar na Casa que abordase o tema da violencia intrafamiliar e como evitar que esta se produza. Será dentro das Xornadas Educar para previr, que se desenvolverán en Ponteareas o próximo sábado día 22 de outubro.

O convite a estas Xornadas convértese nun recoñecemento a tarefa que a Fundación ven realizando en ámbitos moi diversos que teñen que ver coas relacións dentro da familia, cos valores, coa igualdade, coa resolución de conflitos… en definitiva, coa importancia da educación na familia como base para a prevención e para o desenvolvemento persoal san e equilibrado.

Preescolar na Casa nas Xornadas en torno á custodia compartida

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Asociación Galega de Pais e Nais Separados organizan para os vindeiros 22 e 29 de Outubro, na Escola Universitaria de Maxisterio de Lugo, as XORNADAS EN TORNO Á CUSTODIA COMPARTIDA , ENFOQUE MULTIDISCIPLINAR.

O incremento das rupturas familiares e a nova realidade que isto provoca nos nenos e nenas é o tema central destas xornadas nas que, desde un enfoque centrado nas necesidades dos nenos e nenas, se analizará a oportunidade da custodia compartida. Nestes momentos estase a asistir a unha modificación da Lei de Dereito Civil de Galicia que, en materia de familia, podería incluír a figura da “custodia compartida” outras veces denominada coparentalidade ou corresponsabilidade parental como modelo preferente. Dado o alcance e relevancia social desta realidade, considérase necesario constituír un espazo de encontro no que se aborde, dende unha perspectiva plural e multidisciplinar (científica, social, xurídica, etc.), por persoas expertas que porán en común as súas ideas e experiencias, o tema da “custodia compartida”. Á súa vez, as exposicións teórico-prácticas combinaranse coa realización de diversas actividades de contido práctico, como a simulación dunha mediación escolar, intrafamiliar ou dun proceso de familia.

Preescolar na Casa está invitada a participar na Mesa redonda A familia e a escola na educación do neno e da nena, que terá lugar o sábado 22 ás 9.30h.

Liñas do goberno británico en temas de formación familiar, avalan a Preescolar na Casa

Segundo publica La Voz de Galicia, o goberno británico ofrecerá cursos gratuítos ás familias para ensinarlles cómo criar mellor aos seus fillos. Medida que inscriben como parte dos esforzos do Goberno para construír «unha sociedade máis responsable» e baseándose en que “a experiencia desde o nacimento ata os cinco anos é o factor que más inflúe en cómo os nenos se desenvolverán na vida”. Por iso, pretenten chegar a 50.000 familias con nenos de 0 a 5 anos, de calquera clase social.

Esta acción do goberno británico ven corroborar a importancia da acción que a Fundación Preescolar na Casa ven desenvolvendo desde 1977 e que ultimamente se veu avalada pola Recomendación Rec (2006)19 do Comité de Ministros da Comisión Europea aos estados membros para promover o exercicio positivo da parentalidade.

Atopámonos así con accións que van en liña contraria aos recortes que ven experimentando a Fundación e que poñen en serio perigo a continuidade destas accións. Esta experiencia pioneira, 100% galega e altamente refrendada pola satisfacción das familias e dos profesionais colaboradores, necesaria a todas luces para promover a implicación das familias na educación e favorecer o desenvolvemento dos nenos e nenas, lonxe de ser aproveitada e impulsada vese avocada á desaparición.

O Ministerio de Sanidad, Política Social e Igualdad invita a Preescolar na Casa a presentar Bo comezo

Preescolar na Casa presentará os Espazos da Familia Bo Comezo nas III Xornadas sobre Parentalidade Positiva que se celebrarán os días 26, 27 e 28 de Outubro, en Madrid.
Os Espazos Bo Comezo diríxense a familias que están esperando un fillo ou unha filla. Neles trátanse dúbidas, medos e inquedanzas, pénsase como relacionarse coas crianzas desde os primeiros momentos, respondendo as súas necesidades, de modo que se vai tomando conciencia da nova realidade, se descubre a importancia educativa da familia e se anima á implicación do pai desde os primeiros momentos.
A maior parte destes espazos desenvólvense nos Centros de Saúde en colaboración coas matronas e como complemento á educación maternal. Tanto as familias como os profesionais colaboradores manifestan a súa satisfacción con este servizo que no curso 2010-11 achegouse a 221 familias en diferentes concellos de Galicia.
Esta é a segunda vez que o Ministerio solicita á Fundación que presente os seus servizos pois xa fora invitada a facelo nas I Xornadas celebradas no 2009.

Preescolar na Casa imparte cursos de formación para persoal de escolas infantís

“Atención á diversidade: comunicación coas familias” e “Aproveitamento dos recursos: estratexias e destrezas para a construción de material didáctico para o 0-3″, son os cursos que persoal da Fundación Preescolar na Casa impartirá dentro do Plan de Formación continua dos profesionais das escolas infantís 0-3. Desenvolveranse neste último trimestre do ano en distintos puntos de Galicia e están organizados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Novo recurso para a comunidade educativa: educaBarrié

A Fundación Preescolar na Casa asistiu o día 5 de outubro á presentación de educaBarrié. Trátase dun novo canle de comunicación entre a Fundación Barrié e a comunidade educativa que nace como espazo de encontro e intercambio, un laboratorio en rede de experiencias educativas innovadoras que aglutina a toda a oferta educativa da Fundación Barrié e pretende converterse en plataforma de intercambio e comunicación de experiencias útiles para pais e nais, alumnos e profesorado. A páxina web xa está activa e pode consultarse na dirección www.educabarrie.com

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag