10 anos sen Antonio Gandoy

Antonio Gandoy na bicicleta

Antonio Gandoy na bicicleta

Este venres, 17 de Febreiro, ás 8 da tarde na Deputación de Lugo, o Club Valle-Inclán celebra unha homenaxe a Antonio Gandoy, fundador de Preescolar na Casa.
O 11 de febreiro do 2002, a nosa terra perdeu unha inmensa humanidade e unha presenza cálida, esperta, cerca dos que loitan contra a desesperanza, educadora da sociedade e alentadora da xente que sementa educación infantil familiar.
Preescolar na Casa non tería sentido e mesmo non existiría sen a figura deste home que se dedicou a mellorar a vida dos demais. Nestes tempos de incerteza e de crise, cómpre lembrar a súa figura para decatarnos de que o seu pensamento segue vixente.
Preescolar na Casa, que naceu como unha utopía realizable e irrenunciable grazas ao traballo e ao pensamento de Antonio Gandoy, está hoxe a ser referente noutras comunidades e noutros países: un exemplo de programas de parentalidade positiva que se están a poñer en marcha en países tan diferentes como Ecuador ou o Reino Unido.
O mundo educativo en xeral, e Galicia en particular, están en débeda con este home paradigma de compromiso e bo facer. Foi cura, carpinteiro, delegado de Cáritas (xustiza con rostro humano), galeguista, educador.
Comprometido coa terra, co rural, cunha fe inexgotable no poder transformador da cultura e consciente do papel insubstituíbel da familia na educación dos nenos elabora o seu ideario pedagóxico. Principios nos que cría apaixonadamente están de actualidade: A educación e a cultura son bens imprescindibles. Os primeiros anos son decisivos. Os pais e as nais están a facelo ben: son capaces de axudar. O galego identifícanos.
‘Necesítase un pobo para educar a un neno’, di o proverbio africano. Pois algo falla, recordaba Gandoy, cando tantos nenos son condenados a non ter futuro, cando tantas familias non gozan de posibilidades reais de tempo, espazos e de economía para exercer como familia. Por iso apostou, e por iso aposta agora pola parentalidade positiva Preescolar na Casa, programa educativo cun labor máis necesario que nunca.
Dez anos pasaron xa sen a presenza teimuda de Don Antonio no territorio da utopía irrenunciable: o que é necesario ten que ser posible e ademais realizable. E nesa realización está hoxe empeñada moita xente decidida a manter vivo o lume de educar á xente miúda, de mellorar a familia para que xuntos sexan capaces de recrear unha sociedade máis culta e libre, máis xusta e solidaria.
Antonio Gandoy, “O Cura da Bicicleta”, foi unha estampa entrañable e crítica cunha sociedade creadora de excluídos e devorada pola présas e o consumismo depredador. Quédanos a herdanza deste home cun corazón que bombeaba quentura humana onde máis se necesita. Hoxe vive na nosa memoria habitando o verso onde Pondal colocaba aos galegos grandes, bos e xenerosos.
Despois de dez anos do pasamento de Antonio Gandoy a sombra da súa ausencia é unha inmensa e luminosa presenza.

Voluntariado (Programa nº 695 na TVG)

Temos hoxe connosco a Javier Agrafojo, coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela. Falamos con el da importancia do papel dos voluntarios na mellora da sociedade. Falamos de como fomentar dende a familia a importancia de axudar e colaborar de xeito altruísta. Voluntariado. Read the rest of this entry »

Homenaxe pública a Antonio Gandoy este venres

Antonio Gandoy

Antonio Gandoy

Este venres, 17 de febreiro terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo ás 20:00 h. unha homenaxe pública a D. Antonio Gandoy Díaz, con motivo do décimo aniversario do seu pasamento. Antonio Gandoy, “o cura da bicicleta”, foi o impulsor e creador do programa Preescolar na Casa no ano 1977.
Este acto é organizado pola Asociación Cultural Valle-Inclán de Lugo e Preescolar na Casa, e está aberto a todo o público en xeral.

(Ver nova publicada en El Progreso sobre esta homenaxe)

Preescolar na Casa é hoxe máis necesario que hai 30 anos

Marisol Fernández Rocha, Presidenta da Fundación Preescolar na Casa, foi entrevistada no diario El Progreso.

Sacamos un extracto:

“… a alternativa a Preescolar na Casa non son as escolas infantís nin estas son a alternativa a Preescolar na Casa, non son servizos excluíntes, de feito nos últimos anos víñamos colaborando. Non cuestionamos que a Xunta asuma esa necesidade social, pero a xente quere un servizo como Preescolar. O curso pasado atendemos a 4.000 familias. Tivemos 26 nenos de cinco anos, 75 de catro, 262 de tres, 1.181 de dous, 1.771 de un e 717 de menos de un ano. Se as familias demandan o servizo é porque é interesante para elas. Ao noso modo de ver, é esencial, máis necesario hoxe que hai trinta anos. Non hai máis que ver os pais que acuden a pedir axuda por que non son capaces de controlar os seus fillos. Non nos gustan os botellóns, pero non estamos concienciados de que a cuestión educativa é realmente unha cuestión social. Por principio, todos os pais queren o mellor para os seus fillos e son bos educadores, pero moitas veces hai cousas que mellorar…”

(Picar aquí para ler a entrevista completa)

Preescolar na Casa na onda


Nesta semana comezou o Espazo Educativo de radio que a Fundación Preescolar na Casa emite en Radio Principal Monforte e Vilalba, programa gravado nas instalacións da Fundación TIC en Lugo, en virtude dun convenio de colaboración entre ambas fundacións. Este programa vense a sumar ao que se emite na Radio Galega os domingos pola mañá, Un gran esforzo por parte da Fundación Preescolar na Casa para tentar achegar a toda a sociedade unha cultura da infancia. Un instrumento máis para promover a parentalidade positiva.

Preescolar na Casa en Radio Principal Monforte e Vilalba, os sábados ás 14:15h, e na Radio Galega, os domingos ás 8:30h.

10 anos sen Antonio Gandoy (Programa nº 694 na TVG)


Preescolar na Casa non tería sentido e mesmo non existiría sen a figura de Antonio Gandoy, o seu fundador e alma máter ata o seu pasamento no ano 2002. Nestes tempos de incerteza e de crise, cómpre lembrar a súa figura para decatarnos de que o seu pensamento está plenamente vixente. Antonio Gandoy, o crego da bicicleta, como era coñecido en Lugo, foi un home que dedicou toda a súa vida a tentar mellorar a vida dos demais.
A idea de Preescolar na Casa nace das súas reflexións aló nos comezos dos anos 70 sobre o retraso escolar evidente que padecían os nenos e nenas do rural galego. Preescolar na Casa, que naceu como unha utopía realizable e irrenunciable grazas ao traballo e ao pensamento de Antonio Gandoy, está hoxe a ser un referente noutras comunidades e noutros países: un exemplo de programas de parentalidade positiva que se están a poñer en marcha en países tan diferentes como Ecuador ou o Reino Unido.
O mundo educativo en xeral, e Galicia en particular, están en débeda con este home xeneroso, paradigma de compromiso e bo facer. Morreu hai 10 anos, pero nunca morrerá nos nosos corazóns. O programa de hoxe é unha homenaxe Read the rest of this entry »

Apoio ao labor de Preescolar na Casa dende o CEIP A. Insua Bermúdez de Vilalba

Reproducimos aquí a Declaración Institucional sobre a situación actual de Preescolar na Casa asinada polo Claustro de Profesores do CEIP A. Insua Bermúdez de Vilalba. Dende a Fundación Preescolar na Casa agradecemos fondamente estes apoios:

O Claustro de Profesorado do CEIP A. INSUA BERMÚDEZ, na súa reunión ordinaria do 31 de xaneiro de 2012, acordou por unanimidade:

MANIFESTAR PUBLICAMENTE O SEU APOIO AO LABOR QUE REALIZA A FUNDACIÓN PREESCOLAR NA CASA, nun momento especialmente crítico para esta entidade, debido á drástica redución das axudas que viña recibindo por parte da Xunta de Galicia para desenvolver os seus programas.

Preescolar na Casa naceu en Lugo en 1977, e ao longo destes 34 anos de traballo ininterrompido a prol da educación infantil familiar acabou por se converter nunha das experiencias máis destacadas da historia galega da educación e nun referente pedagóxico que se foi anticipando ás necesidades educativas e mesmo comunitarias da nosa sociedade, inicialmente no medio rural e na actualidade cunha presenza diversificada, tanto no ámbito territorial como no tocante ás persoas e colectivos atendidos, nas catro provincias galegas. A súa continuada traxectoria aséntase nunha aposta seria e rigorosa por ofrecer modelos de parentalidade positiva, inseridos na cultura e na lingua do país, e atentos ás situacións de risco e exclusión social que están presentes na sociedade actual. Ao seu traballo no medio rural galego, Preescolar na Casa sumou nos últimos tempos a atención educativa a nais e pais nos cárceres ou con colectivos desfavorecidos nas cidades.

A tarefa de formación e asesoramento de Preescolar na Casa a pais e nais e, no seu caso, tamén a profesionais da educación, dentro da propia comunidade, nos espazos das escolas infantís, ou aproveitando os medios de comunicación nos que ten presenza, é amplamente recoñecida pola sociedade e no eido das Ciencias da Educación, como evidencia a pluralidade de voces que rexeitan a retirada do apoio institucional que pode precipitar a súa desaparición. De feito, o selo propio que Preescolar na Casa imprime a todo o seu traballo pedagóxico e social foi recoñecido internacionalmente en varias Read the rest of this entry »

Convivencia escolar (Programa nº 693 na TVG)


Manuel Dios é o Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, e ven de ser nomeado membro do Observatorio Estatal de Convivencia Escolar, organismo que vela pola convivencia dentro dos centros educativos. Para que esta convivencia sexa posible, os centros teñen que artellar os mecanismos necesarios para isto, ademais de tentar que nenos e nenas sexan educados no diálogo e na resolución de Read the rest of this entry »

II Xornadas Educando na Infancia e na Adolescencia

A Fundación Preescolar na Casa, a Fundación SM e a Escola Universitaria de Formación de Profesorado de Lugo-USC, organizan estas segundas xornadas coas que, baixo o título “Repensando a educación entre os 6 e os 12 anos” (Ver programa), continuamos o ciclo de debate centrado nestes anos e que se pretende teña continuidade noutras xornadas que abordarán a etapa da adolescencia (12-16). Estas xornadas serán continuación das desenvoltas o curso pasado, que levaban o título “Unha mirada á primeira infancia”, centradas no período 0-6.

Estas Xornadas terán lugar os días 3 e 10 de marzo de 2012, e as persoas interesadas en participar poderán facelo a través da web da Fundación SM.

Falarase do período 6-12 anos, no que pretende ser un espazo de encontro para analizar e debater sobre a educación nos anos da primaria, para concretar luces e sombras… retos que a nova realidade presenta e para coñecer e afondar en alternativas e propostas que xa se están realizando.
Porque é preciso facer unha análise que nos permita situar as necesidades das nenas e nenos nestas idades, xunto co modelo de persoa que queremos educar e a realidade social e educativa actual: como se da resposta na familia e na escola e cales son os aspectos que son imprescindibles repensar. Tamén será necesario debater sobre temas e necesidades máis concretas presentes na realidade cotiá (as relacións familia-escola, as novas culturas e procedencias, as novas realidades familiares, a xestión das emocións e dos conflitos…) e coñecer boas prácticas que se están desenvolvendo ao respecto.

Preescolar na Casa en “Lugo de Norte a Sur”

Reportaxe sobre Preescolar na Casa emitido en varios canles de televisión e radio locais, no programa informativo semanal de actualidade da provincia de Lugo, “Lugo de Norte a Sur”, realizado pola Fundación TIC.

II Xornadas Educando na…
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag