REUNIÓNS DE ORIENTACIÓN
As reunións de orientación son xuntanzas entre familias e orientador/a nas que, a través do intercambio e a reflexión sobre as vivencias cotiás, inténtase que as familias se recoñezan como principais educadoras, reflexionen sobre como están educando e descubran novas formas de actuación, contribuíndo a un desenvolvemento integral e harmónico dos nenos. En definitiva, estas xuntanzas son a base para axudar ás familias a coñecer e comprender mellor ós seus nenos e, polo tanto, buscar a resposta máis axeitada ás súas necesidades.
OBXECTIVOS das reunións de orientación
O obxectivo xeral é crear unha concienciación da importancia do papel dos pais á hora de apoiar o crecemento e desenvolvemento do neno, reforzar ou modificar actitudes, crenzas, e prácticas de crianza.
En esencia, o obxectivo de calquera intervención a través do programa Preescolar na Casa. Educar en Familia, debe contribuír a:
1. Desenvolver competencias educativas a través da información e do intercambio cos demais, de lecturas. Ser conscientes das diferentes etapas do desenvolvemento, recoñecelas nos propios fillos e a súas diferenzas co paso do tempo.
2. Promover a transferencia das aprendizaxes á vida cotiá e o resto da familia, de xeito que se identifiquen situacións de aprendizaxe no fogar a través das actividades diarias e se recoñezan os recursos humanos e materiais neste ámbito.
3. Gañar seguridade como educadores, que sexan quen de plantexar as súas propias preguntas e fomentar un intercambio activo co resto dos pais.
Se queres participar ponte en contacto co programa a través das direccións que hai nesta páxina. Poñerante en contacto co orientador da túa zona xeográfica.