Preescolar na Casa

Un programa de formación de pais co fin de axudar a desenvolver plenamente as capacidades dos fillos a través da reflexión sobre o acontencer da vida diaria.

Educar en familia - Preescolar na casa quere ser un referente educativo para as familias e para tódalas persoas relacionadas coa atención e a formación dos nenos.
Preescolar na Casa
· Quen Somos
· Que facemos
· Programa A.M.I.E
· Contacta
· Páxinas amigas
· Colaboradores e Financiadores

Educa ó teu neno

FAMILIA, COMUNIDADE E DESENVOLVEMENTO INFANTIL A TRAVÉS DA MÚSICA. UN CONCERTO PARA BEBÉS

Con este título queremos salientar o valor da familia e da comunidade para o desenvolvemento dos nenos, narrando unha experiencia ó redor da música que promoveu e organizou a Fundación Preescolar na Casa en colaboración co Conservatorio de Música de Monforte de Lemos.

A Fundación Preescolar na Casa pretende apoiar ás familias, como principais educadoras, no período que comprende a educación infantil (0-6 anos), Trátase de organizar espazos de encontro onde pais, nais, nenas e nenos, xunto cun orientador, gocen dun tempo xuntos. Alí, xurdirán posibilidades de aprender doutros nenos e pais, valorando a transcendencia educativa da actividade cotiá para o desenvolvemento dos nenos. Alí, poderán reflexionar sobre as súas actitudes educativas e comprender mellor o comportamento dos máis pequenos, descubrindo outras formas de relacionarse cos fillos...En definitiva, gañarán seguridade como educadores.

Hoxe, despois de 30 anos de andaina, podemos afirmar que investir en programas de apoio ás familias, sobre todo nos primeiros anos da vida, é unha medida eficaz para conseguir sociedades máis saudables física e emocionalmente...é unha forma de promover a prevención.
Pero ademais disto, A Fundación Preescolar na Casa pretende concienciar á sociedade do seu papel educador; reivindicamos neste caso, o dereito da poboación infantil, dos nenos e nenas de 0 a 6 anos, a ter presenza e protagonismo nos espazos culturais, sociais, educativos que se organiza nas cidades e pobos e dos que case sempre resultan esquecidos.

Un proxecto ó redor da música
En tódalas reunións de Preescolar na Casa están presentes as cantigas: cantar xuntos é unha ledicia. Cantamos por cantar e, ó mesmo tempo, estamos a rescatar e a valorar as nosas raíces, a nosa cultura. As cantigas axúdannos a tranquilizarnos, a identificar as partes do corpo, a coordinar movementos, a seguir o ritmo,... Trátase de que as familias sexan conscientes da importancia da linguaxe musical no desenvolvemento global da persoa e descubran o seu papel para axudar ós nenos a desenvolver a sensibilidade auditiva e a gozar cos sons e a música: escoitando, interpretando e creando.
Neste curso 2006-07, pretendeuse dar un paso máis no achegamento da música á familia, concretamente da música clásica, pouco apreciada e valorada pola poboación en xeral. Nese intento de achegarnos a ela, entre a formalidade e a informalidade, fomos concretando aspectos organizativos:
- músicos en directo: mestres e alumnos do conservatorio
- locais especialmente vinculados coa actividade musical
- sesións breves (30 minutos)
- prever e respectar a mobilidade dos nenos
- facilitar o contacto directo cos músicos e os instrumentos.
Coa nosa idea baixo o brazo achegámonos ata o Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez de Monforte de Lemos. Alí explicamos que non se trata dunha actividade académica formal, senón de desenvolver un concerto de música clásica, diferente ó habitual. Queremos un concerto de música clásica para bebés, no que se manifeste o poder engaiolante da música e algo ben constatable : que música e nenos forman un tándem marabilloso .¡¡Aceptan!!
A partir de aí comeza o verdadeiro reto: como se concreta todo para que a actividade esperte o interese das familias por asistir cos seus bebés menores de 18 meses a un concerto de música clásica.
Foron necesarias varias reunións entre o persoal docente do Conservatorio e a orientadora de Preescolar na Casa para concretar: local, aforo, data de celebración, repertorio.... Tamén se fixo imprescindible o contacto directo con outras institucións implicadas. Ó tratarse dun Conservatorio Municipal, dependente da Delegación de Cultura do Concello, todos estes pasos foron supervisados e informados ao responsable correspondente. Obtivemos o seu beneplácito e colaboración non só na organización senón tamén no patrocinio (elaboración de carteis e dípticos).

Un concerto para bebés
E chega o día sinalado, o 29 de marzo de 2007, ás 18 horas: nerviosismo entre os organizadores, os músicos,...e expectativa por parte dos familias: ¿como reaccionarán os nenos?.
Desde Preescolar na Casa recíbese e dáse a benvida ás familias, coméntanse algúns aspectos relacionados coa importancia da música e danse algunhas instrucións relativas ó desenvolvemento da actividade: como actuar se algún neno chora, se quere moverse,...

Balbordo na sala e...de súpeto, a música comeza a soar.Os nenos reaccionan dun xeito diferente segundo a idade. Os máis pequenos, de un a catro meses, comezan a chorar ante a sorpresa e a brusca irrupción da música; buscan a mirada tranquilizadora dos seus pais e pouco a pouco o relax e a calma vaise restablecendo. Os máis grandiños, dun ano en diante, que xa teñen autonomía para moverse solos, senten curiosidade polos instrumentos e os micrófonos. Achéganse ós músicos, tócanos, intentan agarrar os instrumentos, as partituras...por suposto coas pezas máis rítmicas, bailan e aplauden satisfeitos....O concerto está a ser un éxito de participación e goce!

Valoración da actividade
Finaliza a actividade e chega o momento de facer as primeiras valoracións con todos os participantes:
- as familias comentan que lles gustou moito participar nesta experiencia, pola escoita e o goce dos nenos: a súa atención, a tranquilidade, a curiosidade dalgúns polos instrumentos, a sorpresa ó escoitar determinados sons...
- os músicos e responsables do Conservatorio manifestan a súa sorpresa pola resposta dos nenos...e o interesante de comezar tan cedo a motivar ós nenos cara a música.
- os responsables políticos do Concello que asistiron a tan singular concerto, amósanse sorprendidos, non esperaban que nenos tan pequenos fosen quen de concentrarse e gozar dunha experiencia tan inusual, evidentemente, comentan, esta experiencia hai que repetila
- as orientadoras de Preescolar na Casa: alegría pola numerosa participación, a atención, a actitude dos adultos para contribuír a que todo saíse ben.
Posteriormente, con máis calma, realízase unha valoración da actividade. Póñense na balanza esforzos e resultados e, aínda que se recollen aspectos a mellorar como buscar unha maior interacción entre os músicos e os nenos durante o concerto, procurando máis mobilidade para os primeiros e máis espazo de investigación para os segundos, conclúese que mereceu a pena. Constituíu unha boa forma de colaborar e aproveitar diferentes recursos existentes na comunidade, de reivindicar actividades de ocio dirixidas a toda a familia, de incorporar a pequena infancia ás actividades e espazos tradicionalmente dedicados ós maiores e, fundamentalmente, polo goce conxunto de nenos e adultos coa música clásica, a mellor maneira para divulgala.

E un punto final (mellor, un punto e seguido). A música educa. A música afina a sensibilidade. A música crea complicidade entre pais, nais e fillos nos primeiros anos.

Autor: Ana Isabel Santiso Gómez / Sara Paz Combarro
Fecha: 2008-02-02 00:00:00

volver
Deseñada e aloxada por GaliciaDixital
© Preescolar Na Casa· Garaballa de Arriba 9, 27003 LUGO · correo@preescolarnacasa.org