Preescolar na Casa

Un programa de formación de pais co fin de axudar a desenvolver plenamente as capacidades dos fillos a través da reflexión sobre o acontencer da vida diaria.

Educar en familia - Preescolar na casa quere ser un referente educativo para as familias e para tódalas persoas relacionadas coa atención e a formación dos nenos.
Preescolar na Casa
· Quen Somos
· Que facemos
· Programa A.M.I.E
· Contacta
· Páxinas amigas
· Colaboradores e Financiadores

Educa ó teu neno

Preescolar na Casa – Educar en familia: educando dende a televisión

Os pais, as familias, teñen que esixir ás administracións públicas e ás televisións públicas (pagadas cos cartos de todos) que fagan unha programación decente e formativa, reclamar un entreteñemento intelixente e unha programación de calidade.

A televisión é o medio de comunicación de masas por excelencia. Debe ser por iso que ver televisión é a actividade que nos ocupa máis horas despois de durmir e traballar. Pais, nais e educadores deberiamos saber que empregariamos mellor a televisión se aproveitaramos as súas posibilidades de comunicación e de socialización na familia, nas reunións de PnC e na escola. E todos e todas, debemos valorar e utilizar o enorme potencial que ten a televisión para a educación e para o entretemento dos nenos.

Pero para iso, hai que reivindicar que as institucións teñan organismos de control e vixiancia da normativa existente. Os pais e as nais deben ser capaces de seleccionar os contidos, de acordo cos seus intereses e valores: os pais, as familias, teñen que esixir ás administracións públicas e ás televisións públicas (pagadas cos cartos de todos) que fagan unha programación decente e formativa, reclamar un entreteñemento intelixente e unha programación de calidade. Estamos cheos de programas que son un obstáculo para a cultura, que desinforman e que atentan claramente contra os dereitos fundamentais.

Dentro desta liña aparece o programa de TV Preescolar na Casa Educar en Familia. Dende o ano 1990, Preescolar na Casa, conxuntamente coa Televisión de Galicia, realiza un programa de emisión semanal de media hora de duración. Con este programa preténdese ofrecer, á sociedade en xeral e ás familias con nenos de 0 a 6 anos en particular, elementos para a reflexión e para a acción educativa. Claves para que as familias poidan dar resposta ás necesidades do seu fillo e da súa filla desde o momento da concepción. Queremos que o programa traduza en imaxes e mensaxes a filosofía e a práctica educativa de Preescolar na Casa-Educar en Familia.

Loitando contra horarios intempestivos e grellas deseñadas por programadores que teñen como único criterio a audiencia, PnC tenta ofrecer un modelo de televisión onde o bo gusto, a dignidade, o respecto e a sensibilidade polos demais e polos nenos en particular estén presentes. Máis de 500 programas xa emitidos nos avalan.

Entendemos que unha televisión pública debe ser plural á hora de informar, decente e imaxinativa á hora de entreter, e tratar con infinito respecto e cariño ós escasos espazos que se reservan para educar ó pobo.

Porque educar é unha tarefa ben complicada: esixe un traballo e unha tensión que abrangue as vintecatro horas do día. E o primeiro e máis importante teatro de educación é a familia. Hai unha inmensa tarefa encomendada á familia. Dela esperamos case todo. Dicimos que é portadora do máis eficaz sistema educativo.

A sociedade non recoñece este tipo de traballos e mesmo están desprestixiados. Hai todo un sistema económico que ten como motor de riqueza a codicia, e que está a roubar tempos e presencias á familia. Transformamos todo en traballo pagado. É máis importante construír pisos que construír persoas nesas labouriñas de taracea de “fabricar” intelixencia, crear afectos, ou acompañar no desenvolvemento de personalidades fortes e resistentes. Eses traballos de amor son invisibles. Non son valorados como os traballos profesionais. Tampouco se pagan e sen embargo son estes traballiños os que están a construír a sociedade.

Educar é un traballo de amor no que a familia non pode estar soa, como recorda asisadamente o refrán africano: “Necesítase un pobo para educar a un neno”. Empregar as ferramentas que temos ó noso alcance, como pode ser a televisión debe ser tarefa da sociedade. “Gran Hermano” non educa. “Aquí hay tomate" non educa. “Aida” non educa. “Donde estás, corazón” non educa. Non nos queixemos se os nosos fillos repiten modelos que ven reflectidos na televisión. Por iso, a televisión debe ter un papel formativo imprescindible que dunha vez por todas debe asumir.
(Preescolar na Casa Educar en Familia emítese na Televisón de Galicia os sábados ás 8:00 da mañá)

Autor: Equipo TV
Fecha: 2006-11-03 12:45:26

volver
Deseñada e aloxada por GaliciaDixital
© Preescolar Na Casa· Garaballa de Arriba 9, 27003 LUGO · correo@preescolarnacasa.org