Preescolar na Casa

Un programa de formación de padres con niños de 0 a 6 años con la finalidad de ayudar en el desarrollo pleno de las capacidades de los hijos a través de la reflexión sobre el acontecer de la vida diaria.

Educar en familia - Preescolar na casa quiere ser un referente educativo para las familias y para todas las personas relacionadas con la atención y la formación de los niños y las niñas
Preescolar na Casa
· Quienes Somos
· Que hacemos
· Programa A.M.I.E
· Contacta
· Páginas amigas
· Colaboradores y Financiadores

Educa a tu niño

30 anos a carón das familias galegas

“Vinte anos non son nada”, di a letra da canción. E podemos aventurar sen temor a equivocarnos que tampouco 30 anos o son. No mes de xaneiro deste ano, o programa Preescolar na Casa, hoxe en día co subtítulo de Educar en Familia, cumplía 30 anos de existencia traballando polos mesmos principios que lle deron a orixe: acompañar ós pais e nais na difícil tarefa de educar os fillos e fillas.

1. ALGÚNS ELEMENTOS PARA A REFLEXIÓN
“Vinte anos non son nada”, di a letra da canción. E podemos aventurar sen temor a equivocarnos que tampouco 30 anos o son. No mes de xaneiro deste ano, o programa Preescolar na Casa (PnC), hoxe en día co subtítulo de Educar en Familia, cumplía 30 anos de existencia traballando polos mesmos principios que lle deron a orixe: acompañar ós pais e nais na difícil tarefa de educar os fillos e fillas.

Tres décadas despois segue e traballar con máis atrancos que facilidades, coa sensación de estar empezando sempre e de ter que xustificar a importancia do apoio ós pais, nunha palabra: pedindo para traballar. Quizáis o feito de ter que verificar cada día a necesidade que teñen os pais de ser conscientes do seu papel, sexa o que lle dea a forza para seguir intentando, ano tras ano, crear unha cultura da infancia que parta indiscutiblemente da implicación das nais e dos pais na tarefa educativa.

PnC é un programa que navega contra corrente: ofrece un servizo no que se pide a presenza de pais e nais, xusto cando a sociedade se ve obrigada a delegar cada vez máis o coidado dos fillos, porque pais e nais dedican gran parte do seu tempo á súa profesión. PnC ofrece un servizo nunha sociedade sen tempo para a crianza, unha sociedade que non comprende a importancia de prestar atención ó coidado e educación dos máis pequenos desde que nacen dun xeito consciente e reflexivo.

Cando expresamos estas ideas preguntémonos: é consciente a sociedade do que implica EDUCAR a un neno, a unha nena?, percátase da transcendencia que ten no presente e no futuro dos pobos?, sabe que para EDUCAR a un neno, a unha nena, non basta con escolarizalo desde a máis tenra infancia, é coñecedora da importancia da implicación dos pais neste eido para a consecución dunha sociedade mellor, máis xusta, solidaria e tolerante?, darémonos conta algún día que EDUCAR (desde que se nace) é unha responsabilidade de todos? Moitas preguntas para os que traballamos en PnC e levamos anos vendo en que dirección camiña a nosa sociedade. Agora sabemos que se hai algunha resposta ten que vir do traballo conxunto e na mesma dirección da familia, da escola e de toda a sociedade. Xuntas, e nunca por separado, teñen que artellar fórmulas que permitan a implicación de pais na dura pero apasionante e necesaria tarefa de educar ós fillos.

A pesar do tempo transcurrido, dos éxitos educativos, e por que non tamén dos erros que nos permiten aprender e avanzar, seguemos a traballar en paralelo co sistema “¿educativo, social, familiar?”. PnC ten moi claro ó que é, onde está, e cal son as necesidades que pretende responder. Sabe moi ben que un sistema educativo que non teña en conta ós pais é un sistema condenado ó fracaso, un sistema que non trate de facer ver e valorar este aspecto ós propios pais e nais desde que deciden ser quen de selo, está condenado á renuncia e delegación por parte dos mesmos e, en consecuencia a ter que asumir toda canta problemática se derive da mesma: nenos sen afectos, sen unha autoridade responsable, con poucos vínculos familiares, con necesidade de resposta inmediata ás súas necesidades, pouca tolerancia a frustración,…

Feita esta introducción co ánimo de levar á reflexión imos contar que é PnC e como trata de desenvolver a súa acción.

2. UNHA HISTORIA CON MOITOS PROTAGONISTAS
Estamos en 1977. Un equipo de Cáritas de Galicia busca esforzadamente unha resposta á problemática que presenta a educación infantil no medio rural, a falta de igualdade de oportunidades, como raíces do fracaso escolar. Semella unha parvada dicir que cando falamos de infancia falamos de presente e tamén de futuro, e que ata os políticos máis tecnócratas e os economistas máis despiadados saben que investir en educación é a forma máis segura de creación de riqueza. (educación non só formal)

Exactamente en xaneiro de 2007 cumpríronse trinta anos de Preescolar na Casa, froito da intuición xenial e necesaria dun cura grande que pesaba máis de cen kilogramos de humanidade, sentido común e capacidade de prospectiva: Antonio Gandoy.

Este home deuse conta no seu día do evidente, e cunha serie de colaboradores puxo en marcha, con máis entusiasmo que medios, un programa de axuda para a formación de pais en educación infantil na zona rural. As Cáritas de Galicia apoian sen reservas e con recursos económicos un proxecto que vai ter moito que ver no desenvolvemento educativo das persoas e da comunidade. Trátase de dar unha reposta, pequena pero eficaz, ás necesidades das familias rurais con fillos pequenos. Trátase, en definitiva, de formar e educar ós pais e ás nais para que se impliquen na educación dos seus fillos.

Sí, esta larga historia ten moitos protagonistas. Ó longo destes trinta anos de acción educativa pasaron por Preescolar na Casa moitos orientadores e orientadoras (tal é o noso perfil profesional, así é como nos denominamos) que deixaron a pel e o entusiasmo, ó tempo que aprendían dos nenos e da xente, polas corredoiras e aldeas da Galicia rural. Pero os verdadeiros protagonistas son os pais e as nais, son os avós e avoas, son as familias con nenos pequenos que fan cada quincena un notable esforzo por xuntarse para compartir, para aprender xuntos, para acompañar con eficacia educativa ós seus fillos no longo e apaixonante camiño do desenvolvemento persoal, das aprendizaxes e da educación.

O proxecto educativo de Preescolar na Casa pasou por varias etapas nas que a idea inicial foise afianzando ata chegar á situación actual: do programa xurde unha fundación co mesmo nome dándolle así, entidade xurídica propia. A Fundación desenvolve o programa, onde participan 17 profesores orientadores destinados pola Consellería de Educación de la Xunta de Galicia (5 menos que nos últimos anos debido ó recorte da propia Consellería). Outros 53 orientadores e orientadoras están contratados directamente pola Fundación a cargo de distintas subvencións: da Xunta de Galicia, Presidencia: Secretaría Xeral de Política Lingüística; Vicepresidencia: Secretaría Xeral de Igualdade, quince concellos de nosa comunidade, do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, e da Fundación Bernard van Leer.

3. UNS FUNDAMENTOS TEÓRICOS E UNS OBXECTIVOS PRÁCTICOS
Buscando onde cimentar a nosa acción encontramos estes presupostos:

a) A cultura e o saber son indispensables.
Esto significa que a ignorancia e a incultura son terra abonada para a marxinación, o atraso, a dependencia e a inxustiza. A importancia da cultura, é conditio sine que non para realizarse como persoas adaptándose ós cambios que veñen como disparados a queimarroupa.

b) Os primeiros anos de vida son decisivos.
Cada vez son máis os expertos en psicoloxía infantil e atención á infancia que alertan sobre a importancia dos primeiros anos. Estes primeiros anos da vida da persoa son decisivos xa que a capacidade e a necesidade de desenvolvemento intelectual e de equilibrio afectivo está en relación inversa á idade.

c) As nais e os pais son imprescindibles no proceso educativo.
Os pais, as nais teñen un papel irrenunciable na educación do seus fillos. Na casa e nos primeiros anos os nenos maduran afectivamente e constrúen o seu proceso intelectual fortemente condicionados pola atención e o ambiente familiar.

d) Os nenos non esperan.
Os nenos non esperan por solucións futuras porque existen agora e tampouco poden deter o seu proceso de crecemento.

e) A educación infantil familiar é insuficiente.
Entendámonos: falamos de educación infantil familiar que resulta da influencia que recibe o neno na súa casa. Dicimos que é insuficiente porque os pais non son conscientes de todas as súas posibilidades como educadores, nin de todas as necesidades e posibilidades dos seus pequenos.

f) As nais e os pais son capaces de educar.
Os pais e as nais son persoas capaces de adquirir unha formación axeitada para educar ós seus fillos. A ser pais tamén se aprende, aínda que enxendrar fillos é unha das poucas cousas importantes para as que non se esixe formación nin estudios previos.

g) O galego identifícanos

Co tempo fómonos pondo de acordo e acrisolando estes obxectivos sen perder de vista o obxectivo principal: CONCENCIARNOS DA IMPORTANCIA DO PAPEL DOS PAIS Á HORA DE APOIAR O CRECEMENTO E DESENVOLVEMENTO DO NENO/A, REFORZAR OU MODIFICIAR ACTITUDES, CRENZAS E PRACTICAS DE CRIANZA. En esencia, calquera intervención a través do programa Preescolar na Casa. Educar en familia deberá contribuír a:

- Desenvolver competencias educativas a través da información, do intercambio cos demais, de lecturas. Que os pais sexan conscientes das diferentes etapas do desenvolvemento, recoñecelas nos propios fillos e as súas diferenzas co paso do tempo.
- Promover a transferencia das aprendizaxes á vida cotiá e ó resto da familia, de xeito que se identifiquen situacións de aprendizaxe no fogar a través das actividades diarias e se recoñezan os recursos humanos e materiais neste ámbito.
- Gañar seguridade como educadores.

4. A ACCIÓN EDUCATIVA DE PREESCOLAR NA CASA
Aprendemos camiñando. Facemos Preescolar na Casa cada día, e cada día se fai Preescolar na Casa na casa de cadaquén, ou non contorno máis inmediato de cada neno e cada nena. Pois é aí, na casa, no seno da familia, no entorno máis próximo onde adultos e nenos crean una rica trama de lazos, de relación, de interacción educativa.

A pretensión inicial estaba clara: Crear un programa de axuda para formar pais en Educación Infantil. Os outros obxectivos de importancia relevante foron aparecendo e aquilatándose co tempo. En canto ós medios, foron chegando (as árbores máis grandes naceron de sementes cativas). E a cousa foise enriquecendo ¡e complicando! Houbo que buscar debaixo das pedras e por riba das mesas, fora dos despachos e dentro de eles.

Hoxe en día desde a Fundación PnC contamos con seguinte:

1. SERVIZO DE ORIENTACIÓN A FAMILIAS. Articúlase principalmente a través de Reunións de Orientación que consisten en xuntanzas quincenais entre familias e orientador/a nas que, a través do intercambio e a reflexión sobre as vivencias cotiás, Inténtase que as familias se recoñezan como principais educadoras, reflexionen sobre como están educando e descubran novas formas de actuación, contribuíndo a un desenvolvemento integral e harmónico dos nenos. En definitiva, estas xuntanzas son a base para axudar ás familias a coñecer e comprender mellor ós seus nenos e, polo tanto, buscar a resposta máis axeitada ás súas necesidades.
As sesión de orientación poden ser en :
- Grupos Prenatais: ofrecido a familias no 3º trimestre de xestación. Respondendo ó principio de educación anticipadora, e tendo en conta esta etapa na que se atopan as familias é importante unha intervención que contribúa a paliar dúbidas, medos, inquedanzas que cada nai e pai teñen ante a chegada dun fillo. Neste período os pais están máis receptivos á formación para unha maternidade e paternidade responsable.
- Grupos Post- parto: ofrecido a familias con nenos entre 0-9 meses. Espazo de encontro e xogo para novos nais e pais en disfrute do seu bebé. Neste espazo ofrecerase a posibilidade de descubrir e observar o bebé a través de actividades axeitadas ó tempo que se resposta a inquedanzas e interrogantes de nais e pais. A partir desta idade poden incorporarse á Reunión de Orientación máis próxima.
- Grupos heteroxéneos: ofrecido a familias con nenos entre 9 e 36 meses.
- En localidades de baixa poboación os grupos abranguen todas as idades.

As Reunións de Orientación realízanse preferentemente en locais públicos ou, en ausencia deles, en locais privados e nas casas dos nenos.

Unha Reunión de Orientación soe estar estructurada da seguinte maneira:

- SAÚDO E ACOLLIDA, onde os participantes comunican as súas vivencias. Hai bicos e abrazos e ledicia por estar outra vez xuntos: Hai nenos e nenas para os que é todo un privilexio reñer, xogar e falar con outros nenos e con outras nenas cada quince días. Preténdese crear un clima axeitado e un ambiente máis distendido para a realización da reunión.

- REVISIÓN DA QUINCENA, recollida de información de cómo foi a quincena, de acordo coas vivencias da propia familia, aspectos tratados na quincena anterior,…(Desta comunicación xa poden xurdir posibles temas de pais).

- XOGOS E CANCIÓNS, serven para crear grupo. Para traballar o ritmo, a adquisición de conceptos, fomentar a creatividade, favorecer o desenvolvemento da memoria,.. Para recuperar a tradición oral.

- CONTO, para favorecer as relacións afectivas; o desenvolvemento da atención e a memoria, os hábitos de escoita; o desenvolvemento da linguaxe, adquisición de conceptos, … para estimular a creatividade; para manter a tradición oral. Como actividade de fomento da lectura, para despertar o hábito e o gusto polas libros e a lectura desde os primeiros anos.

- ACTIVIDADE CENTRAL / OBRADOIROS, Presentación dunha actividade que leve a pensar no feito educativo; unha actividade na que todos os asistentes toman parte. Trátase de que os pais reflexionan sobre este feito ó tempo que coñecen novas posibilidades de acción y actitudes más axeitadas para educar ós seus fillos e fillas.
Este momento ten o obxecto de:
- Aproveitar o contorno cotiá, tanto físico coma social.
- Que as familias tomen conciencia da importancia do seu papel.
- Trasladar á vida cotiá a actitude e o valor educativo das mesmas, comprendendo que os aspectos que se formulan na reunión só poden ser acadados se posteriormente se reforzan no día a día.
-
- XOGO LIBRE- TEMA DE PAIS
Ó longo da reunión vanse desenvolvendo contidos específicos que interesa resaltar coas familias (programados para ese día ou non) pero, cando a idade dos nenos o permite, establécese un tempo concreto para que, mentres os nenos xogan libremente, os adultos poidan conversar sobre un aspecto concreto relacionado coa educación e desenvolvemento dos nenos. O xogo dos nenos emprégase, en ocasións, para propiciar a observación dos nenos e reflexionar sobre o seu desenvolvemento.
Para esto o orientador leva unha pequena ludoteca que presenta ós pais e ós nenos. É unha maneira de que coñezan novos materiais, ensaien xuntos o seu uso e que os pequenos vivan novas experiencias. Tamén os pais constrúen xoguetes para os seus fillos.

- AVALIACIÓN
Momento de revisión, reflexión e avaliación da propia reunión, para retomar algúns aspectos significativos que se deron e para ser conscientes das reflexións e aprendizaxes dese día, tomar acordos,…

- PRÉSTAMO E INTERCAMBIO DE LIBROS
Co obxecto de fomentar a lectura e hábitos de cooperación, respecto e cuidado de materiais.

- DESPEDIDA
Chega por fin á hora de presentar as actividades para as dúas semanas seguintes buscando como dar resposta ás necesidades e ás posibilidades dos nenos, e tamén, ás preocupacións dos pais. A reunión acaba cun xogo ou cantando, que é a forma máis fermosa de terminar as cousas.
Ademáis dun hábito de socialización que os nenos deben ir adquirindo, este momento é importante crear lazos para que se cree o interese e o compromiso de asistencia. Aprovéitase para:
- Comentar o tema principal da seguinte quincena.
- Solicitar material que é necesario que traigan
- Dar avisos.
- Recoller.

A partir de aquí empeza Preescolar na Casa, na propia casa. Esto parece un xogo de palabras, pero non é ningún xogo. De feito é unha das nosas inquietudes: que os pais se convirtan nos protagonistas de súa educación e na educación dos seus fillos.

2. SERVIZO DE DIFUSIÓN. Comprende unha ampla variedade de accións paralelas ó traballo de orientación directo ás familias. Citamos os programas de radio, o programa de televisión, a nosa revista, a páxina web e outras accións desenvolvidas para a difusión dunha cultura da educación infantil familiar.
Medios cos que conta Preescolar na Casa:

- A radio, con tres programas semanais de media hora de duración en diferentes emisoras: Radio Galega (pódese escoitar na web www.crtvg.es, no apartado de “Radio á carta”, Radio Vilalba-Cadena Ser e Radio Monforte Cadena Ser.
- A televisión, cun programa semanal na Televisión de Galicia, que se emite tamén a través do Canal Internacional Galicia Televisión e pódese ver en Internet na web anterior no apartado de “Televisión á carta”.
- Unha revista para pais cunha tirada de 6000 exemplares e periodicidade bimensual.. A nosa revista trata temas relacionados co coñecemento do neno e as moitas aristas que ofrece a súa educación. Tamén ofrecemos propostas para a utilización educativa del contorno e temas específicos sobre saúde, hixiene e alimentación, os contos, o xogo e o xoguete e noticias de Preescolar na Casa referidas ó mundo da familia e os niños.
- 14 páxinas de teletexto na Televisión de Galicia.
- Páxina web. www.preescolarnacasa.org

5. SOMOS PREESCOLAR NA CASA
Para levar a cabo todo isto o programa conta cunhas figuras esenciais: os ORIENTADORAS e ORIENTADORES: mulleres e homes, profesionais cunha práctica educativa de acordo co espíritu do programa, e cun coñecemento directo e empatía co mundo rural, ámbito de actuación prioritaria.

Os resultados do programa dependen en gran medida destes profesionais que recoñecen un alto grado de implicación cos principios, valores e misión do programa, e quenes manifestan ter máis en conta ós pais nos seus futuros profesionais. Poderíamos dicir sen resultar pretenciosos que traballar en PnC supón un enriquecemento da concepción do rol do profesional ó tempo que unha experiencia co valor engadido de desenvolverse e aprender profesional e persoalmente.

Sen embargo a pesares da alta satisfacción e motivación dos traballadores co programa, sobre eles pende o peso da incertidume constante de non saber que vai pasar o ano vindeiro co agravante de non estar recoñecidos social e profesionalmente. Como comentamos no inicio destas liñas, en moitas situacións estamos “sempre a empezar”.

Neste momento no que escribimos estas liñas traballan directamente no programa setenta orientadores: 63 dedicados a orientación a familias e o resto no servizo de difusión e no traballo de coordinación e xestión. Todos eles son diplomados universitarios ou licenciados.


6. OS NÚMEROS DO CURSO 2006-2007
Só citaremos unha cifra: Neste curso atendemos e traballamos coas familias de 4.352 nenos e nenas exactamente.

Se botamos a vista trinta anos atrás podemos contemplar o percorrido das miles de familias que participaron activamente nun servizo educativo. Imaxinade por un momento que todos estes miles de familias tiveran a posibilidade de seguir descubrindo as aprendizaxes dos seus fillos, tiveran facilidades para entrar nas aulas, para dispor de tempo e acompañar ós seus fillos nese tempo de aprendizaje e novas experiencias. Imaxinade a sociedade galega que resultaría dun sistema coordinado, coherente e harmónico onde tiveran cabida o sistema familiar, o sistema educativo e, porque non PnC incluido neste último, e a sociedade.

Só son cuestións para pensar. Pero reivindicamos o dereito a utopía, a imaxinar un futuro mellor. Porque a educación non pode consistir en ir parcheando as desfeitas do presente senón en adiantarse e buscar respostas facendo labor de prospectiva que consiste en reflexionar sobre o presente e preparar activamente o futuro. Nesta teima estivo sempre Preescolar na Casa. Nesas estamos agora. E aí queremos estar. Mañá e pasado mañá.

Autor: Celia Armesto Rodríguez / Juan Antonio Pinto Antón
Fecha: 2008-03-05 00:00:00

volver
Diseñada y alojada por GaliciDigital
© Preescolar Na Casa· Garaballa de Arriba 9, 27003 LUGO · correo@preescolarnacasa.org