Señores políticos: cultura da infancia

Son dos nosos. A inmensa maioría, honrados e capaces. Están aí porque os puxemos nós. Os políticos son os necesarios interinos do poder. A xente tan lida non haberá que recordar que se algo caracteriza ás sociedades avanzadas é a atención á infancia. Saben que na aventura humana da persoa os primeiros anos son decisivos. Tanta é a importancia da etapa 0-6, cada vez máis invisible, que personalidades como Mayor Zaragoza afirman: “Equivocámonos dando tanta importancia á educación básica: a verdadeira educación comenza no nacemento”. O catedrático da Complutense Fdez. Enguita avisa de que cada euro investido en educación infantil é máis rendible socialmente que na universidade. Porque se non facemos fronte á desigualdades nos primeiros anos, unha espada de Damocles penderá sobre o individuo.

Semella que non aprendimos moito, que os nosos políticos seguen pechados á evidencia. Certamente a tradición cultural da que vimos que remonta a Grecia e Roma borrou a infancia como etapa necesaria ignorando aos nenos. Consideraron que eran homúnculos, simples contedores de futuro. Vinte séculos de historia cristiá non melloran as cousas: os nenos seguen a ser invisibles e as nenas aínda máis. Terá que chegar o século XX para que a Humanidade acade un dos seus cumios: a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a Declaración dos Dereitos dos Nenos.

Esta longa introducción quere salientar o traballo imprescindible que desde hai 34 anos desenvolve Preescolar na Casa cos espazos educativos tentando crear na sociedade cultura da infancia. Non son gardería nin escola infantil. O seu traballo é tan ambicioso que na conservadora Inglaterra acaban de descubrilo. O goberno británico ofrecerá cursos gratuítos ás familias para ensinarlles a criar mellor aos fillos. é parte dos esforzos do Goberno para construír «unha sociedade máis responsable» baseándose en que “a experiencia desde o nacemento ata os cinco anos é o factor que máis inflúe en cómo os nenos se desenvolverán na vida”. Esta noticia manifesta que aquí en Galicia desprezamos aos nosos profetas. O modelo eficaz, barato, exportable de Preescolar na Casa pode ter os días contados. Daquela Galicia será un pouco máis vella e máis pobre e, sen os risos dos nenos, sen o fume das casas, máis triste e solitaria.

Iso si, organizaremos cada semana necesarios homenaxes aos maiores. Despois de que os rapaces titulados embarcaran nas pateras da emigración. Despois de que os nenos do rural foran declarados oficialmente extinguidos. Despois de que o galego esmorecente se garde como rareza etnolóxica na fonoteca da Cidade da Cultura. Señores políticos, cómpre sementar futuro apostando por unha cultura da infancia.

Artigo publicado hoxe (27/10/2011) no diario El Progreso por Juan Antonio Pinto Antón

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag