Educar é educarse

Educar é un verbo que non se conxuga en singular. Somos seres sociais. Uns dependemos doutros. Outros coidan de nós, e nós coidamos deles.

Estamos en pobos, vilas, barrios e cidades onde vivir significa convivir. As historias miúdas teñen máis decencia e son máis reais que a historia oficial. Os protagonistas da historia non son os reis nin os guerreiros. é o pobo o que constrúe a historia, o que edifica as cidades, o que crea a cultura, o que cultiva a palabra. Todos os camiños do mundo nacen onde vive xente e chegan ata onde vive xente.

Educámonos xuntos. Nais e pais terman dos fillos, coidan deles, impoñen normas e valores. Nenas e nenos educan ós pais. A carón dos máis pequenos  aprenden a ser máis pais, mellores nais.

A familia terma de todos, acolle e acubilla. Mostra preferencia e dedica os mellores esforzos e recursos ós febles: ós enfermos e ós discapacitados, ós avós e ós bebés, ós que perden o paso e necesitan que lles boten unha man. Porque nada hai tan inxusto como tratar igual ós que son fondamente desiguais. A familia xamais se comportará como un hospital que cura os sans e mata os enfermos.

Na familia que vive xunta, que come ó redor da mesma mesa nunha urdida indestrutible tecida con fíos de amor, non hai sitio  para o negocio da oferta e a demanda. Lonxe de dar sempre a razón, de favorecer ou satisfacer o gusto do cliente, principio sagrado do bo comerciante, a familia que educa ten que contradicir a miúdo os gustos e apetencias dos seus “clientes”. Así, os adultos teñen que renunciar a boa parte do mundo propio para edificar cada día o mundo compartido da familia.

Certamente vivimos momentos complicados no eido social, económico e dos valores, pero cada época foi percibida como crítica e difícil polos seus contemporáneos. O que é evidente é que hoxe a familia precisa axuda. Os pais necesitan aprender xuntos e Preescolar na Casa ofrece cada semana na práctica totalidade dos concellos de Galicia, lugares de encontro, espazos de educación e de palabra.

Falamos da casa, falamos de nais e pais, fillos e fillos. Falamos da familia, un poderoso escenario onde aprendemos a cotío que educar é educarse.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Enquisas

Consideras que Preescolar na Casa é un programa necesario?

View Results

Loading ... Loading ...
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag