Apostando pola Igualdade

Apostando pola Igualdade (Preescolar na Casa)

Queremos facer visible nos Espazos Educativos coas familias e na sociedade  que a realidade que vemos e o mundo que vivimos ten dúas metades complementarias: a feminina e a masculina. Coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, queremos construír igualdade coas cousiñas pequenas que ofrece o día a día das familias, nas casas. Demasiadas veces a cara feminina da realidade é invisibilizada, ninguneada e mesmo maltratada. Cada vez é máis visible que a violencia e a intolerancia son as armas dos covardes e machistas fracasados. É unha estratexia ben idiota para empobrecernos.

O mundo, a sociedade e a historia ten mil peles distintas, e todas son necesarias. E ten millóns de rostros diferentes que compoñen o fermoso rostro da familia humana. E ten miles de millóns de mans que só cando traballan xuntas poden modelar as mellores conquistas e construír a casa común.

Pouco a pouco decatámonos de que sen a participación activa dos homes non é posible construír a igualdade. E que é tarefa urxente alfabetizar  emocionalmente aos fillos, á mocidade. Aínda hoxe temos pendente superar os estereotipos dunha cultura patriarcal, unha loita que está custando sangue e bágoas, con nome  e cara, case sempre femininas.

Pero coa igualdade de dereitos e oportunidades ganamos todos. A fin de contas, se a Humanidade quere voar cara a un futuro máis humano precisamos dúas ás, a feminina e a masculina. Coa conquista da igualdade só hai riqueza e ganancia de dignidade humana.

Comments are closed.

Preescolar na Casa
En Revistas Educativas
Arquivos:
Translator
Galician flagItalian flagPortuguese flagEnglish flagGerman flagFrench flagSpanish flagCatalan flag